Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

Macrorrexión de Rexións do Suroeste Europeo (RESOE)

O 17 de setembro de 2010, os presidentes das Comunidades Autónomas de Castela e León e Galicia, así como o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional da rexión Norte de Portugal, reunidos en Valladolid (Castela e León), asinaron un Memorando para o impulso dunha estratexia de cooperación macrorrexional no sudoeste da Unión Europea, a Macrorrexión de Rexións do Suroeste Europeo (RESOE).

O obxectivo desta estratexia é o de ser un instrumento eficaz para fomentar a cooperación entre os membros que a integren e nos ámbitos funcionais que definan e seguir mellorando a cooperación entre os diferentes niveis de goberno co fin de aplicar tamén os obxectivos políticos da UE dun xeito máis eficaz, en consonancia con Europa 2020.

A Macrorrexión RESOE nace en paralelo ao debate aberto pola Comisión Europea a favor dunha Estratexia da UE para a zona do Atlántico. As tres rexións seguimos moi de preto e contribuímos activamente a este debate.

Galicia, Castela e León e a Rexión Norte de Portugal contan con fortalezas, potencialidades e tamén debilidades que nacen de características históricas, culturais, sociodemográficas e económicas comúns, así como da súa situación periférica dentro da Unión Europea. Para a consecución dos seus obxectivos, constituíronse no seo da Macrorrexión RESOE seis grupos de traballo que reflicten os ámbitos clave nos que inicialmente se propón traballar: economía e industria (con especial atención ao sector da automoción); educación, universidades e investigación; ámbito laboral; medio; cultura e turismo e transportes e loxística.

Grupos de traballo

Entre os grupos da Macrorrexión RESOE, destacan os traballos levados a cabo polo Grupo de Demografía, que lidera a rexión Centro de Portugal, e que ata a data organizou varios seminarios, reunións e mesas redondas sobre o “envellecemento activo e saudable”.

Pola súa banda, o Grupo de Competitividade Industrial, que lidera o Norte de Portugal, presentouse a varios proxectos INTERREG  SUDOE con todas as rexións que compoñen RESOE e  Aquitania, no Sur de Francia. Un dos proxectos era sobre automoción e outro sobre industria agroalimentaria.

O Grupo de Turismo, que lidera o Principado de Asturias, traballa para gañar maior potencialidade de forma conxunta nos mercados turísticos nacionais e internacionais. Ademais elixiu como nexo común o Camiño de Santiago: polas rexións que compoñen RESOE pasan 15 rutas xacobeas. Deseñou e presentou unha estratexia turística macrorrexional que pretende favorecer os intercambios turísticos entre as rexións e gañar peso conxunto no ámbito internacional. Tamén organizou numerosos encontros, reunións e eventos. 

O Grupo de Loxística e Transportes traballou no deseño dunha estratexia –denominada “SICA” (Sección Ibérica do Corredor Atlántico) que no ámbito territorial/institucional de RESOE busca resaltar en Bruxelas as necesidades da zona RESOE, co fin de optar a financiamento de proxectos de infraestruturas e servizos do Corredor Atlántico. 

Cantabria lidera desde a primavera de 2017 o Grupo de Emprego e deseñou unha estratexia Macrorrexional sobre este tema, incidindo no fomento do emprego xuvenil. Propuxo unha serie de reunións de impulso a estes proxectos para comezos de 2018. 

Galicia lidera o Grupo de Traballo de Educación, Cultura e I+D+i, no que está integrada a Conferencia de Reitores do Suroeste de Europa (CRUSOE), constituída o 15 de decembro de 2011. Esta rede de colaboración  interinstitucional está composta actualmente polas entidades de ensino e educación superior de Galicia,  Asturias, Castela e León, Cantabria e Centro e Norte de Portugal. 

Entre os  objectivos da CRUSOE están:

  • Establecer vínculos co fin de promover actividades de Investigación e Innovación (I+I)  interinstitucional.
  • Compartir potencial académico, científico e cultural para consolidar espazos de colaboración entre os seus membros.
  • Reflexionar e traballar de maneira conxunta na xeración de proxectos colaborativos ou en materia de I+I para a resolución dos problemas estratéxicos da  macrorregión do Suroeste Europeo (RESOE), de acordo cos modelos éticos de desenvolvemento e outros protocolos de actuación que proveñan das Autoridades de Xestión Territorial.
  • Incrementar a dispoñibilidade de coñecementos e capacidades profesionais e técnicas,  así como a mobilidade entre o seu persoal docente, investigador e de administración e servizos. 
  • Propiciar accións de articulación  interregional e internacional co obxecto de promover unha mellor visibilidade da CRUSOE na Unión Europea e unha máis adecuada cooperación internacional e para o desenvolvemento.  
  • Desenvolver programas interdisciplinares en temas de investigación fundamental, aplicada e desenvolvementos experimentais no seo de contornas de innovación.
  • Intensificar programas de intercambio e mobilidade de investigadores, docentes, estudantes, persoal de apoio e de servizos, entre as institucións que así o acorden.

A Macrorrexión RESOE tras a ampliación

O 9 de maio de 2014 reuníronse en Oporto os presidentes de Galicia, Castela e León, Asturias e Norte e Centro de Portugal para formalizar a adhesión de Asturias e do Centro de Portugal á Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo (RESOE) creada o 17 de setembro de 2010 por Galicia, Castela e León e o Norte de Portugal.

A estratexia macrorrexional de RESOE baséase en tres grandes áreas de actividade de alto valor engadido para todas as rexións integrantes do territorio RESOE: transportes e loxística, competitividade industrial centrada especialmente no sector da automoción e excelencia na ensinanza superior e investigación. Todo isto sen descuidar as cuestións transversais, como a coordinación das RIS3 rexionais ou a necesidade de articular unha posición ante os desafíos derivados do problema demográfico. 

O 11 de xuño de 2014 tivo lugar en Coimbra (Rexión Centro de Portugal) unha reunión do Comité de Seguimento da Macrorrexión do Sudoeste de Europa (RESOE) cos responsables da área internacional das cinco rexións que ahora a integran. 

Enlaces

Constitución da RESOE

Información sobre RESOE na web da Junta de Castela e León

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante