Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

19/09/2016

Comeza en Bruxelas unha nova edición do curso de financiamento comunitario TecEuropa na que participan 20 técnicos galegos

3852F_1474367185_image_gallery__3_.jpg

  • Profesionais da Administración pública, a empresa e o terceiro sector recibirán formación sobre as distintas posibilidades de financiamento europeo e coñecerán as institucións comunitarias
  • TecEuropa, organizado pola Fundación Galicia Europa, alcanza a súa terceira edición co obxectivo de consolidar unha rede de técnicos galegos especializados en fondos europeos

Bruxelas, 19 de setembro de 2016. A terceira edición do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa arrancou este luns 19 de setembro na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas coa presenza do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. Organizado pola Fundación Galicia Europa, este curso alcanza a súa 3º edición cun amplo programa cuxa primeira parte se desenvolve na capital comunitaria ata o día 23 deste mes coa participación de 20 técnicos galegos procedentes da administración pública, a empresa e o terceiro sector. Os técnicos recibirán formación sobre financiamento comunitario e visitarán as principais institucións europeos con sede en Bruxelas antes de continuar coa segunda parte do programa, xa en Santiago, os días 5 e 6 de outubro.

Jesús Gamallo defendeu na apertura do curso a importancia de que os técnicos galegos conten con opción formativas como a que supón TecEuropa, xa que facilita “que os actores galegos coñezan a lóxica do orzamento comunitario e como acceder a eles para impulsar os seus proxectos. Este curso permite tecer redes de especialistas en financiamento comunitario en Galicia que posibilitan a presentación de proxectos conxuntos”, asegurou.

Os 20 técnicos desta 3º edición –a segunda de 2016, posto que outra vintena de técnicos participaron na sesión celebrada a pasada primavera- reciben formación sobre a realidade político – institucional da UE, o marco financeiro orzamentario 2014-2020 e os programas de financiamento existentes, todo isto complementado con visitas á Comisión Europea, o Parlamento e o Comité das Rexións. Ademais, o programa inclúe un coloquio con galegos que traballan na Comisión Europea e abre a posibilidade de establecer entrevistas bilaterais a iniciativa dos participantes interesados. A segunda parte, que terá lugar en Santiago de Compostela, terá un marcado compoñente práctico e incidirá na redacción e presentación dos proxectos.

A metade dos 20 técnicos de entidades públicas e privadas galegas que participan no programa proveñen de entidades membro do padroado da Fundación, como a Xunta de Galicia, as Cámaras de Comercio ou a Deputación de Lugo, e a outra metade de entidades dedicadas á I+D+i, tales como a Fundación Biomédica Galicia Sur, Energy Lab e a Universidade da Coruña. Ademais, no programa participarán técnicos do terceiro sector como a Fundación Meniños e a Fundación Uxío Novoneyra. Completan a lista de participantes a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, a Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia), a Deputación de Pontevedra e o Centro Integrado de Formación Profesional Someso e XesGalicia.

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, esta fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante