Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

Bolsas de formación en asuntos europeos para licenciados universitarios nas oficinas da FGE (2014)

Anuncio do 13 de novembro de 2013 da Fundación Galicia Europa polo que se convocan bolsas para a formación en prácticas de titulados superiores en temas relacionados coa Unión Europea para o ano 2014

I.- Obxecto

A Fundación Galicia Europa convoca cinco bolsas de formación, dirixidas a licenciados ou poseedores de grao universitario, para a realización de prácticas en asuntos europeos nas oficinas da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e Bruxelas durante o ano 2014.

Esta convocatoria terá por obxecto que os/as beneficiarios/as poidan formarse en temas relacionados co seguimento e a comunicación das políticas comunitarias que máis afectan a Galicia, na captación de financiamento comunitario e na xestión de proxectos europeos. O obxectivo final é facilitar á mocidade galega a mobilidade e o acceso ao mercado laboral.

II.- Descrición e modalidades das cinco bolsas

1. Catro bolsas para a formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como á captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos, nas que se valorarán preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Ciencias Económicas e Administración e Dirección de Empresas. Destas catro bolsas, dúas estarán destinadas na oficina de Bruxelas e as outras dúas na de Santiago de Compostela.

2. Unha bolsa para a formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da Fundación e da presenza de Galicia nos organismos europeos, con destino na oficina de Bruxelas. Estará reservada para grao ou licenciatura en Xornalismo ou Ciencias da Comunicación. Os/as candidatos/as deberán elixir entre presentarse ás bolsas de formación en asuntos e políticas europeas ou á bolsa de formación en comunicación das políticas comunitarias, o que deberán manifestar no modelo de solicitude, sendo excluíntes entre sí.

III.- Duración e datas

As bolsas terán unha duración de 11 meses, comezando os bolseiros as súas prácticas o 20 de xaneiro de 2014 e finalizándoas o 19 de decembro de 2014.

No caso de baixas ou renuncias durante o periodo de prácticas, poderanse conceder bolsas por un tempo que cubrirá unicamente o que reste desde a data de inicio da nova bolsa concedida ata a data de finalización da bolsa inicial. Para cubrir estas incidencias chamarase por orde de prelación que resulte da lista de reserva publicada dos candidatos que non obtiveron as prazas previstas. Non se concederán bolsas para suplir renuncias ou incidencias por un tempo inferior a un mes.

IV.- Lugar de realización

Das cinco bolsas convocadas, dúas están destinadas na oficina da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela, e as outras tres na oficina de Bruxelas.

Os/as aspirantes poderán expresar no modelo de solicitude da convocatoria as súas preferencias polo lugar de realización das bolsas. Esta preferencia terase en conta, non obstante, sen prexuízo da potestade da Fundación de valorar a idoneidade dos beneficiarios para calquera dos destinos, en función dos coñecementos lingüísticos e da formación académica.

V.- Requisitos de admisión

Para concurrir a esta convocatoria os aspirantes deberán cumprir, á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

Ser nacional dun dos Estados membros da Unión Europea.

Ter nacido en Galicia, ser fillo de galegos ou ter residencia en Galicia desde antes do 31 de decembro de 2011.

Estar en posesión dun título universitario superior (licenciatura ou grao), obtido con posterioridade ao 31 de decembro de 2006.

VI.- Contía

A contía bruta individual das axudas para todo o período será de 12.050,00 euros para cada licenciado en prácticas en Santiago de Compostela, e de 13.620,00 euros para cada un dos destinados na oficina de Bruxelas. Para estes últimos, establécese unha axuda individual complementaria de 350,00 euros en concepto de gastos de viaxe que se lles aboará unha vez comezadas as prácticas. O pago da bolsa dividirase en 12 mensualidades.

O importe bruto individual estará suxeito ás retencións fiscais e aos gastos de seguridade social correspondentes no seu caso e de acordo coa lexislación vixente.

O/A beneficiario/a non poderá desfrutar doutra axuda de formación durante o período de realización da bolsa da Fundación Galicia Europa, para o que deberá presentar unha declaración xurada a tal efecto.

Esta convocatoria de bolsas tramítase como expediente anticipado de gasto. Deste xeito, estas axudas quedan condicionadas a que exista financiamento suficiente no orzamento da FGE para o ano 2014 unha vez que sexa aprobado.

VII.- Forma e prazo de presentación das solicitudes

A solicitude deberá presentarse no formulario anexo á convocatoria, xunto co Currículum Vitae en formato Europass, DNI ou documentación equivalente e libro de familia ou certificado de empadroamento, e máis a documentación, en copia simple, que acredite o cumprimento dos requisitos de admisión sinalados no apartado V e a relación de méritos que se indican no apartado IX.2.

Non serán computables os méritos que non sexan acreditados documentalmente polos solicitantes, podendo ser rexeitadas as solicitudes presentadas.

A solicitude será remitida por correo certificado con acuse de recibo ou presentada nos rexistros da Fundación Galicia Europa (Rúa do Hórreo, 61 – 3º, 15701 Santiago de Compostela, ou Rue da Loi 38, bte.2, 1040 Bruxelles), ata o 28 de novembro de 2013. Se o solicitante opta pola remisión a través do correo certificado, deberá enviar copia do formulario de solicitude por correo electrónico á conta santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu ou por fax a calquera dos números +34 981541013 (Santiago) ou +32 27354678 (Bruxelas)

VIII.- Comisión de Valoración

Nos dez días seguintes ao da publicación desta convocatoria, o director da Fundación Galicia Europa designará unha comisión de valoración composta por un presidente, un secretario e un máximo de tres vogais que se publicará na páxina web da Fundación Galicia Europa.

IX.- Proceso de selección

O proceso de selección desenvolverase de modo simultáneo para as modalidades establecidas no epígrafe II desta convocatoria, e constará de tres fases:

1.- Unha primeira fase de carácter práctico que constará dos seguintes exames (ata 20 puntos):

a) Un exame de trinta preguntas tipo test de coñecementos da Unión Europea redactado en lingua galega (ata 10 puntos)

b) Un exame de trinta preguntas tipo test de Inglés (ata 5 puntos)

c) Un exame de trinta preguntas tipo test de Francés (ata 5 puntos)

É obrigatorio realizar, polo menos, un dos dous exames de idiomas para pasar á seguinte fase.

Cada pregunta dos test constará de catro respostas alternativas sendo soamente unha a correcta. De cada tres respostas erradas en cada test descontarase unha acertada, sen que desconten as preguntas deixadas en branco.

Soamente pasarán á seguinte fase, a de valoración de méritos académicos, os primeiros 40 aspirantes da modalidade de asuntos e políticas europeas e os 10 primeiros da modalidade de comunicación das políticas comunitarias que obteñan a mellor puntuación.

2.- Unha segunda fase de méritos (ata 20 puntos)

Polo que se refire á formación académica, atenderase ao seguinte baremo:

  • Expediente académico: Deberase presentar certificado expedido pola universidade no que conste a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no RD 1125/2003 (ata 10 puntos)
  • Licenciaturas denominadas como preferentes no apartado II desta convocatoria: 3 puntos (valorarase un só título)
  • Máster ou curso de posgrao universitario recoñecido oficialmente e específico en asuntos europeos; para os aspirantes á bolsa en comunicación das políticas comunitarias valorarase o máster ou curso de posgrao universitario relacionado coa súa titulación: 3 puntos (valorarase un só título)
  • Título superior da Escola Oficial de Idiomas en inglés ou francés, ou títulos de idiomas de institucións oficiais que acrediten un coñecemento de inglés ou francés equivalentes ao nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa: 1 puntos por título (ata un máximo de 2 puntos). Valoraranse neste apartado o título universitario oficial de grao ou equivalente dos idiomas referidos.
  • Certificado de Lingua Galega 4 (Celga 4) ou titulación equivalente ou superior, segundo a Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo de 2007, corrección de erros publicada no DOG núm. 178, de 13 de setembro de 2007), 1 punto.
  • Cursos de ofimática: 0,10 puntos por cada curso. Só se valorarán cursos superiores a 20 horas (ata 0,50 puntos)
  • Cursos relacionados cos ámbitos obxecto das bolsas: 0,10 puntos cada curso. Só se valorarán cursos superiores a 20 horas (ata 0,50 puntos)

Só se terá en conta a documentación esixida e baremable, sendo suficiente a presentación de copia simple.

Soamente pasarán á seguinte fase, a da entrevista, os/as primeiros/as 20 aspirantes da modalidade de asuntos e políticas europeas e os/as 5 da modalidade de comunicación das políticas comunitarias que obteñan a mellor puntuación no total das dúas fases anteriores.

3.- Unha terceira fase de entrevista (ata 10 puntos)

Realizarase unha entrevista na que se valorará o coñecemento xeral e de actualidade sobre asuntos europeos e a capacidade de adaptación e de traballo en equipo, especialmente nun entorno multicultural e multilingüe, podendo a Comisión de Valoración efectuar algunha pregunta en lingua inglesa ou francesa.

Os resultados de cada proba serán publicados na páxina web da Fundación Galicia Europa (www.fundaciongaliciaeuropa.eu) nun prazo máximo de 10 días desde o da súa celebración.

As bolsas concederanse aos/ás candidatos/as que obteñan as catro mellores puntuacións da modalidade de asuntos e políticas europeas e á mellor puntuación da modalidade de comunicación das políticas comunitarias do proceso de selección, tendo sempre en conta as bases da convocatoria.

No caso de que algún ou algúns dos concesionarios da bolsa renunciasen á mesma, procederase a conceder esta ao candidato inmediatamente posterior na lista de reserva resultante do proceso de selección. A lista de reserva establecerase de conformidade coa puntuación obtida.

X.- Lugar e data das probas

As probas de carácter práctico desenvolverase simultaneamente en Santiago de Compostela e Bruxelas. Estas probas terán lugar o día 13 de decembro de 2013 ás 10,00 horas na sede da Escola Galega de Administración Pública (rúa Madrid 2-4, Polígono de Fontiñas, Santiago de Compostela) e na oficina da FGE no caso do exame de Bruxelas (Rue de la Loi 38, bte.2, 1040 Bruxelles). Convocaranse a estas probas a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos de admisión antes mencionados. Para este fin, e con anterioridade a esa data, publicarase unha lista de admitidos na páxina web da Fundación Galicia Europa (www.fundaciongaliciaeuropa.eu). Os/As candidatos/as non serán notificados de forma individual.

XI.- Natureza xurídica da relación

A aceptación da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual entre a Administración autonómica ou a Fundación Galicia Europa e o/a beneficiario/a, agás o disposto no Real Decreto 1493/2011 de 24 de outubro.

Os dereitos e as obrigas cínguense en exclusiva ao estipulado na presente convocatoria e nas condicións particulares anexas.

Os/As bolseiros/as que concluísen satisfactoriamente o seu período formativo recibirán a correspondente certificación acreditativa, na que constarán todos os termos atribuíbles á estancia de prácticas así como o seu aproveitamento.

As condicións particulares que acompañan a estas bases (que poden ser consultadas no portal web da Fundación Galicia Europa ou solicitarse en calquera das súas oficinas) constitúen parte integrante da convocatoria e son, polo tanto, de obrigado cumprimento para todo aquel que concorra á mesma.

A presentación da solicitude de bolsa leva implícita a autorización á FGE para que publique na súa páxina web a relación de beneficiarios/as e o importe das bolsas concedidas, coas excepcións previstas nas leis, e para que inclúa os datos relevantes referidos ás bolsas concedidas no Rexistro de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 132/2006, de 27 de xullo.


Documentos para descarga

Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante