Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

08/07/2019

Galicia terá unha participación destacada na Semana Europea das Rexións e das Cidades que se celebrará a principios de outubro en Bruxelas

Cartel da vindeira Semana Europea das Rexións e das Cidades 2019. Fonte: EWRC.png
  • Hoxe ábrese o prazo de inscrición para os máis de 300 actos, obradoiros e charlas da vindeira Semana Europea das Rexións e das Cidades, o cal se manterá aberto ata finais do mes de setembro.
  • Galicia participará activamente en catro destes actos incluidos no programa oficial da EWRC 2019.
  • Nas mesmas datas que esta semana de eventos e conferencias, vaise celebrar un cume sobre mobilidade autónoma a cargo do Grupo Interrexional do Automóbil do Comité Europeo das Rexións.
Bruxelas, 8 de xullo de 2019. Como cada ano desde 2003, o Comité Europeo das Rexións (CdR), en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea (DG REGIO), organiza en Bruxelas a denominada ‘Semana Europea das Rexións e das Cidades’ (EWRC nas súas siglas en inglés). Este evento de catro días de duración reúne a máis de 6.000 asistentes e 600 relatores nun programa oficial con máis 300 actos acerca das políticas rexionais e locais europeas sobre cohesión e desenvolvemento rexional e urbano. Esta 17ª edición da EWRC, que se celebrará do 7 ao 10 de outubro, levará por título “As rexións e as cidades, alicerces do futuro da UE”. 

A Fundación Galicia Europa (FGE) está a impulsar un ano máis a participación de entidades galegas na EWRC, colaborando con outras entidades galegas como a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou a Autoridade Portuaria de Vigo. Velaquí unha breve descripción dos catro actos con participación galega, que se celebrarán o martes 8 de outubro:
  • As rexións europeas na loita contra o Cambio Climático: A aportación galega (Código do acto: 08TK570). Unha charla en formato EURegion talks (un máximo de 30 minutos e en inglés) que impartirá unha representante da Xunta de Galicia expoñendo o propósito principal da Estratexia galega sobre Cambio Climático e Enerxía de cara a 2050: Converter a Galicia en peza clave do avance europeo cara a neutralidade climática.
  • O fomento do crecemento azul: O exemplo do Porto de Vigo (Código do acto: 08TK584). Outra charla en formato EURegion talks na que se expoñerá a Estratexia de Crecemento Azul do Porto de Vigo lanzada no ano 2016. A conferencia correrá a cargo do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López-Veiga, quen explicará unha estratexia de crecemento que logrou reunir a todos os actores do sector portuario marítimo. En total, identificáronse 45 proxectos e 46 accións co obxectivo de converter a Vigo nun porto verde, conectado, inclusivo e innovador.  
Os catro eventos coordinados pola FGE forman parte das 300 sesións previstas durante a EWRC 2019, entre as que se atopan laboratorios participativos, obradoiros, charlas, un espazo de exposición, degustacións de produtos rexionais e actividades de networking. Estes actos vanse agrupar en seis bloques temáticos distintos: O futuro da UE e o papel das rexións e as cidades; unha Europa máis próxima aos cidadáns; unha Europa máis verde; unha Europa socialmente máis integrada; unha Europa máis intelixente e unha Europa máis conectada.

O prazo de inscrición en calquera dos seminarios, obradoiros, debates e actos incluidos na EWRC está aberto ata finais de setembro. As inscricións realizaranse mediante este enlace, para o que é necesario crear primeiro unha conta EU Login que dá acceso a todos os servizos da Unión Europea.

Primeiro cumio sobre o futuro da mobilidade autónoma
Coincidindo coa Semana Europea das Rexións e das Cidades, o día 9 de outubro se celebrará un gran encontro sobre mobilidade autónoma con representación da industria, das institucións comunitarias e de autoridades rexionais, organizado polo Grupo Interrexional do Automóbil (Future of the Automotive Industry-CoRAI) do Comité Europeo das Rexións (CdR), do que Galicia forma parte.

O CoRAI considera que a condución autónoma representará un verdadeiro cambio no contexto actual, sendo a mobilidade unha necesidade básica e moi necesaria nunha sociedade europea que envellece cada vez máis. Por iso, neste cume se quere convidar aos responsables de proxectos europeos punteiros en mobilidade para que compartan as súas experiencias e den as súas recomendacións aos representantes e técnicos rexionais e locais europeos. O seminario de CoRAI vaise compoñer de tres partes diferenciadas: un panel técnico con representantes do sector da mobilidade para a exposición de novos proxectos e proxectos en curso; unha exhibición dos propios proxectos in situ e un debate político sobre mobilidade autónoma a nivel local no que participará a Xunta de Galicia. Prema nesta ligazón para inscribirse no seminario.

No panel e na mostra de proxectos vai participar como representación galega o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) coa presentación oficial do proxecto SISCOGA, un corredor de probas cuxo principal obxectivo é poñer en marcha proxectos relacionados coa condución autónoma e conectada. Este proxecto galego se desenvolve dentro do marco do proxecto 5GMOBIX do programa europeo H2020.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante