Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

09/05/2019

A Xunta celebra o Día de Europa participando en varias actividades educativas con alumnado de secundaria

Charla_Dia_de_Europa.jpg
  • O equipo da Fundación Galicia Europa desprazouse a varios centros da capital galega para debater as vantaxes de pertencer á UE.
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2019.- A Dirección xeral de Relacións Exteriores e coa UE e o equipo da Fundación Galicia Europa (FGE) en Santiago de Compostela celebraron hoxe o Día de Europa organizando charlas nos centros de educación composteláns IES de Sar e o Colexio M. Peleteiro, co obxectivo de informar, formar e sensibilizar aos mozos e mozas de secundaria sobre a importancia que ten para Galicia pertencer á Unión Europea.

O equipo de Unión Europea ilustrou a máis de 150 alumnos e alumnas sobre as actividades que, neste eido, desempeñan a Xunta e Fundación Galicia Europa e o significado deste día para os europeos. A charla, titulada ‘Que podes facer ti pola UE?’, tiña por obxecto informar aos estudantes sobre o funcionamento das principais institucións europeas, os programas comunitarios para mozos, como o European Youth Event, o programa Erasmus+, o Interrail ou o Corpo Europeo de Solidariedade.

Para rematar, subliñouse o que cada cidadán europeo pode achegar para xerar un verdadeiro sentimento de pertenza a esta Europa plural: protexer activamente o medio ambiente, estudar algún dos idiomas oficiais na Unión para facilitar a comunicación cos nosos veciños europeos ou favorecer o intercambio cultural.

Así mesmo, e tamén co gallo do Día de Europa, a Xunta participou onte no xantar-debate organizado polo High Level Group de Innovación que preside o chantadino José Manuel Silva, antigo Director Xeral de Innovación e de Agricultura da Comisión Europea. O High Level Group de Innovación é un grupo de influencia con sede en Bruxelas que formula estudos e fai propostas ás institucións comunitarias sobre as orientacións da Política de Innovación europea. Os seus representantes, reunidos en Santiago, amosaron o seu interese por coñecer de primeira man as Estratexias de I+D+i da Comunidade Autónoma e o compromiso da Xunta coa transformación do noso modelo económico cara unha economía competitiva e sustentable, baseada no coñecemento e no talento, que acelere o crecemento económico e impulse o emprego e o benestar social.

Día de Europa
Desde 1985, o 9 de maio, o Día de Europa, conmemora a declaración que Robert Schuman, Ministro de Asuntos Exteriores de Francia, pronunciou en 1950, sentando as bases do que coñecemos como Unión Europea e propoñendo a creación da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro. Esta institución supranacional coordinaba a produción destas materias primas, fortemente ligadas á industria armamentística, realizando unha aposta pola paz entre os países de Europa. Esta declaración, e a posterior sinatura do Tratado de París en 1951 se considera o xerme da actual Unión Europea, unha comunidade que a día de hoxe vai moito máis aló que unha mera asociación económica.

No seguinte enlace pode atopar a declaración institucional da Xunta de Galicia e a súa lectura por parte do seu presidente, Alberto Núñez Feijoo.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante