Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

07/10/2019

A Xunta leva a cabo en Bruxelas a oitava edición do programa TecEuropa na que participan 20 técnicos galegos

Apertura da oitava edición do programa TecEuropa organizado pola FGE.jpg Ver máis...
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou hoxe este curso de financiamento comunitario onde salientou os desafíos aos que se enfronta a Unión Europea e tamén Galicia tras o Brexit.
  • O programa TecEuropa, organizado pola Fundación Galicia Europa, permite tecer unha rede de especialistas galegos especializados en fondos europeos.
  • Os participantes nesta edición poderán asistir ademais á Semana Europea das Rexións e das Cidades que tamén se celebra estes días en Bruxelas.
Bruxelas, 7 de outubro de 2019. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou hoxe durante a inauguración da oitava edición do programa de especialización en financiamento europeo TecEuropa, a aposta da Fundación Galicia Europa (FGE) por formar e consolidar unha rede galega de especialistas en xestión dos fondos comunitarios de cara a atraer novos investimentos para as iniciativas galegas. Nesta convocatoria, 20 participantes asistirán a unha semana de formación en Bruxelas sobre o funcionamento da UE e os seus programas de financiamento.

Jesús Gamallo explicou aos beneficiarios deste ano os desafíos aos que se enfronta a Unión Europea como é o caso do Brexit, que supón tamén un reto para Galicia. Por iso, lembrou a creación dun grupo de traballo interdepartamental dentro da Xunta para avaliar a incidencia na comunidade galega da saída do Reino Unido da UE. Unha das primeiras decisións deste grupo foi elaborar unha estratexia conxunta para mitigar os efectos do Brexit para as 1.700 persoas que faenan en buques galegos en augas británicas ou para as 500 empresas que exportan a este país, ademais de garantir os dereitos dos 14.000 galegos que residen en Reino Unido.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE tamén destacou que as sete edicións celebradas deste programa TecEuropa, serviron para crear unha rede de especialistas asentados en Galicia que comparten experiencias e coñecementos, o que facilita a colaboración en actuacións conxuntas das entidades a través dunha idea ou proxecto innovador.

Nesta ocasión, ao coincidir a celebración do programa TecEuropa coa Semana Europea das Rexións e das Cidades, a Fundación Galicia Europa facilitará precisamente a participación dos beneficiarios neste evento no que tamén poderán fixar novos contactos con outras rexións ou municipios cos que colaborar no futuro.

O programa TecEuropa enmárcase dentro dos obxectivos da FGE de formación e fomento de participación de entidades galegas en proxectos europeos. Dende a súa creación en 2015, son xa 145 os profesionais galegos que durante as sete edicións anteriores da iniciativa tiveron a oportunidade de ampliar os seus coñecementos sobre desenvolvemento, xestión e financiamento de proxectos europeos.

Fonte: Xunta de Galicia

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante