Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

29/06/2015

A Axencia Galega de Innovación incorpórase ao Padroado da Fundación Galicia Europa

Reunión do Padroado da FGE en Santiago de Compostela Ver máis...

  • A defensa dos intereses galegos ante a UE e a información sobre os asuntos europeos continúan a ser os eixos centrais desta entidade
  • A FGE pecha o exercicio de 2014 con superávit nas súas contas

Santiago, 29 de xuño de 2015.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do Padroado da Fundación Galicia Europa (FGE) celebrada en Santiago de Compostela onde se aprobou a incorporación da Axencia Galega de Innovación (GAIN). En relación co orzamento, cómpre destacar que tras unha auditoría da liquidación dos ingresos e gastos, o exercicio de 2014 pechouse cun superávit nas contas da FGE.

Na reunión do Padroado fíxose balance do importante labor que levou a cabo a Fundación Galicia Europa durante o pasado ano 2014, con importantes feitos coma a participación do presidente da Xunta de Galicia no Foro da Cohesión en Bruxelas – o maior evento sobre política rexional organizado pola Comisión Europea –, a visita a Galicia do comisario de Política Rexional, Johannes Hahn, que asistiu á presentación da estratexia de especialización intelixente en investigación e innovación de Galicia (RIS3) ou a sensibilización a nivel europeo en temas tan importantes para Galicia como os desafíos demográficos.

Do mesmo xeito, no curso do ano 2014, a FGE seguiu traballando por fomentar a participación galega en proxectos europeos, polo que ademais de levar a cabo unha labor de asesoramento e información, publicou unha guía de financiamento comunitario 2014 – 2020 para explicar e difundir as novas liñas aprobadas e salientar os aspectos clave na preparación e desenvolvemento de proxectos europeos.

En liña cos obxectivos da FGE, tamén se traballou para dar a coñecer Galicia en Bruxelas, participando en actividades como o Open Doors Day ou o Día E do instituto Cervantes, así como para difundir información sobre a UE en Galicia a través do portal web e das redes sociais da FGE.

Na reunión do Padroado informouse ademais do estado das actividades en curso neste ano 2015, con feitos destacados como a visita do presidente da Xunta de Galicia en febreiro para reunirse con varios dos novos comisarios incorporados a finais de 2014 ou a elaboración por parte de Galicia dun ditame sobre o futuro da acuicultura en Europa no seno do Comité das Rexións.

Na actualidade, a Fundación está centrada no desenvolvemento do novo período orzamentario 2014-2020, prioridade absoluta neste ano 2015 no que empeza a execución real e efectiva do mesmo.

Ao finalizar a reunión, o Vicepresidente quixo salientar o vantaxoso que resulta para a nosa Comunidade formar parte de Europa e incidiu na necesidade de apostar, hoxe máis que nunca, polo proxecto europeo.

Aposta pola formación

Un ano máis, en liña cos seus obxectivos fundacionais, a FGE seguiu a apostar pola formación coa convocatoria de catro bolsas de formación para o seguimento das políticas comunitarias, unha bolsa de comunicación con sede na oficina de Bruxelas e unha sexta destinada a técnicos superiores en Secretariado ou Administración e Finanzas.

Por outro lado, a FGE vén de convocar un programa de especialización en materia de financiamento comunitario para 20 persoas que se desenvolverá na súa oficina de Bruxelas entre os días 21 e 25 de setembro e que ten como obxectivo continuar co compromiso da FGE de impulsar a participación das entidades públicas e privadas galegas na captación de fontes de financiamento comunitario que permitan executar todo tipo de proxectos en beneficio do tecido produtivo e da sociedade galega en xeral.

Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa EU, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

 

 


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante