Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

09/05/2011

A Xunta reitera a necesidade de que Galicia siga recibindo fondos da UE máis alá de 2013 para acadar a converxencia real

Santiago, 9 de maio de 2011. Os conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e de Facenda, Marta Fernández Currás, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director-apoderado da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, e o director xeral de Planificación e Fondos, Francisco Javier Rodríguez Seijo, insistiron hoxe, con motivo da celebración do Día de Europa, na necesidade de que Galicia siga recibindo fondos da Unión Europea máis alá do ano 2013 para acadar a converxencia real.

Rueda, Currás, Gamallo e Seijo, que participaron no acto de izado da bandeira da UE nas dependencias centrais da Xunta en Santiago de Compostela, en San Caetano, lembraron as múltiples xestións que leva realizadas o Goberno galego ante Bruxelas nos últimos dous anos para conseguir unha axuda transitoria para aqueles territorios que, como Galicia, deixarán de ser Obxectivo Converxencia a partir do ano 2014.

expo foto
Alfonso Rueda, Marta Fernández Currás, Jesús Gamallo e Francisco Javier Rodríguez Seijo no acto de izado da bandeira da UE nas dependencias centrais da Xunta.

O conselleiro de Presidencia salientou que pese ao carácter periférico de Galicia a nivel xeográfico, a Comunidade galega tense convertido nunha das rexións que máis se ten implicado na construción europea e que a política, a economía e a sociedade galega non se pode entender hoxe en día sen a súa relación con Bruxelas.

Neste sentido, explicou que a política pesqueira e agrícola, os fondos europeos ou a cooperación transfronteiriza son algúns dos asuntos europeos nos que Galicia está implicada día a día e que, polo tanto, forman parte da axenda do Goberno galego desde o primeiro momento.

Ademais, Rueda gabou a solidariedade europea como parte da esencia da UE desde os seus alicerces e destacou que este espírito solidario ten contribuído de xeito decisivo ao crecemento de Galicia desde a súa adhesión.

Plan Estratéxico na liña da Europa 2020
Pola súa banda, a conselleira de Facenda incidiu en que, a pesar de que en 2014 Galicia superará a barreira do 75% do PIB per cápita, aínda deberá afrontar con éxito a converxencia real con Europa, polo que advertiu de que unha redución drástica dos fondos recibidos ata agora tería efectos negativos sobre a economía e o emprego.

Marta Fernández Currás lembrou que a Comunidade galega conta cun Plan Estratéxico 2010-2014-Horizonte 2020, orientado a construír un novo modelo socioeconómico e que vai na liña da estratexia da Unión Europea para a actual década.

A titular de Facenda subliñou que Galicia formulou desde hai dous anos a iniciativa Convergence Regions on the Way to Cohesion (CROWC) para reivindicar unha axuda transitoria que evite unha redución drástica dos fondos e garanta a estabilidade financeira suficiente para dar continuidade á liña de desenvolvemento harmónico e equilibrado que mantivo durante os anteriores períodos.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante