Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

Bolsa para a formación de titulados universitarios no ámbito da I+D+i

Esta bolsa convocouse o 21 de outubro de 2015 e resolveuse o día 18 de novembro de 2015. 

I.- Obxecto

A Fundación Galicia Europa convoca unha bolsa para a formación en prácticas dirixida a  titulados superiores universitarios co obxecto de formar á persoa seleccionada na xestión de proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Esta actividade formativa enmárcase dentro do acordo de colaboración entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) asinado o 20 de xullo de 2015.

 

II.- Datas

O/A bolseiro/a seleccionado/a realizará as prácticas do 23 de novembro de 2015 ao 22 de novembro de 2016.

 

III.- Lugar de realización

O desfrute da bolsa desenvolverase integramente na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

 

IV.- Requisitos

  • Ser nacional dun dos Estados membro da Unión Europea.
  • Ser natural de Galicia, ser fillo de galegos ou ter residencia en Galicia desde antes do 1 de xaneiro de 2013.
  • Estar en posesión dun título universitario superior (licenciatura ou grao), con posterioridade ao 31.12.2008.
  • Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
  • Dominio do idioma galego (Celga 4 ou equivalente)
  • Dominio do idioma inglés (coñecemento equivalente ao nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa)
  • Non ter sido beneficiario de ningunha bolsa da FGE en convocatorias anteriores.

 V.- Descrición da bolsa

O plan de formación incluirá o seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación, a revisión dos documentos de referencia, a identificación das convocatorias de proxectos europeos, a elaboración de solicitudes de proxectos e o seguimento dos proxectos que sexan concedidos no período de desfrute da bolsa.

 VI.- Contía

A contía bruta individual da bolsa para todo o período será de 16.363,68 euros, nos que se inclúen 1.086,84 € en concepto de axuda de viaxe. O pagamento da mesma dividirase en doce mensualidades.

Previa solicitude xustificada do beneficiario, a FGE poderá anticiparlle ata o importe máximo de dúas mensualidades, efectuando durante os meses seguintes as compensacións precisas.

Os beneficiarios das bolsas non poderán estar percibindo ningunha compensación económica derivada dunha actividade profesional por conta propia ou allea ou estar acollidos á prestación por desemprego ou desfrutar doutra axuda de formación durante o período de realización da bolsa.

 

VII.- Prazo e forma

A solicitude será remitida segundo o modelo do anexo que acompaña a esta convocatoria por correo certificado con acuse de recibo ou presentada no rexistro da Fundación Galicia Europa (Rúa Hórreo, 61 15701 Santiago de Compostela ou Rue de la Loi 38, bte.2, 1040 Bruxelas), ata as 15.00 h do día 3 de novembro de 2015. A efectos de axilizar os trámites de admisión, solicítase que os candidatos que opten pola remisión a través do correo certificado envíen copia do formulario de solicitude á conta santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu  ou por FAX a calquera dos números +34 981541013 (Santiago) ou +32 27354678 (Bruxelas).

As solicitudes deberán presentarse xunto co Curriculum Vitae, a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos e copia dos títulos que se valorarán segundo o establecido na base IX “Proceso de selección”desta convocatoria. Bastará copia simple dos documentos citados.

Non serán computables os méritos que non sexan acreditados documentalmente.

 

VIII. Comisión de valoración

Dentro dos cinco días hábiles seguintes aos da publicación desta convocatoria, o director da Fundación Galicia Europa designará unha comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de avaliar o procedemento de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta convocatoria, así como de propoñer a concesión da bolsa á persoa interesada.

A comisión estará composta por unha persoa que exerza a presidencia, unha persoa que exerza as funcións de secretaría e un máximo de tres vogais. A súa composición será publicada na páxina web da FGE. Ningún membro da comisión terá titulación inferior á esixida para ser admitido no proceso de selección.

 

IX.- Proceso de selección

O proceso de selección constará de dúas fases: unha primeira valoración dos méritos acreditados e unha entrevista posterior.

  • Á valoración dos méritos outorgaráselle unha puntuación máxima de 15 puntos.
  • Á entrevista persoal outorgaráselle unha puntuación máxima de 5 puntos.

 

Fase 1: Valoración de méritos (15 puntos)

  • Titulación universitaria superior en ensinanzas relacionadas coa investigación e a innovación. (1 punto). Só se valorará unha titulación
  • Expediente académico: deberase presentar certificado expedido pola universidade no que conste a nota media do expediente calculada segundo o sistema establecido no RD

1125/2003 (ata un máximo de 10 puntos)

  • Master universitario ou cursos de posgrao relacionados co obxecto da bolsa  (1 punto). Só se valorará unha titulación
  • Idiomas (ata un máximo de  2 puntos): 

 

▪ Certificado da Escola Oficial de Idiomas ou de institucións oficiais que acrediten un coñecemento da lingua inglesa equivalente ao nivel C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa:  0,5 puntos

 

▪ Certificado da Escola Oficial de Idiomas ou de institucións oficiais que acrediten un coñecemento da lingua inglesa equivalente ao nivel C2 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa: 1 puntos

 

▪ Certificado da Escola Oficial de Idiomas ou de institucións oficiais que acrediten un coñecemento da lingua francesa equivalente ao nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa: 0,5 puntos

 

▪ Certificado da Escola Oficial de Idiomas ou de institucións oficiais que acrediten un coñecemento da lingua francesa equivalente ao nivel C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa: 1 punto

 

A valoración do título de nivel superior exclúe a do título de nivel inferior da mesma lingua

  • Cursos de ofimática: 0,10 puntos por cada curso valorándose soamente aqueles de duración igual ou superior a 20 horas (ata 0,5 puntos)
  • Cursos relacionados co obxecto da bolsa: 0,10 puntos por cada curso valorándose soamente aqueles de duración igual ou superior a 20 horas (ata 0,5 puntos)

Fase 2: entrevista persoal  (5 puntos)

Aqueles candidatos que cumpran os requisitos sinalados na base IV e obteñan as 10 maiores puntuacións na primeira parte do proceso pasarán a esta segunda fase. Na entrevista, a comisión de valoración poderá efectuar preguntas en inglés ou francés e valorará os seguintes extremos:

  • Coñecemento das institucións comunitarias e das políticas europeas que máis afectan a Galicia (máximo 1 punto).
  • Coñecemento sobre a política científica e tecnolóxica da Unión Europea, do Estado e de Galicia (máximo 1,5 puntos)
  • Coñecemento sobre o programa Horizon2020 (máximo 1,5 puntos)
  • Claridade na exposición dos contidos (máximo 0,5 puntos)
  • Grado de fluidez nas linguas inglesa e/ou francesa (máximo 0,5 puntos)

Dado que a bolsa se desenvolverá integramente en Bruxelas e que parte da comisión de valoración pode estar alí situada, queda aberta a posibilidade da utilización do sistema de videoconferencia.

A bolsa concederase ao/á candidato/a que obteña mellor puntuación global no proceso.

X. Resolución

Unha vez rematado o proceso de selección, a comisión de valoración elevará ao director da FGE unha proposta de resolución debidamente motivada. A resolución do director farase pública na páxina web da Fundación (www.fundaciongaliciaeuropa.eu), xunto coa prelación de suplentes.

XI. Aceptación ou renuncia

No prazo de cinco días hábiles, a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución da concesión da bolsa na web da FGE, a persoa preseleccionada deberá comunicar por escrito a súa aceptación ou renuncia á mesma e acreditar documentalmente os datos, méritos e titulacións esixidos na convocatoria pública así como aos que fixo referencia na súa solicitude ou currículum vitae para adquirir a condición de bolseiro/a en prácticas. Para o seu cotexo, os documentos mostrados serán orixinais ou copias compulsadas. En caso de non acreditarse convenientemente todos os datos, méritos e titulacións, revogarase a proposta efectuada.

Así mesmo, o/a candidato/a acreditará que posúe un seguro médico, ben sexa público ou privado, válido en calquera Estado membro da Unión Europea e en virtude do cal poderá ter acceso á atención sanitaria necesaria por calquera continxencia que puidese acontecerlle durante a estancia de prácticas.

No caso de que exista algunha renuncia, concederáselle a bolsa ao/á candidato/a inmediatamente posterior na lista de reserva resultante do proceso de selección. A lista de reserva establecerase de conformidade coa puntuación obtida.

XII. Compromisos do/a bolseiro/a

Ademais das obrigas xerais que impón a normativa do réxime interno da FGE e o bo uso das súas instalacións e equipos, así como daquelas que se puidesen inferir da convocatoria, a persoa seleccionada deberá:

  • Facilitar á FGE os datos e documentación que se esixa para o cumprimento do expediente da estancia de prácticas e garantir en todo momento a veracidade dos datos e documentos achegados ou solicitados.

  • Finalizar o período de prácticas con aproveitamento, elaborando unha memoria final sobre as actividades desenvolvidas. Se por calquera circunstancia o/a bolseiro/a decide renunciar á bolsa no curso da mesma, deberá comunicalo á dirección da FGE por escrito na maior brevidade posible, estando obrigado igualmente a presentar a memoria final anteriormente mencionada.

  • Comunicar inmediatamente as causas de ausencia ou impuntualidade. Nos casos que proceda deberá facilitarse xustificación documental.

  • Gardar a debida reserva e confidencialidade sobre os asuntos dos que tivese coñecemento, velar pola custodia dos documentos de traballo que se lle poidan confiar e preservar o bo nome da FGE e demais entidades coas que colabore.

En caso de incumprimento dos compromisos e obrigas, a FGE podería decidir a resolución da estancia de prácticas.

XIII. Compromisos da Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa comprométese a:

  • Facer fronte ao pago das obrigas económicas derivadas da concesión desta bolsa, en base ao acordo de colaboración asinado pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza coa Axencia Galega de Innovación.

  • Asignar ao/á bolseiro/a unha persoa que exerza a titoría e que será responsable da súa formación durante todo o período que duren as prácticas.

  • Deseñar un plan de formación co obxectivo de que o/a bolseiro/a adquira experiencia e un coñecemento prácticos.

  • Expedir un certificado de realización das prácticas unha vez finalizado satisfactoriamente o período formativo.

XIV. Relación xurídica

A concesión da bolsa non supón o establecemento nin o recoñecemento de vínculo algún de carácter profesional, laboral, mercantil, estatutario ou análogo entre a persoa beneficiaria e a FGE ou a Administración autonómica. De acordo co Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, o persoal bolseiro queda asimilado a traballadores por conta allea, para os efectos da inclusión no réxime xeral da Seguridade Social.

A FGE non asumirá responsabilidade algunha polos danos e prexuízos de calquera orde que puidese provocar o persoal bolseiro en tanto non se adecúe ás orientacións e consellos do persoal técnico da oficina á que sexa destinado.

A mera presentación da solicitude asinada para a participación no procedemento de selección descrito na presente convocatoria comportará a plena, voluntaria, libre e incondicional aceptación do presente documento, así como de todas as cláusulas da mesma.

A presentación da solicitude de bolsa leva implícita a autorización á FGE para que publique na súa páxina web o nome da persoa beneficiaria e o importe da bolsa concedida, coas excepcións previstas nas leis, e para que inclúa os datos relevantes referidos á bolsa concedida no Rexistro de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 132/2006, do 27 de xullo.

XV. Réxime xurídico

As presentes bases rexeranse polo dereito privado, séndolle aplicable o artigo 120 da Lei 16/2010,  do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia; a disposición adicional 16 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; os principios de xestión contidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e os de información aos que fai referencia o artigo 16 do mesmo texto legal, así como os artigos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que desenvolven ditos principios de xestión e publicidade.


Documentos para descarga

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante