Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

17/12/2010

A Fundación Galicia Europa centrará os seus esforzos durante o próximo ano na consecución dunha axuda transitoria da UE a partir de 2014

  • O Padroado da Fundación aprobou hoxe o plan de actuación para o vindeiro ano, no que participará activamente no proceso de elaboración dunha nova política rexional
  • Outros dos eixos pasan polo fomento da cooperación territorial e defender os intereses galegos na reforma das políticas europeas agrícola e pesqueira

Santiago, 17 de decembro de 2010. A Fundación Galicia Europa centrará os seus esforzos en 2011 en participar activamente no proceso de elaboración dunha nova política rexional da Unión Europea, co fin de conseguir unha axuda transitoria para as rexións que, como no caso de Galicia, abandonan o Obxectivo Converxencia a partir do ano 2014. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, antes de presidir a reunión do Padroado da Fundación, na que se analizaron os orzamentos da institución para o vindeiro ano, o seu plan de actuación e as áreas que deberá priorizar ao longo do 2011.

Dentro destas prioridades, ten especial relevancia a participación na definición da nova política rexional, que terá importantes consecuencias na redistribución dos fondos europeos. Para lograr que Galicia siga tendo fondos europeos no seguinte período, que arranca en 2014, a Fundación seguirá a promover e reforzará a iniciativa europea CROWC (Convergence Regions on the Way to Cohesion).

Rueda e Gamallo durante a reunión do Padroado da FGE
O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e o director-apoderado da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, durante a reunión do Padroado.

Así mesmo, a institución seguirá a transmitir a postura de Galicia ante as institucións europeas, que xa foi recollida no V Informe sobre a cohesión económica, social e territorial na Unión Europea, presentado o pasado mes de novembro e no que xa se abre a porta a que rexións que deixan de ser Obxectivo Converxencia poidan percibir fondos de xeito transitorio para facilitar unha aterraxe suave, como reclamou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Precisamente o presidente da Xunta é o relator principal do ditame sobre o futuro das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT), que previsiblemente será aprobado polo Comité das Rexións en xaneiro e que supón outra das prioridades da Fundación. Así, no 2011 incidirá no fomento da cooperación territorial, principalmente a través da colaboración coa AECT Galicia- Norte do Portugal, que ten sé en Vigo.

 

Outros eixos prioritarios

Non rematan aí as liñas estratéxicas da Fundación Galicia Europa para o vindeiro ano, xa que gran parte dos seus esforzos centraranse en cuestións relativas a sectores estratéxicos para Galicia, como a reforma da Política Común de Pesca ou a reforma da Política Agrícola Común.

O ano que vén é crucial para Galicia nestes eidos, xa que a Comisión Europea deberá adoptar as propostas lexislativas correspondentes. Por iso, a Fundación presentará ante as autoridades europeas as consideracións galegas sobre o mercado lácteo, a capacidade da flota, a xestión dos caladoiros e a mellora da normativa actual.

Tamén en 2011 a Comisión Europea traballará na elaboración do oitavo programa marco de investigación e desenvolvemento que deberá entrar en vigor en 2014. Neste ámbito, a Fundación Galicia Europa contribuirá a que as áreas temáticas da excelencia científica galega se vexan reflectidas no borrador de dito programa marco, xa que Galicia non pode perder o tren da Europa da innovación e a competitividade.

 

Implicación da sociedade

O plan de actuación previsto para 2011 recolle tamén a necesidade de obter unha maior implicación da sociedade galega nos asuntos europeos, especialmente neste momento de deseño do futuro marco orzamentario da Unión, que leva consigo a revisión de todas as políticas comunitarias.

Con este fin, promoveranse debates que axuden a concienciar aos principais axentes da comunidade sobre a importancia de adaptarse aos cambios que se están a producir, así como dinamizar a participación galega en proxectos europeos. A Fundación continuará tamén coas súas bolsas para formación en temas europeos e convocará bolsas para apoiar o labor desenvolvido pola AECT Galicia- Norte de Portugal.

Finalmente, entre outras actuacións, a Fundación tamén levará a cabo labores de asesoramento ás empresas galegas que queiran apostar polo modelo de competitividade europeo, para que poidan obter financiamento dos programas europeos para o seus proxectos, un feito que cobra maior importancia nestes momentos de crise económica.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante