Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

15/10/2008

O Centro de Negocios Galicia Europa achégase ás emprendedoras galegas a través dun seminario sobre a iniciativa empresarial entre mulleres

  • O seminario serviu de foro para analizar un conxunto de iniciativas desenvolvidas por emprendedoras de Galicia así como para dar a coñecer a perspectiva comunitaria en materia de igualdade de xénero
  • O evento completouse coa inauguración da exposición “Pioneiras. Mulleres empresarias galegas“ promovida polo Servizo Galego de Igualdade, que rende homenaxe ás primeiras empresarias galegas e permanecerá ata o 21 de outubro na sede da FGE
  • As empresarias presentes coincidiron en salientar o acceso ao financiamento e a conciliación laboral como dous dos principais retos a acadar

Bruxelas, 15 de outubro de 2008.- A Fundación Galicia Europa acolleu esta mañá na súa sede de Bruxelas o seminario “Potenciando a iniciativa empresarial entre as mulleres europeas: a experiencia das emprendedoras galegas”, organizado conxuntamente co Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galicia e que contou coa presenza dunha nutrida representación de empresarias galegas. O acto que se abriu coas palabras de benvida de Ana Ramos, directora da FGE en Bruxelas, serviu para poñer en común os diferentes casos prácticos na creación empresarial a través dos testemuños das mulleres galegas así como, polo lado comunitario, dar a coñecer a acción da UE no eido da igualdade de xénero e do fomento do espírito empresarial a través da educación.

O evento que se clausurou coa inauguración da exposición “Pioneiras. Mulleres empresarias galegas” a cargo da directora xeral do SGI, Ana Luísa Bouza, funcionou tamén como foro de encontro entre as empresarias galegas e o Centro de Negocios Galicia Europa co fin de estudar as posibilidades de apertura dos seus negocios aos mercados europeos, a través do apoio do CDN. As 16 empresarias galegas asistirán estes días en Bruxelas ao Congreso Mundial de Empresarias no marco do proxecto EMEGA desenvolvido polo Servizo Galego de Igualdade e financiado polo Fondo Social Europeo.

A estratexia europea de cara á muller emprendedora
O representante da DX Empresa e Industria da Comisión Europea, Simone Baldassarri, informou aos asistentes sobre a importancia da educación como instrumento de promoción do espírito emprendedor. Neste senso, destacou que as múltiples iniciativas levadas a cabo pola UE en todos os niveis educativos contribúen a cimentar o mesmo afán emprendedor entre ambos os dosu sexos desde unha idade temprana, o que se reforzará cuantitativa e cualitativamente o papel da muller como promotora de iniciativas empresariais nun futuro próximo.

Pola súa banda, a súa compañeira Fátima Ribeiro, integrante da Unidade de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres da DX de Emprego e Asuntos Sociais, sinalou a necesidade de permitir o acceso das mulleres aos niveis máis altos de toma de decisións do mundo empresarial, así como doutros campos como a política ou a ciencia. Así, Fátima Ribeiro incidiu na obrigación das institucións de contribuír á eliminación de obstáculos como a discriminación ou a imposibilidade de conciliar o labor profesional e a vida laboral. Na mesma liña, a eurodiputada do PSE Iratxe García Pérez, considera que a clave para os próximos anos será a elaboración de políticas transversais, de xeito que todos os ámbitos sociais se analicen desde a perspectiva de xénero.

A directora xeral do SGI, Ana Luísa Bouza, aproveitou para achegar aos presentes as accións levadas a cabo desde o seu departamento no tocante á promoción da iniciativa empresarial femenina. Así, Bouza quixo salientar a súa intención de “subsidiaridade” completando a actividade doutras entidades e nesta liña expuxo algunhas das iniciativas postas en marcha tales como a creación de cooperativas para traballadoras do mar, a promoción de creación de empresas de novas tecnoloxías, a diversificación dos grupos destinatarios como por exemplo as mulleres do rural, etc.

Os casos galegos
Isabel Iglesias Oviedo, presidenta da Federación de Mulleres Empresarias de Galicia (FEGA), cedeu a palabra ás empresarias galegas presentes que aproveitaron a ocasión para explicar en primeira persoa as súas experiencias particulares. A pesares da diferencias no tocante ao tipo de empresa, ao ámbito ou ao mercado o que se dirixen, todas as participantes coincidiron en salientar a importancia de acadar unha verdadeira conciliación laboral e en sinalar o acceso á financiación como un dos principais obstáculos á hora de poñer en marcha una idea.

“Pioneiras. Mulleres Empresarias Galegas”
Tralo seminario, a directora do Servizo Galego de Igualdade (SGI), Ana Luísa Bouza, inaugurou a exposición “Pioneiras”, un percorrido pola traxectoria de 21 emprendedoras que ilustran a loita da muller galega por abrirse camiño no mundo empresarial que poderá ser visitada ata o próximo 21 de outubro na sede da FGE en Bruxelas . Entre elas, podemos atopar a mulleres que colmaron o seu afán de saber nunha época na que a educación estáballes vetada, como a primeira boticaria de Galicia ou unha recoñecida química que fabricou o primeiro xabón líquido do Estado.
Noutras ocasións, o azar levou a estas mulleres a desenvolver o seu talento e a súa capacidade de innovación, como é o caso da moza de Porto do Son que popularizou o traxe de augas confeccionado con liño e aceites que deseñou para que o seu pai puidese saír ao mar. A primeira camionera de España ou as valentes armadoras de principios do século XIX dan mostra tamén da transgresión destas emprendedoras que se abriron camiño nun mundo de homes.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante