Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

18/02/2019

A Fundación Galicia Europa pon en marcha un concurso para promover a participación nas eleccións europeas do 26 de maio

Galicia vota na UE.jpg
  • Premiarase á persoa máis activa durante a duración do concurso, á mensaxe máis viral e á mensaxe máis orixinal e elaborada con 350€ respectivamente
Bruxelas, 18 de febreiro de 2019. A Fundación Galicia Europa (FGE), en colaboración coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, pon en marcha, con motivo das eleccións ao Parlamento Europeo do 26 de maio de 2019, o concurso “Galicia vota na UE”. Esta iniciativa ten por finalidade animar á sociedade galega, e principalmente á xuventude, a que participe nas eleccións europeas do vindeiro 26 de maio. Nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo, celebradas en 2014, o 73 % dos mozos españois de entre 18 a 24 anos non acudiu a votar.

Así, baixo o lema #GaliciaVotaNaUE, a Fundación Galicia Europa únese á iniciativa “Esta vez voto” posta en marcha polo Parlamento Europeo (PE), que pretende loitar contra a abstención creando unha comunidade de voluntarios dispostos a promover a importancia do voto e da participación nos próximos comicios europeos. 

Para unirse ao concurso, cómpre ser maior de idade e compartir, a través de Twitter, Facebook ou LinkedIn, unha mensaxe que explique a importancia de participar nas eleccións ao Parlamento Europeo. As publicacións, que poden ser escritas ou audiovisuais, deben ir acompañadas dos hashtags #GaliciaVotanaUE e #EstaVezVoto. Ademais os participantes deberanse rexistrar na web Esta Vez Voto do Parlamento Europeo e ser seguidores da FGE a través da rede social na que se estea a participar. 

O concurso estará activo ata o 12 de abril e os gañadores daranse a coñecer a través da web da FGE durante a segunda semana de maio. Premiarase á persoa máis activa durante a duración do concurso, á persoa que consiga que o seu contido se comparta un maior número de veces e á persoa que comparta un contido máis orixinal e elaborado. O valor de cada premio será de 350€. 

Fundación Galicia Europa 

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, esta fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas,

Este concurso enmárcase dentro dos obxectivos fundacionais da FGE e achegar a realidade europea á sociedade galega e de sensibilizar sobre Europa en Galicia.


Documentos para descarga



© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante