16/09/2009
Santiago, 16 de septiembre de 2009.- A Fundación Galicia Europa lanza o concurso fotográfico “Galicia Innovadora e Creativa”. Esta actividade está dirixida a mozos con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos que queiran expresar a través da fotografía a súa particular visión da Galicia máis vangardista e innovadora.
A temática do certame está en consonancia coa celebración no 2009 do Ano Europeo da Creatividade e a Innovación. Desde as institucións europeas consideran fundamental potenciar as aptitudes creativas da poboación para responder efectivamente aos desafíos e oportunidades da globalización e á situación de crise actual. Neste sentido, as fotografías deberán centrarse naqueles aspectos nos que Galicia evolucionou e progresou máis nos últimos anos.
Bases do Concurso
Poden presentar os seus traballos todos aqueles mozos entre 18 e 30 anos; nados en Galicia, fillos de galegos ou residentes en Galicia desde o 2006 (ter nacionalidade dun dos Estados membros da Unión Europea). As obras deberán presentarse en papel e formato dixital, antes do 20 de outubro na sede da Fundación Galicia Europa en Santiago.
Fotografías Premiadas
O xurado, seleccionado pola Fundación Galicia Europa e os patrocinadores, valorará a calidade técnica e a habilidade fotográfica dos participantes, así como a súa capacidade para transmitir a imaxe dunha Galicia creativa e innovadora. De acordo con estes aspectos, a comisión preseleccionará un máximo de 15 obras, de entre as cales se escollerán os tres gañadores.
A contía dos premios ascende a 6.000 euros, repartidos nun primeiro premio de 3.000 euros, un segundo de 2.000 euros da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e un terceiro de 1.000 euros da Dirección Xeral de Xuventude. Así mesmo, tanto as 3 obras gañadoras como as 12 finalistas formarán parte dunha exposición que a Fundación presentará en diversas cidades galegas e en Bruxelas.
© Fundación Galicia Europa
Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Compatibilidade da web