Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/10/2011

A Fundación Galicia Europa considera positivo que a Comisión Europea propoña dous terzos das axudas para Galicia a partir de 2014

Bruxelas, 10 de outubro de 2011. A Fundación Galicia Europa considera positiva a creación da categoría de “rexións intermedias” nos novos regulamentos da política de cohesión para o período financeiro 2014-2020, para as que a Comisión Europea propón outorgar dous terzos da axuda actual a comunidades coma a galega, que saen por primeira vez do Obxectivo Converxencia.

A oficina rexional ante a UE mostra a súa satisfacción pola atención da Comisión á súa demanda dunha “aterraxe suave” para Galicia ao abandonar o obxectivo Converxencia. Nos últimos dous anos, a Fundación Galicia Europa vén colaborando coa Xunta de Galicia para acadar esta axuda transitoria a través do lanzamento da iniciativa CROWC (Convergence Regions On the Way to Cohesion), co apoio na capital belga para manter encontros con comisarios europeos e outros políticos de alto nivel, a asistencia para acudir a foros e seminarios de relevancia na política rexional ou na redacción de respostas á consulta pública sobre o “Quinto informe da cohesión económica, social e territorial da UE”.

 

Proposta da Política de Cohesión 2014-2020

 

O executivo europeo adoptou o pasado día 6 un paquete lexislativo sobre a Política de Cohesión a partir de 2014 que aspira a unha mellor canalización dos investimentos comunitarios de maneira que se acaden os obxectivos da Estratexia Europa 2020. Como beneficiarias da Política de Cohesión despois de 2013, perfílanse tres categorías de rexións:

  • As rexións menos desenvolvidas, cun PIB inferior ao 75% da media da UE, que seguirán a ser as de maior prioridade.

  • As rexións en transición, cun PIB de entre o 75% e o 90% da media comunitaria.

  • As rexións máis desenvolvidas, cun PIB que supera o 90% da media europea.

Na clasificación de rexións en transición, composta por unhas 51 rexións de toda a Unión, están incluídas aquelas rexións que, segundo as previsións, abandonarán por primeira vez o obxectivo Converxencia despois de 2013, entre elas Galicia. A proposta recolle que estas últimas rexións recibirán, para o período financeiro 2014-2020, dous terzos do que están a recibir no período actual sen que se deba ter en conta o PIB co que conten no futuro período de referencia.

A creación desta clase pretende proporcionar unha “rede de seguridade” a estas rexións de similar desenvolvemento económico, pois, a pesar de ser máis competitivas nos últimos anos, aínda precisan apoio. O novo sistema permite diferenciar as rexións que saen por primeira vez do Obxectivo Converxencia das máis desenvolvidas en termos de fondos dispoñibles, áreas prioritarias de investimento ou porcentaxes de cofinanciamento.

Ademais destes cambios, as propostas da Comisión destacan a necesidade dunha simplificación, integración e harmonización das normas dos fondos europeos co fin de que potencien os seus efectos entre si. O Parlamento Europeo e o Consello adoptarán previsiblemente estas propostas a finais de 2012, mentres, de forma paralela, continúan as negociacións sobre o Marco Financeiro Plurianual para o orzamento xeral da UE para o período 2014-2020.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante