Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

28/03/2008

A Fundación Galicia Europa presenta unha ”Guía de Prácticas e Saídas Laborais na Unión Europea e Organizacións Internacionais” para orientar os mozos galegos

  • O director-apoderado da Fundación e secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Julio Fernández Mato, presidiu o acto no Colexio de San Xerome xunto co vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto
  • Xunto a eles, tres mozas galegas deron testemuña da súa experiencia pesoal en distintas prácticas no eido comunitario
  • Tras este acto inicial, o equipo da FGE iniciará unha campaña informativa nas facultadas das tres universidades galegas para informar do contido deste manual e repartilo entre os alumnos
Santiago, 27 de marzo de 2008.- A Fundación Galicia Europa presentou esta mañá, no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome (Praza do Obradoiro) a súa Guía de Prácticas e Saídas Laborais na Unión Europea e Organizacións Internacionais, un manual destinado a orientar aos mozos galegos sobre as distintas oportunidades de formación e inserción laboral que se ofertan no eido comunitario e internacional.



O acto estivo presidido polo director-apoderado da FGE e secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Julio Fernández Mato, e polo vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto. Xunto a eles, tres mozas galegas, Tamara Guirao Espiñeira –coautora do manual–, Noelia Vijande e Mónica Balboa, expuxeron a súa experiencia en distintas bolsas de formación universitaria, prácticas institucionais e proxectos de cooperación.

Fernández Mato salientou, na súa intervención, que os mozos galegos teñen ante si “un interesante futuro de oportunidades laborais como nunca antes houbo na comunidade”. Na súa opinión, o fenómeno de internacionalización das empresas galegas, que inclúe cada vez a máis pemes, fai que se demanden “cadros profesionais de primeiro nivel, que a un brillante expediente académico lle unan o coñecemento de idiomas estranxeiros e experiencia profesional previa”. O director-apoderado da Fundación Galicia Europa fixo patente tamén a necesidade de que se incremente a presenza de galegos na Unión Europea e organizacións internacionais, para que se atendan mellor os intereses da comunidade e contar con puntos de apoio e información nos principais centros de decisión.

Necesidade de recursos informativos
Pola súa banda, o vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Lourenzo Fernández Prieto, dedicou o seu discurso a reclamar o papel central da universidade no mundo globalizado. Para el, unha das obrigas dos centros de ensino superior é non só formar alumnos competitivos, senón que o sigan sendo unha vez egresados. Fernández Prieto felicitouse da aparición dun recurso informativo como esta nova guía xa que, na súa opinión, “sobran os medios e recursos para a mobilidade e esta guía o confirma, pero falta información”. “Pensamos que todo está na rede e que todos os individuos son quen de atopala, pero iso non é certo, moitas veces precisanse iniciativas como esta para facilitar o camiño”.
Finalizados os discursos institucionais, interviron as actuais e antigas bolseiras da Fundación Galicia Europa. Entre elas, Tamara Guirao, bolseira durante o ano 2007 e coautora da guía, quen explicou que a idea de elaborar o manual xurdiu tras unha reflexión sobre a necesidade de información que se ten ao rematar a carreira. Guirao, que fixo prácticas de comercio internacional na Embaixada española en Namibia, destacou que esta clase de experiencias non consisten só en formación laboral, senón que é “unha experiencia vital que permite medrar con maior velocidade”.

Vantaxe competitiva no mundo laboral
Mónica Balboa, que obtivo unha bolsa do ministerio de Asuntos Exteriores para cursar un Máster en Relacións Institucionais en Belgrado, reflexionou sobre a relación entre as oportunidades das que pode desfrutar hoxe a mocidade e a inserción laboral. Na súa opinión, o feito de que cada vez máis empresas teñan na actualidade maior proxección internacional convirte nun plus a experiencia internacional dos recén titulados, que adquiren unha vantaxe competitiva.
Para Noelia Vijande, actual bolseira da Fundación Galicia Europa que desfrutou dunha bolsa Erasmus, o aumento exponencial no número de licenciados que saen das universidades obriga a engadir experiencias a currículos que poden terminar por ser moi similares, e evitar así convertirse en meras “fotocopias”. Vijande salientou, así mesmo, a oprtunidade que brindan estas experiencias para mellorar as competencias lingüísticas, un requisito cada vez máis imprescindible para atopar traballo de calidade.

Un manual feito por mozos para mozos
A Guía de Prácticas e Saídas Laborais na Unión Europea e Organizacións Internacionais é un manual próximo, elaborado por bolseiros da Fundación Galicia Europa con experiencia previa nas institucións da Unión Europea. Julio Fernández Mato puxo o acento neste feito, que “fai que o resultado final, con contidos exhaustivos e detallados, sexa tamén atractivo e de fácil consulta”. Entre os epígrafes do libro pódense atopar prácticas na UE, bolsas de estudo, bolsas das Consellerías, e saídas laborais en organismos relevantes como o Fondo Monetario Internacional, a OTAN ou a ONU.

Campaña nas universidades galegas
Unha vez presentada formalmente a guía, o equipo técnico da Fundación Galicia Europa desprazarase a distintas facultades das tres universidades galegas para informar e orientar ao alumnado e continuar co reparto de exemplares. Nese percorrido está previsto visitar centros dos 7 campus galegos.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante