Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

Bolsa para a formación en prácticas dun auxiliar administrativo para o ano 2014 na oficina da FGE en Bruxelas

Anuncio do 13 de novembro de 2013 da Fundación Galicia Europa polo que se convoca unha bolsa para a formación en prácticas dun auxiliar administrativo para o ano 2014 na súa oficina en Bruxelas

I.- Obxecto e descrición da bolsa

A Fundación Galicia Europa convoca unha bolsa de formación para a realización de prácticas de auxiliar administrativo, na súa oficina en Bruxelas durante o ano 2014.

Esta convocatoria ten por obxecto proporcionar ao/á beneficiario/a a posibilidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante os seus estudos, realizando prácticas de aprendizaxe de tarefas administrativas e familiarizándose, así mesmo, en asuntos relacionados co funcionamento da Unión Europea en xeral e das institucións europeas en particular. O obxectivo final é permitir ao/á beneficiario/a adquirir unha experiencia e un coñecemento práctico das actividades cotiás dunha oficina e ofrecerlle a posibilidade de traballar nun entorno multicultural e multilingüe.

II.- Duración e datas

A bolsa terá unha duración de 11 meses, comezando o/a bolseiro/a as súas prácticas o 20 de xaneiro de 2014 e finalizándoas o 19 de decembro de 2014.

No caso de baixa ou renuncia durante o periodo de prácticas, poderase conceder unha bolsa por un tempo que cubrirá unicamente o que reste desde a data de inicio da nova bolsa concedida ata a data de finalización da bolsa inicial.

Para cubrir estas incidencias chamarase por orde de prelación que resulte da lista de reserva publicada dos candidatos que non obtiveron a bolsa. Non se concederá bolsa para suplir renuncia ou incidencia por un tempo inferior a un mes.

III.- Lugar de realización

A realización desta bolsa desempeñarase na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

IV.- Requisitos de admisión

Para concurrir a esta convocatoria os aspirantes deberán cumprir, á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

  • Ser nacional dun dos Estados membros da Unión Europea.
  • Ter nacido en Galicia, ser fillo de galegos ou ter residencia en Galicia desde antes do 31 de decembro de 2011.
  • Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos de Formación Profesional: Técnico en xestión administrativa, Técnico superior en secretariado ou Técnico superior en administración e finanzas (ou titulación equivalente), obtidos con posterioridade ao 31 de decembro de 2006.
  • Acreditar un coñecemento de inglés ou francés equivalentes ao nivel B1 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa.

V.- Contía

A contía bruta individual da axuda para todo o período será de 13.620,00 euros. Establécese, tamén, unha axuda individual complementaria de 350,00 euros en concepto de gastos de viaxe que se aboará unha vez comezadas as prácticas. O pago da bolsa dividirase en 12 mensualidades.

O importe bruto individual estará suxeito ás retencións fiscais e aos gastos de seguridade social correspondentes no seu caso e de acordo coa lexislación vixente.

O/A beneficiario/a non poderá desfrutar doutra axuda de formación durante o período de realización da bolsa da Fundación Galicia Europa, para o que deberá presentar unha declaración xurada a tal efecto.

Esta convocatoria de bolsas tramítase como expediente anticipado de gasto. Deste xeito, estas axudas quedan condicionadas a que exista financiamento suficiente no orzamento da FGE para o ano 2014 unha vez que sexa aprobado.

VI.- Forma e prazo de presentación das solicitudes

A solicitude deberá presentarse no formulario anexo á convocatoria, xunto co Currículum Vitae en formato Europass, DNI ou documentación equivalente e libro de familia ou certificado de empadroamento, e máis a documentación, en copia simple, que acredite o cumprimento dos requisitos de admisión sinalados no apartado IV e a relación de méritos que se indican no apartado VIII.2.

Non serán computables os méritos que non sexan acreditados documentalmente polos solicitantes, podendo ser rexeitadas as solicitudes presentadas.

A solicitude será remitida por correo certificado con acuse de recibo ou presentada nos rexistros da Fundación Galicia Europa (Rúa do Hórreo, 61 – 3º, 15701 Santiago de Compostela, ou Rue da Loi 38, bte.2, 1040 Bruxelles), ata o 28 de novembro de 2013. Se o solicitante opta pola remisión a través do correo certificado, deberá enviar copia do formulario de solicitude por correo electrónico á conta santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu ou por fax a calquera dos números +34 981541013 (Santiago) ou +32 27354678 (Bruxelas)

VII.- Comisión de Valoración

Nos dez días seguintes ao da publicación desta convocatoria, o director da Fundación Galicia Europa designará unha comisión de valoración composta por un presidente, un secretario e un máximo de tres vogais que se publicará na páxina web da Fundación Galicia Europa.

VIII.- Proceso de selección

O proceso de selección constará de tres fases:

1.- Unha primeira fase de carácter práctico que constará dos seguintes exames (ata 20 puntos):

a) Un exame de 30 preguntas tipo test (ata 12 puntos), redactado en lingua galega e separado en catro bloques de:

- 5 preguntas sobre a Unión Europea,

- 25 preguntas sobre xestión administrativa, ofimática e Internet.

b) Un exame de 20 preguntas tipo test de Inglés (ata 4 puntos)

c) Un exame de 20 preguntas tipo test de Francés (ata 4 puntos)

É obrigatorio realizar, polo menos, un dos dous exames de idiomas para pasar á seguinte fase.

Cada pregunta dos test constará de catro respostas alternativas sendo soamente unha a correcta. De cada tres respostas erradas en cada test descontarase unha acertada, sen que desconten as preguntas deixadas en branco.

Soamente pasarán á seguinte fase, que é a de valoración de méritos académicos, os primeiros 16 aspirantes que obteñan a mellor puntuación.

2.- Unha segunda fase de méritos (ata 20 puntos)

Polo que se refire á formación académica, atenderase ao seguinte baremo:

• Expediente académico: Deberase presentar certificado académico expedido polo centro educativo no que conste a nota media do expediente calculada segundo o establecido na Orde de 12 de xullo de 2011, pola que se regulan o desenvolve-mento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial (ata 10 puntos)

• Titulacións: Título de técnico dun ciclo formativo das familias profesionais de Comercio e Márketing ou de Informática e Comunicacións, ou equivalente: 1 punto. Título de técnico superior dun ciclo formativo das familias profesionais de Comercio e Márketing ou de Informática e Comunicacións, ou equivalente: 2 puntos. Deberán ser acreditados documentalmente e expedidos por centros oficiais recoñecidos (ata un máximo de 4)

• Título da Escola Oficial de Idiomas en inglés ou francés ou títulos de idiomas de institucións oficiais que acrediten un coñecemento de inglés ou francés equivalentes ao nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa: 1 punto por título. Valoraranse neste apartado o título universitario oficial de grao ou equivalente dos idiomas referidos (ata un máximo de 2 puntos)

• Certificado de Lingua Galega 3 (Celga 3) ou titulación equivalente ou superior, segundo a Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo de 2007, corrección de erros publicada no DOG núm. 178, de 13 de setembro de 2007), 1 punto.

• Cursos relacionados con asuntos europeos: 0,25 puntos por cada curso ata un máximo de 1 punto. Só se valorarán cursos superiores a 40 horas.

• Cursos de ofimática: 0,25 puntos por cada curso ata un máximo de 1 punto. Só se valorarán cursos superiores a 20 horas.

• Outros cursos relacionados cos ámbitos obxecto da bolsa: 0,25 puntos por cada curso ata un máximo de 1 punto. Só se valorarán cursos superiores a 20 horas.

Só se terá en conta a documentación esixida e baremable, sendo suficiente a presentación de copia simple.

Soamente pasarán á seguinte fase, que é a de entrevista, os/as primeiros/as 8 aspirantes que obteñan a mellor puntuación no total das dúas fases anteriores.

3.- Unha terceira fase de entrevista (ata 10 puntos)

Realizarase unha entrevista na que se valorará o coñecemento xeral e de actualidade sobre organización dunha oficina e a capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente en entornos multiculturais e multilingües, podendo a Comisión de Valoración efectuar algunha pregunta en lingua inglesa ou francesa.

Os resultados de cada proba serán publicados na páxina web da Fundación Galicia Europa (www.fundaciongaliciaeuropa.eu) nun prazo máximo de 10 días desde o da súa celebración.

A bolsa concederase ao/á candidato/a que obteña a mellor puntuación do proceso de selección, tendo sempre en conta as bases da convocatoria.

No caso de que o concesionario da bolsa renunciase á mesma, procederase a conceder esta ao candidato inmediatamente posterior na lista de reserva resultante do proceso de selección. A lista de reserva establecerase de conformidade coa puntuación obtida.

IX.- Lugar e data da proba

As probas de carácter práctico desenvolveranse simultaneamente en Santiago de Compostela e Bruxelas. Estas probas terán lugar o día 12 de decembro de 2013 ás 10,00 horas na sede da Escola Galega de Administración Pública (rúa Madrid 2-4, Polígono de Fontiñas, Santiago de Compostela) e na oficina da FGE no caso do exame de Bruxelas (Rue de la Loi 38, bte.2, 1040 Bruxelles). Convocaranse a estas probas a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos de admisión antes mencionados. Para este fin, e con anterioridade a esa data, publicarase unha lista de admitidos na páxina web da Fundación Galicia Europa (www.fundaciongaliciaeuropa.eu). Os/As candidatos/as non serán notificados de forma individual.

X.- Natureza xurídica da relación

A aceptación da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual entre a Administración autonómica ou a Fundación Galicia Europa e o/a beneficiario/a, agás o disposto no Real Decreto 1493/2011 de 24 de outubro.

Os dereitos e as obrigas cínguense en exclusiva ao estipulado na presente convocatoria e nas condicións particulares anexas.

O/A bolseiro/a que concluíse satisfactoriamente o seu período formativo recibirá a correspondente certificación acreditativa, na que constarán todos os termos atribuíbles á estancia de prácticas así como o seu aproveitamento.

As condicións particulares que acompañan a estas bases (que poden ser consultadas no portal web da Fundación Galicia Europa ou solicitarse en calquera das súas oficinas) constitúen parte integrante da convocatoria e son, polo tanto, de obrigado cumprimento para todo aquel que concorra á mesma.

A presentación da solicitude de bolsa leva implícita a autorización á FGE para que publique na súa páxina web a relación de beneficiarios/as e o importe das bolsas concedidas, coas excepcións previstas nas leis, e para que inclúa os datos relevantes referidos ás bolsas concedidas no Rexistro de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 132/2006, de 27 de xullo.



Documentos para descarga

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante