Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

16/06/2011

A Xunta insiste na necesidade de acadar unha posición común co Goberno central para conseguir unha axuda transitoria da UE a partir de 2014

Santiago, 16 de xuño de 2011.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia onde insistiu na necesidade de acadar unha posición común co Goberno central para que Galicia consiga unha axuda transitoria da Unión Europea a partir de 2014, cando abandone o obxectivo de converxencia.

Segundo explicou o director xeral, esta mesma situación afecta a outras dúas Comunidades Autónomas -Andalucía e Castela A Mancha-, ou o que é o mesmo, a 13 millóns de españois que se poden ver afectados por unha drástica redución dos recursos financeiros procedentes de Europa.

Precisamente este criterio, o número de persoas afectadas, foi un dos factores determinantes para que na última reforma da política rexional, en 2006, as rexións que perdían o estatus de converxencia en Alemaña e Grecia puidesen acadar durante o seguinte período financeiro unha axuda transitoria que representaba dous terzos da axuda que percibían ata o momento.

Ademais, Gamallo asegurou que desde o seu departamento se ten constancia do interese da Comisión Europea e crear un novo obxectivo intermedio (entre converxencia e competitividade) para as rexións cuxo PIB estea entre o 75 e o 90 por cento -como é o caso de Galicia- da media comunitaria.

Todas estas informacións, explicou o director, constitúen sinais moi positivas, que veñen a ser o froito dos intensos traballos desenvolvidos pola Xunta nos dous últimos anos a través da iniciativa CROWC (Convergence Regions on the Way to Cohesion), na que as 18 rexións europeas que, como Galicia, abandonarán o obxectivo converxencia a partir de 2014, uníronse para defender unha axuda transitoria ante as institucións comunitarias.

Por este motivo, Gamallo instou ao Goberno a que apoie “desde xa” as propostas conxuntas destas rexións -entre elas as tres españolas-, primeiro ante a Comisión Europea e despois no debate do Consello de Ministros da UE. Este apoio decidido será fundamental agora que o debate sobre as bases da futura política rexional está a metade do seu percorrido, polo que resulta preciso seguir traballando para garantir a plena integración da axuda transitoria nas propostas lexislativas que se adoptarán meses de xuño e setembro.

Unha aposta de Galicia desde o primeiro momento

Segundo os últimos datos dispoñibles do PIB per cápita para 2008, Galicia ten un 88,9 por cento, polo que se sitúa fora do actual obxectivo converxencia -situado no 75 %- e, polo tanto, sufrirá unha importante redución dos recursos financeiros procedentes de Europa.

Á vista desta situación, o Executivo autonómico decidiu en maio de 2009 apostar de cheo pola defensa dunha axuda transitoria para Galicia a partir de 2014, que aseguraría a consolidación dos esforzos feitos ata agora na nosa rexión e que permitiría consolidar os resultados do proxecto europeo na nosa Comunidade Autónoma.

Neste contexto, a Xunta de Galicia lanzou a iniciativa CROWC (Convergence Regions on the Way to Cohesion), co fin de identificar e reunir e estudar de modo conxunto a situación das dezaoito rexións europeas que, como ocorre no caso galego, previsiblemente abandonarán o obxectivo de converxencia a partir de 2014.

Entre os obxectivos desta rede está o de transmitir ás institucións comunitarias, aos Estados membros e a todos os actores europeos implicados no debate sobre o futuro da política de cohesión os argumentos que avalan a articulación dunha axuda transitoria para estas rexións. Ademais, a CROWC tamén pretende sumar apoios para a defensa desta axuda transitoria no próximo período financeiro.

Con estes obxectivos, Galicia mantivo encontros bilaterais e colectivos con todas as rexións afectadas que contan con representación en Bruxelas. As reaccións a esta iniciativa, no contexto das reunións bilaterais, foron positivas e existe consenso sobre os argumentos defendidos por CROWC. O propio Presidente da Xunta e os conselleiros de Presidencia e Facenda mantiveron distintos encontros por este motivo con importantes persoeiros do ámbito comunitario, incluído o Presidente da Comisión Europea.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante