Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

O Comité das Rexións

  • O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva comunitaria na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Composto por 344 membros dos 27 países da UE (22 dos cales son españois). Os membros titular e suplente representantes da Comunidade Autónoma de Galicia son o presidente da Xunta de Galicia e o director xeral de Relacións Exteriores e Relacións coa EU da Xunta de Galicia, respectivamente.
  • En tanto que órgano consultivo da Unión Europea, o Comité debe ser consultado obrigatoriamente nunha serie de materias concretas como a cohesión económica e social, o transporte, o emprego, a educación ou a cultura, aínda que tamén pode ser consultado sempre que se estime oportuno. Igualmente, o CdR pode elaborar ditames por iniciativa propia, o que lle permite tratar calquera asunto que figure na axenda europea.

A oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, en permanente coordinación coa Xunta de Galicia, presta asistencia e apoio aos membros titular e suplente galegos na súa participación nos traballos do Comité. Xunto co apoio loxístico, a oficina fai un seguimento constante dos traballos do Comité e colabora na elaboración de emendas a ditames e informes debatidos tanto nas comisións das que é parte Galicia como no pleno, cando se considera necesario para a inclusión e consideración dos intereses de Galicia.

Cabe sinalar que en 2015, o CdR elaborou un total de 46 ditames e 8 resolucións cos que achega a opinión das entidades subestatais ao complexo proceso comunitario de toma de decisións. Na sesión plenaria de xuño, acordou por primeira vez cinco prioridades políticas que van guiar a esta asemblea durante os cinco anos de mandato ata 2020: o relanzamento da economía europea, o reforzo da dimensión territorial da lexislación comunitaria, unha mellor comunicación da UE cara os cidadáns, a estabilidade e cooperación dentro e fóra da UE, e un maior diálogo interinstitucional.

Ao iniciar novo mandato a principios de ano, reestruturáronse as seis comisións de traballo, decidindo os representantes galegos continuar a súa participación na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais (CIVEX) e entrar a formar parte da de Recursos Naturais (NAT), unha comisión na que xa participara en anteriores mandatos pois trata temas de moita importancia para Galicia como o desenvolvemento rural, os asuntos marítimos ou a política forestal.

Entre xuño e outubro, Galicia asumiu a coordinación política da delegación española no Comité das Rexións ata a composición dos novos gobernos autonómicos resultantes das eleccións de maio. Esta mesma delegación española foi a encargada de designar aos seus representantes no órgano executivo do CdR. Como xefe da delegación española designouse ao presidente de Castela A Mancha, Emiliano García-Page, como vicepresidente do CdR ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e como vocal á presidenta da Junta de Andalucía, Susana Díaz.

O director da FGE, Jesús Gamallo, continúa a ostentar neste mandato o cargo de coordinador de grupo político na comisión CIVEX. Durante 2015, esta comisión debateu sobre a crise de refuxiados, a política de veciñanza ou a axenda de reforma do funcionamento da UE, debates nos que Galicia participou de forma activa.

No que respecta á comisión NAT, Galicia interveu nos debates xerados sobre o necesario apoio ao sector lácteo tras a supresión das cotas na primavera de 2015. No mes de marzo e no seo desta mesma comisión, Jesús Gamallo foi escollido como relator dun ditame de propia iniciativa sobre o futuro da acuicultura europea no que se emite un conxunto de recomendacións políticas para mellorar a situación deste sector. Para a elaboración deste ditame, Gamallo contou co apoio en calidade de experto do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro. Tras unha primeira reunión cos actores interesados - nas que participaron unha decena de organizacións a nivel europeo do ámbito ambiental e da industria – e diversos contactos mantidos con representantes da Comisión e do PE, o texto debateuse en dúas reunións de comisión antes de aprobarse de forma definitiva na sesión plenaria de outubro.

O ditame aprobado incide nas oportunidades que ofrece un sector infraexplotado na Unión fronte a outras rexións do mundo. As entidades rexionais e locais, nas que normalmente recaen as competencias para regular a actividade acuícola, son as que están mellor capacitadas para impulsar este sector. Entre as medidas que propón para elo, destaca a simplificación dos procedementos administrativos e a seguridade xurídica para os investidores no acceso ao espazo, a necesidade de apostar pola innovación para explotar o seu potencial ou a promoción dos mercados locais. O texto subliña que o crecemento da acuicultura sería un gran beneficio para as zonas rurais e estruturalmente débiles, ademais de xerar emprego cualificado.

Para difundir as mensaxes deste ditame, Jesús Gamallo participou en novembro no seminario “Acuicultura en movemento” organizado pola Federación Europea de produtores de Acuicultura (FEAP). 14 expertos do sector interviñeron neste foro para debater sobre como promover os produtos acuícolas no mercado, como garantir o seu respecto a medio ambiente e como asegurar a súa complementariedade con outras actividades económicas.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante