Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

20/10/2010

A Xunta de Galicia e a Fundación Galicia Europa participan no peche da campaña “Sabe o que a Europa Social pode facer por vostede”

  • Máis dun millón de persoas en toda Europa asistiron aos actos desta campaña

  • O evento enmárcase tamén dentro da celebración do Ano Europeo de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social

    • Bruxelas, 20 de outubro de 2010.- Durante o día de onte e hoxe a Comisión Europea celebra en Bruxelas un foro participativo baixo o título “Construir xuntos unha sociedade para todos”, como acto final da campaña que durante dous anos ten percorrido diversas cidades europeas co fin de achegar aos cidadáns os programas e actuacións da UE en materia social.

      Tras recalar en lugares tan diversos como Bialystok en Polonia ou Dijon en Francia, esta campaña visitou Galicia a finais de xuño para celebrar dúas xornadas de seminarios e animacións en Santiago de Compostela. Organizado conxuntamente coa Xunta de Galicia e a Fundación Galicia Europa, a Comisión Europea puido así explicar aos galegos de que xeito o traballo da Unión Europea no eido dos emprego e asuntos sociais benefician aos cidadáns que viven en Europa. A redución dos accidentes laborais derivada da lexislación comunitaria en materia de saúde e seguridade no traballo ou os 10.000 millóns de euros que o Fondo Social Europeo destina cada ano á formación e preparación dos traballadores son algúns dos exemplos citados neste contexto.Cómpre salientar que o acto organizadoen Santiago de Compostela foi seleccionado como un dos cinco mellores de entre os 60 eventos celebrados durante os dous anos de duración desta campaña.

      Obxectivo para 2020: liberar da pobreza a 20 millóns de europeos

      O foro que se desenvolve estes días en Bruxelas constitúe tamén un dos actos centrais do Ano Europeo de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social que trata de concienciar e mobilizar aos Estados membros sobre a situación dos 80 millóns de persoas que viven por debaixo do limiar da pobreza en Europa. Na sesión inaugural, citáronse exemplos dos proxectos de sensibilización e mobilización que se están a desenvolver durante a celebración deste ano en países como Francia ou Alemaña. Destacouse, ademais que, por primeira vez, a estratexia comunitaria que marca as liñas de acción da Unión Europea para os próximos 10 anos, a denominada estratexia “Europa 2020”, inclúe un obxectivo cuantitativo para diminuír nun 25% o número de persoas en situación de pobreza dentro de Europa.

      Este foro celébrase, ademais, ao día seguinte e no mesmo lugar onde se conmemorou a novena Mesa Redonda sobre a Pobreza e a Exclusión social que reuniu a responsables políticos dos 27 Estados membros e as ONG que traballan neste eido para debater sobre a recomendación feita pola Comisión Europea para promover a inclusión activa en Europa. Esta recomendación, debatida tamén ese mesmo día no seo dun Consello Informal de ministros do ramo, céntrase en tres eixos principais para a diminución da pobreza: o establecemento duns ingresos mínimos (que non existe nalgúns Estado membros), os mercados laborais inclusivos e o acceso a servizos sociais de calidade.

      Máis información

      Sobre o que a Europa social pode facer polos cidadáns europeos, aquí

      Sobre o acto desta campaña celebrado en Santiago de Compostela, aquí

      Sobre o Ano Europeo de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, aquí.

      Social Europe en Facebook, aquí


      © Fundación Galicia Europa

      Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante