Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

28/06/2017

A Fundación Galicia Europa celebra o seu Padroado en Bruxelas nun momento clave para o futuro da UE

Reunión do Padroado da FGE na súa sede de Bruxelas. © Xunta de Galicia Ver máis...
  • O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, presidiu a reunión do Padroado, que de forma excepcional tivo lugar na súa sede de Bruxelas
  • Os membros do Padroado mantiveron contactos de alto nivel na capital comunitaria, reuníndose con eurodeputados galegos e co Embaixador Permanente de España ante a UE
  • Nestes primeiros seis meses do ano a Fundación realizou un especial seguimento daqueles aspectos do futuro de Europa importantes para Galicia, como o Brexit, a política de cohesión e o transporte

Bruxelas, 28 de xuño de 2017. A Fundación Galicia Europa (FGE), ente instrumental do sector público autonómico galego, celebrou este martes o seu Padroado semestral. A reunión, presidida polo vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, tivo lugar esta vez de maneira excepcional en Bruxelas, nun momento no que se están discutindo na capital comunitaria grandes temas que marcarán o futuro de Europa. Por este motivo, Rueda quixo aproveitar a ocasión para subliñar o labor desta entidade, que dende hai case 30 anos promove unha relación máis próxima e proactiva entre Galicia e Europa, non só coa Xunta senón tamén coas entidades públicas e privadas galegas que integran o seu Padroado.

A Unión Europea está a atravesar un período de turbulencias. O Brexit, o futuro da Política de cohesión, as cuestións demográficas ou as disparidades de opinións entre Estados membros en canto ao deseño das futuras políticas europeas con posterioridade a 2020 fan fundamental mostrarse firmes na nosa determinación de continuar avanzando como Unión no futuro. Neste sentido, o vicepresidente Rueda salientou que “Galicia quere ser portavoz do proxecto europeo dentro e fóra das nosas fronteiras, defendendo o seu papel determinante no noso crecemento económico e social”.

 

Reunións de alto nivel en Bruxelas

Os membros do Padroado da FGE -composto pola Xunta de Galicia, ABANCA, o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo e a Axencia Galega de Innovación (GAIN)- reuníronse con dous eurodeputados galegos no Parlamento Europeo. Os representantes da nosa comunidade (Francisco Millán e José Blanco) compartiron a súa experiencia na primeira liña do panorama europeo.

Os patróns tiveron tamén unha xuntanza co Embaixador Representante Permanente de España ante a UE, Pablo García-Berdoy, cuxo apoio pode servir para deseñar unha liña de actuación para Galicia acorde ás nosas expectativas en Europa. Nestas reunións participaron ademais por parte da Xunta representantes das consellerías de Economía e Industria, do Medio Rural e do Mar.

 

Actividades da FGE

A FGE ten o mandato pola Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. No que levamos de ano, a Fundación prestou apoio á presenza da nosa comunidade no Comité Europeo das Rexións (CdR), que aprobou por unanimidade en febreiro un ditame galego sobre o novo Consenso Europeo sobre Desenvolvemento. Ademais, no contexto das negociacións da PAC despois de 2020, os membros da comisión Recursos Naturais (NAT) do CdR foron convidados polo director xeral Jesús Gamallo a unha visita de estudo á nosa comunidade o pasado 14 de xuño. A FGE tamén deu cobertura á visita do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núnez Feijóo, a Bruxelas. Núñez Feijóo abordou co director xeral de Asuntos marítimos e pesqueiros da Comisión Europea, Joâo Aguiar Machado, os retos de futuro da pesca galega, facéndolle entrega do informe “A retirada de Reino Unido da UE e as súas posibles consecuencias para o sector pesqueiro galego”.

A Fundación fai un seguimento detallado de políticas relevantes para Galicia, que este ano viran en torno ao futuro da política de cohesión – como exemplo a conselleira do Mar está a participar nestas mesmas datas como representante española no VII Foro de Cohesión da Unión Europea-, a revisión do Mecanismo Conectar Europa en transporte e o Brexit. Neste último aspecto, a FGE coordina o grupo de traballo específico das rexións do Arco Atlántico sobre o impacto do Brexit nesta zona do continente, especialmente no ámbito da pesca.

Por outra banda, a FGE mantén o seu obxectivo de fomentar o debate e formar en asuntos europeos. Neste sentido participou na organización de dous eventos en Santiago de Compostela sobre o futuro de Europa, prioridade deste 2017: un diálogo cidadán con Miguel Arias Cañete, comisario europeo de Acción polo Clima e Enerxía, e Alberto Núñez Feijóo; e un debate aberto entre Alfonso Rueda e Stefano Sannino, embaixador de Italia en España desde 2016, acerca da situación de Europa. Hai que ter en conta que a maior parte dos recursos asignados a este obxectivo destínanse a financiar as 6 bolsas de formación para mozos galegos nas oficinas da FGE de Santiago e Bruxelas. O compromiso da FGE coa formación permitiu que nos 29 anos da súa existencia máis de 400 persoas coñecesen máis de preto a UE a través das súas bolsas de formación.


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante