Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

01/10/2014

A Fundación Galicia Europa presenta a “IV Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea e organizacións internacionais” para os mozos galegos

Guía de prácticas e saídas laborais

  • Este manual actualizado fai un percorrido polas posibilidades de prácticas formativas, as bolsas de estudo, as opcións de traballo no exterior e os programas de aprendizaxe de linguas existentes para a mocidade galega na actualidade
  • Pretende ser unha ferramenta que redunde positivamente na carreira profesional e no futuro laboral da mocidade galega

Santiago, 1 de outubro de 2014.- A Xunta a través da Fundación Galicia Europa vén de publicar a IV edición da súa Guía de Prácticas e Saídas Laborais na UE e Organizacións Internacionais, un documento que, dende o seu lanzamento no 2008, pretende achegar á mocidade galega as posibilidades ao seu alcance para dar os primeiros pasos na súa carreira profesional. A nova versión da guía está xa dispoñible na propia web da FGE, ao tempo que un número limitado de exemplares será distribuído entre centros de documentación, universidades e outras entidades galegas.

A actualización da guía en 2014 coincide co inicio do novo período orzamentario europeo ata 2020, no que a UE porá en marcha novas iniciativas e programas dirixidos, entre outros sectores socioeconómicos, á xuventude, colectivo ao que se ofrecerán oportunidades en tres dimensións prioritarias: a formación, a creación de emprego e o emprendemento. Así mesmo, para facilitar o uso do manual nesta IV edición, foi remodelada a súa maquetación e deseño e reestruturado o contido por bloques: bolsas para realizar prácticas, bolsas de estudo, oportunidades de emprego no estranxeiro e ferramentas de aprendizaxe de linguas.

Prácticas, emprego e formación complementaria

Todos aqueles que consulten a guía atoparán unha recompilación das oportunidades para realizar prácticas formativas en diversos organismos públicos da administración galega e estatal, así como nas institucións e órganos da Unión Europea e en diversas organizacións internacionais. Cabe destacar que gañan peso no conxunto desta IV edición as bolsas ofertadas dende entidades privadas, xa presentes outros anos. Para facilitar o acceso á información por parte dos usuarios, no apartado adicado a cada unha das bolsas recóllese unha síntese dos obxectivos da mesma, detalles sobre o proceso de selección, o prazo de presentación de candidaturas e os requisitos esixidos aos solicitantes.

A Guía de Prácticas e Saídas Laborais desgrana así mesmo noutro apartado as posibilidades de emprego nas institucións comunitarias, especificando os distintos tipos de relacións laborais que están a funcionar agora mesmo na UE, que inclúen tanto aos funcionarios propios como a traballadores temporais. O manual inclúe tamén información sobre outras posibles saídas laborais, tales como a carreira diplomática ou o desenvolvemento de tarefas en organismos internacionais.

Ademais, como clave para promover as experiencias internacionais da mocidade galega e mellorar a súa empregabilidade, a guía conta cun apartado adicado ás diversas bolsas ofertadas dende entidades públicas e privadas para programas de estudo en universidades e centros de formación españois e no estranxeiro. Como elemento complementario a tal formación regrada, o manual fai así mesmo un percorrido polas posibilidades de aprendizaxe de idiomas a través de cursos de inmersión ou en centros educativos en Galicia.

A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1988 co fin de propiciar o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Un dos seus eixos principais de actuación é a formación sobre asuntos europeos da sociedade galega, sendo parte moi importante do mesmo a convocatoria anual de bolsas de formación para titulados universitarios e de Formación Profesional, que tamén forman parte da Guía de Prácticas e Saídas Laborais.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante