Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

19/12/2011

A Fundación Galicia Europa reforzará en 2012 o seu traballo para que Galicia siga recibindo axudas da UE no próximo período

  • Tamén se centrará no apoio firme e decidido ante as Institucións Europeas ás reclamacións galegas relacionadas cos nosos sectores produtivos
  • A Fundación proporá ao resto de oficinas que teñen as comunidades autónomas en Bruxelas traballar de xeito coordinado para optimizar os recursos

Santiago, 19 de decembro de 2011.- A Fundación Galicia Europa reforzará en 2012 o seu traballo para que a Unión Europea manteña unha axuda transitoria para Galicia a partir do ano 2013, cando abandone o Obxectivo Converxencia. Así figura no plan de actuación para o vindeiro ano que foi analizado hoxe na reunión do Padroado da Fundación, na que tamén se aprobaron os orzamentos da institución para 2012.

Dentro das prioridades, ten especial relevancia a defensa dunha axuda transitoria da UE para Galicia no período orzamentario 2014-2020, especialmente tendo en conta que o vindeiro ano será clave para a definición do novo marco financeiro da Unión, polo que Fundación redobrará esforzos nesta liña.

Esta defensa xa foi precisamente unha das actividades estratéxicas da Fundación durante este ano e o seu laborioso traballo comezou a dar os seus froitos cando a proposta da Comisión Europea recolleu as peticións galegas desa ‘aterraxe suave’ para aquelas rexións que, como Galicia, deixan de ser obxectivo converxencia no próximo período.

O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, durante a reunión do padroado da Fundación Galicia Europa

O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, a pesar destas boas noticias, a decisión aínda non é definitiva, polo que a Fundación seguirá a traballar neste obxectivo nos principais organismos da Unión, como o Comité das Rexións, o Consello da UE, a Comisión Europea ou a Representación Permanente de España ante a UE. Así mesmo, seguirá a influír nos principais foros de Bruxelas, nas estruturas asociativas e buscando alianzas con o resto de rexións implicadas para lograr seguir tendo fondos máis alá de 2013.

Outros eixos prioritarios

As liñas estratéxicas da Fundación Galicia Europa para o vindeiro ano tamén pasan por redobrar esforzos no apoio firme e decidido ante as Institucións Europeas ás reclamacións galegas relacionadas cos sectores produtivos estratéxicos para Galicia e en priorizar os obxectivos relacionados coa creación de emprego e co reforzo da competitividade empresarial.

Neste sentido, a Fundación defenderá á posición galega no marco da reforma da Política Agraria Común (PAC) e da Política Común de Pesca (PCP) e seguirá a impulsar iniciativas de apoio ao naval e á automoción galega, sectores todos eles claves na nosa economía e cuxo futuro depende en boa parte das medidas que se tomen en Bruxelas.

Así, por exemplo, a Fundación vai impulsar en 2012 o traballo conxunto con outras rexións afectadas pola situación do naval para ter unha estratexia común que garanta a competitividade das nosas empresas fronte á industria naval de terceiros países.

Precisamente, dentro desta liña de cooperación e suma de esforzos Galicia buscará a máxima eficiencia dos recursos para obter os mellores resultados. Por iso, unha das primeiras iniciativas que vai tomar a Fundación no 2012 vai ser propor ao resto de oficinas que teñen as comunidades autónomas en Bruxelas traballar de xeito coordinado para optimizar os recursos.

Aínda que cada comunidade ten intereses específicos en Europa, hai moitas actividades coincidentes onde o lóxico é traballar unidos, sumar recursos e evitar duplicidades. En definitiva, máis eficiencia na defensa dos intereses galegos en Bruxelas, que é o que guía a labor da Fundación Galicia Europa.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante