Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

Bolsas para titulados superiores universitarios e en formación profesional en asuntos relacionados coa Unión Europea (2015)

Anuncio do 4 de novembro de 2014 da Fundación Galicia Europa polo que se convocan bolsas para titulados superiores universitarios e en formación profesional en asuntos relacionados coa Unión Europea para o ano 2015

1. Obxecto

Establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de seis bolsas de formación, cinco dirixidas a licenciados ou posuidores de grao universitario e unha dirixida a técnicos superiores de formación profesional na área de Administración e Xestión para a realización de prácticas en asuntos europeos nas oficinas da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e Bruxelas durante o ano 2015. O obxectivo final destas bolsas é facilitar á mocidade galega a mobilidade e o acceso ao mercado laboral, ademais de ofrecerlle a posibilidade de traballar nun contorno multicultural e multilingüe.

As bolsas para titulados universitarios teñen por obxecto que os beneficiarios poidan formarse en temas relacionados co seguimento e a comunicación das políticas comunitarias que máis afectan a Galicia, na captación de financiamento comunitario e na xestión de proxectos europeos.

A bolsa para titulados de formación profesional ten por obxecto proporcionar ao beneficiario a posibilidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante os seus estudos, realizando prácticas de aprendizaxe de tarefas administrativas e de secretariado e familiarizándose, así mesmo, en asuntos relacionados co funcionamento da Unión Europea en xeral e das súas institucións en particular.

As seis bolsas concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

2. Descrición e modalidade das bolsas

a) Catro bolsas estarán destinadas a titulados universitarios para a formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos, nas que se valorarán preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais, Ciencias Económicas e Administración e Dirección de Empresas. Destas catro bolsas, dúas estarán destinadas na oficina de Bruxelas e outras dúas na de Santiago de Compostela.

b) Unha bolsa estará destinada a titulados universitarios para a formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos, con destino na oficina de Bruxelas. Estará reservada para o grao ou licenciatura en Xornalismo.

c) Unha bolsa estará destinada a técnicos superiores de formación profesional para a realización de prácticas con destino na oficina de Bruxelas. Estará reservada para as seguintes titulacións: Técnico superior en secretariado ou Técnico superior en administración e finanzas (ou titulación equivalente).

Os candidatos só poderán presentarse a unha destas modalidades de bolsa e deberán manifestar a súa elección no modelo de solicitude anexo.

3. Requisitos das persoas aspirantes

Para concorrer a esta convocatoria os aspirantes deberán cumprir, á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, cos seguintes requisitos:

a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.

b) Ser natural de Galicia, ser fillo de galegos ou ter residencia en Galicia desde antes do 1 de xaneiro de 2013.

c) Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos, todos eles obtidos con posterioridade ao 31 de decembro de 2007:

c.1.) Para as bolsas de formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos: título universitario superior (licenciatura ou grao).

c.2.) Para a bolsa de formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos: grao ou licenciatura en Xornalismo.

c.3.) Para a bolsa dirixida a titulados de formación profesional: título de Técnico superior en secretariado ou Técnico superior en administración e finanzas (ou titulación equivalente).

d) Non ter sido beneficiario de ningunha bolsa da FGE en convocatorias anteriores.

e) Capacidade funcional: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

4. Solicitude, documentación e prazo de presentación

A solicitude deberá presentarse segundo o modelo do anexo que acompaña a esta convocatoria e ser remitida por correo certificado con acuse de recibo ou presentada no rexistro da Fundación Galicia Europa (Rúa Hórreo, 61, 15701, Santiago de Compostela; ou Rue da Loi 38, bte.2, 1040 Bruxelas). A efectos de axilizar os trámites de admisión solicítase que os candidatos que opten pola remisión a través do correo certificado envíen copia do formulario de solicitude á conta santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu ou por FAX a calquera dos números +34 981541013 (Santiago) ou +32 27354678 (Bruxelas).

Ás solicitudes xuntarase, polo menos, a seguinte documentación en copia simple:

  • Currículo, en formato europass.
  • DNI ou documento equivalente.
  • Documentación que acredite o cumprimento dos requisitos de admisión sinalados na base terceira, podendo, en caso contrario, ser rexeitadas as solicitudes presentadas.
  • Documentación que acredite o cumprimento dos méritos relacionados na base novena. Non serán computables os méritos que non sexan acreditados documentalmente polos solicitantes.
  • Declaración responsable de non ter desfrutado de ningunha outra bolsa da FGE.
  • Declaración responsable de non estar percibindo ningunha compensación económica derivada dunha actividade profesional por conta propia ou allea e de non estar acollido á prestación por desemprego nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, ou, no caso de atoparse nalgunha destas situacións, dun compromiso expreso de renunciar a elas con anterioridade ao momento de incorporación a esta bolsa.

O prazo para a presentación de solicitudes e a documentación remata o día 20 de novembro de 2014.

5. Duración das bolsas e obrigas do persoal bolseiro

As bolsas terán unha duración de 11 meses. As prácticas comezarán o 19 de xaneiro de 2015 e rematarán o 18 de decembro de 2015.

No caso de baixas ou renuncias, poderanse conceder bolsas por un tempo que cubrirá unicamente o que reste desde a data de inicio da nova bolsa concedida ata a data de finalización da bolsa inicial. Para cubrir estas incidencias chamarase por orde de prelación que resulte da lista de reserva publicada dos candidatos que non obtiveron praza. Non se concederán bolsas para suplir renuncias ou incidencias por tempo inferior a un mes.

Os beneficiarios das bolsas non poderán estar percibindo ningunha compensación económica derivada dunha actividade profesional por conta propia ou allea ou estar acollidos á prestación por desemprego ou desfrutar doutra axuda de formación durante o período de realización da bolsa da FGE, para o que deberá presentar unha declaración xurada ao efecto.

Ademais das obrigas xerais que impón a normativa do réxime interno da FGE e o bo uso das súas instalacións e equipos, así como daquelas que se puidesen inferir da convocatoria, os bolseiros deberán:

  • Facilitar á FGE os datos e documentación que se esixa para o cumprimento do expediente da estancia de prácticas e garantir en todo momento a veracidade dos datos e documentos achegados ou solicitados.
  • Finalizar o período de prácticas con aproveitamento, elaborando unha memoria final sobre as actividades desenvolvidas. Se por calquera circunstancia o bolseiro decide renunciar á bolsa no curso da mesma, deberá comunicalo á dirección da FGE por escrito na maior brevidade posible, estando obrigado igualmente a presentar a memoria final anteriormente mencionada.
  • Comunicar inmediatamente as causas de ausencia ou impuntualidade. Nos casos que proceda deberá facilitarse xustificación documental.
  • Gardar a debida reserva e confidencialidade sobre os asuntos dos que tivese coñecemento, velar pola custodia dos documentos de traballo que se lle poidan confiar e preservar o bo nome da FGE.

En caso de incumprimento dos compromisos e obrigas, a FGE podería decidir a resolución da estancia de prácticas.

6. Contía das bolsas

A contía bruta individual das axudas para todo o período será de 12.050 euros para cada bolseiro en prácticas en Santiago e de 13.620 euros para cada bolseiro destinado na oficina de Bruxelas. Esta contía estará suxeita ás retencións fiscais e de cotizacións a Seguridade Social, que veñan determinadas pola normativa vixente. O pagamento da bolsa dividirase en 12 mensualidades.

Para os bolseiros que vaian realizar a súa formación en Bruxelas establécese unha axuda complementaria de 350 euros en concepto de gastos de viaxe que se lles aboará unha vez comezadas as prácticas.

A FGE non aboará ningunha cantidade adicional por outros conceptos, aínda que correrá cos gastos de transporte, aloxamento e manutención nos casos en que, a petición da FGE, o bolseiro deba desprazarse temporalmente para a realización das prácticas, sen exceder en ningún caso o nivel do baremo de dietas aplicado pola FGE que lles corresponda.

Esta convocatoria de bolsas, que ascende a un total de 79.980 €, tramítase como expediente anticipado de gasto. Deste xeito, estas axudas quedan condicionadas a que exista financiamento suficiente no orzamento da FGE para o ano 2015 unha vez que sexa aprobado polo seu padroado.

7. Destinos das bolsas

Das seis bolsas convocadas, dúas están destinadas na oficina da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e as outras catro na oficina de Bruxelas.

Os aspirantes expresarán no modelo de solicitude da convocatoria as súas preferencias polo lugar de realización das bolsas. Esta preferencia terase en conta, sen prexuízo da potestade da Fundación de valorar a idoneidade dos beneficiarios para calquera dos destinos, en función dos coñecementos lingüísticos e da formación académica.

8. Comisión de valoración

Dentro dos dez días hábiles seguintes ao da publicación desta convocatoria, o director da Fundación Galicia Europa designará unha comisión de valoración, que será o órgano colexiado encargado de avaliar o procedemento de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta convocatoria, así como de propoñer a concesión ou denegación das bolsas ás persoas interesadas.

A comisión estará composta por un presidente, un secretario e un máximo de tres vogais. Poderanse nomear, ademais, ata un máximo de dous asesores externos con voz pero sen voto. A súa composición será publicada na páxina web da FGE. Ningún membro da comisión terá titulación inferior á esixida para ser admitido no proceso de selección.

9. Proceso de selección

O proceso de selección desenvolverase de modo simultáneo para as distintas modalidades de bolsa:

I. Titulados universitarios

Esta modalidade de bolsa constará de tres fases:

1.- Unha primeira fase de carácter práctico que constará dos seguintes exames (ata 20 puntos):

a) Un exame de 30 preguntas tipo test de coñecementos da Unión Europea redactado en lingua galega (ata 12 puntos)

b) Un exame de 25 preguntas tipo test de inglés (ata 4 puntos)

c) Un exame de 25 preguntas tipo test de francés (ata 4 puntos)

É obrigatorio realizar, polo menos, un dos dous exames de idiomas para pasar á seguinte fase.

Cada pregunta dos test constará de catro respostas alternativas sendo soamente unha a correcta. De cada tres respostas erradas en cada test descontarase unha acertada, sen que desconten as preguntas deixadas en branco.

Soamente pasarán á seguinte fase, a de valoración de méritos académicos, os primeiros 40 aspirantes da modalidade de asuntos e políticas europeas e os 10 primeiros da modalidade de comunicación das políticas comunitarias que obteñan a mellor puntuación.

En caso de empate na posición 40 e 10, respectivamente, pasarán todos os que teñan esa mesma puntuación.

2.- Unha segunda fase de méritos (ata 20 puntos) Polo que se refire á formación académica, atenderase ao seguinte baremo:

a) Expediente académico: Deberase presentar certificado expedido pola universidade no que conste a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no RD 1125/2003 (ata 10 puntos)

b) Licenciatura ou grao dos denominados como preferentes na base segunda desta convocatoria: 3 puntos (valorarase un só título)

c) Máster universitario ou curso de posgrao universitario recoñecido oficialmente e específico en asuntos europeos; para os aspirantes á bolsa en comunicación das políticas comunitarias valorarase o máster ou curso de posgrao universitario relacionado coa súa titulación ou con asuntos europeos: 2 puntos (valorarase un só título)

d) Idiomas: Título da Escola Oficial de Idiomas en inglés ou francés, ou títulos de idiomas de institucións oficiais que acrediten un coñecemento de inglés ou francés equivalentes ao nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa: 1 punto por título (ata un máximo de 2 puntos). Valorarase neste apartado o título universitario oficial de grao ou equivalente dos idiomas referidos ou o de Tradución e Interpretación.

e) Certificado de Lingua Galega (Celga 4) ou titulación equivalente ou superior, segundo a Orde do 16 de xullo de 2007: 1 punto.

f) Cursos de ofimática: 0,20 puntos por cada curso. Só se valorarán cursos de duración igual ou superior a 20 horas (ata 1 punto)

g) Cursos relacionados cos ámbitos obxecto das bolsas: 0,10 puntos cada curso. Só se valorarán cursos de duración igual ou superior a 20 horas (ata 1 punto)

Só se terá en conta a documentación esixida e baremable, sendo suficiente copia simple.

Soamente pasarán á seguinte fase, a da entrevista, os primeiros 16 aspirantes da modalidade de asuntos e políticas europeas e os primeiros 4 da modalidade de comunicación das políticas comunitarias que obteñan a mellor puntuación no total das dúas fases anteriores.

En caso de empate na posición 16 e 4, respectivamente, pasarán todos os que teñan esa mesma puntuación.

3.- Unha terceira fase de entrevista (ata 10 puntos)

Realizarase unha entrevista na que se valorará o coñecemento xeral e de actualidade sobre asuntos europeos do aspirante e a súa capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente nun entorno multicultural e multilingüe, podendo a comisión de valoración efectuar algunha pregunta en lingua inglesa ou francesa.

Dado que os aspirantes poden realizar as probas en Bruxelas e que parte da comisión de valoración pode estar alí ubicada, queda aberta a posibilidade de utilización de videoconferencia.

As bolsas concederanse aos candidatos que obteñan as catro mellores puntuacións da modalidade de asuntos e políticas europeas e á mellor puntuación da modalidade de comunicación das políticas comunitarias do proceso de selección, tendo sempre en conta as bases da convocatoria.

II. Técnico superior de Formación Profesional

Esta modalidade de bolsa constará de tres fases.

1.- Unha primeira fase de carácter práctico que constará dos seguintes exames (ata 20 puntos):

a) Un exame de 30 preguntas tipo test (ata 12 puntos), redactado en lingua galega e separado en dous bloques de:

- 5 preguntas sobre a Unión Europea

- 25 preguntas sobre xestión administrativa, ofimática e Internet.

b) Un exame de 20 preguntas tipo test de Inglés (ata 4 puntos)

c) Un exame de 20 preguntas tipo test de Francés (ata 4 puntos)

É obrigatorio realizar, polo menos, un dos dous exames de idiomas para pasar á seguinte fase.

Cada pregunta dos test constará de catro respostas alternativas sendo soamente unha a correcta. De cada tres respostas erradas en cada test descontarase unha acertada, sen que desconten as preguntas deixadas en branco.

Soamente pasarán á seguinte fase, que é a de valoración de méritos académicos, os primeiros 10 aspirantes que obteñan a mellor puntuación.

En caso de empate na posición 10, pasarán todos os que teñan esa mesma puntuación.

2.- Unha segunda fase de méritos (ata 20 puntos)

Polo que se refire á formación académica, atenderase ao seguinte baremo:

a) Expediente académico: Deberase presentar certificado académico expedido polo centro educativo no que conste a nota media do expediente calculada segundo o establecido na Orde de 12 de xullo de 2011, pola que se regulan o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial (ata 10 puntos)

b) Titulacións: Título de técnico superior dun ciclo formativo das familias profesionais de Comercio e Márketing ou de Informática e Comunicacións, ou equivalente: 2 puntos. Deberán ser acreditados documentalmente e expedidos por centros oficiais recoñecidos (ata un máximo de 4)

c) Idiomas: Título da Escola Oficial de Idiomas en inglés ou francés ou títulos de idiomas de institucións oficiais que acrediten un coñecemento de inglés ou francés equivalente ao nivel B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa: 1 punto por título. Se acreditan un coñecemento dos mesmos idiomas equivalentes ao nivel B2: 1,5 puntos por título (ata un máximo de 3 puntos). A valoración do título de nivel superior exclúe a do título de nivel inferior da mesma lingua. Valoraranse neste apartado o título universitario oficial de grao ou equivalente dos idiomas referidos ou o de Tradución e Interpretación.

d) Certificado de Lingua Galega (Celga 3) ou titulación equivalente ou superior, segundo a Orde do 16 de xullo de 2007: 1 punto.

e) Cursos relacionados con asuntos europeos: 0,20 puntos por cada curso ata un máximo de 1 punto. Só se valorarán cursos cunha duración igual ou superior a 20 horas.

f) Cursos de ofimática e outros relacionados cos ámbitos obxecto da bolsa: 0,20 puntos por cada curso ata un máximo de 1 punto. Só se valorarán cursos cunha duración igual ou superior a 20 horas.

Só se terá en conta a documentación esixida e baremable, sendo suficiente copia simple.

Soamente pasarán á seguinte fase, que é a de entrevista, os primeiros 4 aspirantes que obteñan a mellor puntuación no total das dúas fases anteriores.

En caso de empate, pasarán todos os que teñan a mesma puntuación que o candidato coa 4ª mellor puntuación.

3.- Unha terceira fase de entrevista (ata 10 puntos)

Realizarase unha entrevista na que se valorará o coñecemento xeral e de actualidade sobre organización dunha oficina e a capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente en contornos multiculturais e multilingües, podendo a comisión de valoración efectuar algunha pregunta en lingua inglesa ou francesa.

Dado que os aspirantes poden realizar as probas en Bruxelas e que parte da comisión de valoración pode estar alí ubicada, queda aberta a posibilidade de utilización de videoconferencia.

A bolsa concederase ao candidato que obteña a mellor puntuación do proceso de selección, tendo sempre en conta as bases da convocatoria.

III. Disposicións comúns

Os resultados de cada proba serán publicados na páxina web da Fundación Galicia Europa nun prazo máximo de 10 días desde o da súa celebración.

Unha vez rematado o proceso de selección, a comisión de valoración elevará ao director da FGE unha proposta de resolución debidamente motivada. A resolución do director farase pública na páxina web da Fundación, xunto coa prelación de suplentes.

De non presentarse solicitudes, ou de non acadar as rexistradas a puntuación mínima esixida na fase de exame, na de valoración de méritos ou na entrevista, a convocatoria poderá ser declarada deserta.

No prazo de cinco días hábiles, a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución da concesión das bolsas da FGE na web da FGE, o candidato preseleccionado deberá comunicar por escrito a súa aceptación ou renuncia á mesma e acreditar documentalmente os datos, méritos e titulacións esixidos na convocatoria pública así como aos que fixo referencia na súa solicitude ou currículo vitae para adquirir a condición de bolseiro en prácticas. Para o seu cotexo, os documentos mostrados serán orixinais ou copias compulsadas. En caso de non acreditarse convenientemente todos os datos, méritos e titulacións, revogarase a proposta efectuada.

Así mesmo, cada preseleccionado acreditará que posúe un seguro médico, ben sexa público ou privado, válido en calquera Estado membro da Unión Europea e en virtude do cal poderá ter acceso á atención sanitaria necesaria por calquera continxencia de saúde que puidese acontecerlle durante a estancia de prácticas.

No caso de que exista algunha renuncia, concederáselle a bolsa ao candidato inmediatamente posterior na lista de reserva resultante do proceso de selección. A lista de reserva establecerase de conformidade coa puntuación obtida.

10. Lugar e data das probas

As probas de carácter práctico desenvolveranse simultaneamente en Santiago de Compostela e Bruxelas. Estas probas terán lugar o día 5 de decembro de 2014 ás 10,00 horas na sede da Escola Galega de Administración Pública (rúa Madrid 2-4, Polígono de Fontiñas, Santiago de Compostela) e na oficina da FGE no caso do exame de Bruxelas (Rue de la Loi 38, bte.2, 1040 Bruxelas). Convocaranse a estas probas a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos de admisión antes mencionados. Para este fin, e con anterioridade a esa data, publicarase unha lista de admitidos na páxina web da Fundación Galicia Europa. Os candidatos non serán notificados de forma individual.

Os candidatos sinalarán no formulario de solicitude o lugar de preferencia de realización das probas que poderán modificar, con anterioridade á data do exame, nos casos nos que sexa necesario.

11. Natureza xurídica da relación

A concesión da bolsa non supón o establecemento nin o recoñecemento de vínculo algún de carácter profesional, laboral, mercantil estatutario ou análogo entre o beneficiario e a FGE ou a Administración autonómica. De acordo do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, os bolseiros quedan asimilados a traballadores por conta allea, para os efectos da inclusión no réxime xeral da Seguridade Social.

A FGE non asumirá responsabilidade algunha polos danos e prexuízos de calquera orde que puidese provocar o persoal bolseiro en tanto non se adecúe ás orientacións e consellos do persoal técnico da oficina á que sexa destinado.

A mera presentación da solicitude asinada para a participación no procedemento de selección descrito na presente convocatoria comportará a plena, voluntaria, libre e incondicional aceptación do presente documento, así como de todas as cláusulas da mesma.

A presentación da solicitude de bolsa leva implícita a autorización á FGE para que publique na súa páxina web a relación de beneficiarios e o importe das bolsas concedidas, coas excepcións previstas nas leis, e para que inclúa os datos relevantes referidos ás bolsas concedidas no Rexistro de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 132/2006, de 27 de xullo.

12- Compromisos da Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa comprométese a:

  • Facer fronte ao pago das obrigas económicas derivadas da concesión destas bolsas.
  • Asignar a cada bolseiro un titor que será responsable da súa formación durante todo o período que duren as prácticas.
  • Deseñar un plan de formación co obxectivo de que os bolseiros adquiran unha experiencia e un coñecemento prácticos das políticas comunitarias e das actividades cotiás dunha oficina de traballo.
  • Expedir un certificado de realización das prácticas unha vez finalizado satisfactoriamente o período formativo e presentada a memoria contemplada na base cinco desta convocatoria.

13. Réxime xurídico

As presentes bases rexeranse polo dereito privado, séndolle aplicable o artigo 120 da Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia; a disposición adicional 16 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións; os principios de xestión contidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e os de información aos que fai referencia o artigo 16 do mesmo texto legal, así como os artigos do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que desenvolven ditos principios de xestión e publicidade.


Documentos para descarga

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante