Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

23/06/2017

A Xunta apela á solidariedade conxunta dos países membros para crear unha Europa máis forte e unida

Jesús Gamallo e a directora da EGAP durante a inauguración do curso. © Xunta de Galicia
  • A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) organiza ata hoxe o curso ‘60 anos da Unión Europea: balance e perspectivas’
  • A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou o curso e destacou a importancia de que os estados membros da Unión Europea traballen de forma conxunta e solidaria para recuperar o apoio perdido por parte da cidadanía
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, resaltou que “Europa é máis necesaria que nunca. O noso reto de cara ao futuro é crear unha Unión Europea máis forte e integrada”

Bruxelas, 23 de xuño de 2017. A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inauguraron onte o curso “60 anos da Unión Europea: balance e perspectivas”, no que destacados expertos en dereito a nivel nacional e internacional, investigadores, parlamentarios e xornalistas analizarán durante dous días os desafíos aos que se enfronta Europa nos próximos anos nun contexto de plena crise da súa identidade dende o seu nacemento en Roma no 1957.

Durante a inauguración, Sonia Rodríguez-Campos afirmou que “se fai máis necesario que nunca o traballo conxunto dos países membros europeos para recuperar o apoio popular perdido por parte da cidadanía. A Unión Europea durante estes 60 anos superou outras graves crises, pero sempre soubo adaptarse e evolucionar”. A directora da EGAP citou o Brexit, a xenofobia, o terrorismo e a crise de refuxiados coma algúns dos problemas aos que se enfronta Europa no futuro.

Rodríguez-Campos sinalou que a retirada do Reino Unido da Unión Europea “é, en efecto, un problema, pero tamén podería ser unha grande oportunidade para sentar as bases dunha nova Europa con fundamentos máis sólidos”. Finalmente, a directora da EGAP fixo fincapé na solidariedade na que crían os países fundadores da Unión Europea e lembrou as palabras do discurso de Robert Schuman: “Europa non se fará dunha vez nin nunha obra de conxunto: farase grazas a realizacións concretas, que creen en primeiro lugar unha solidariedade de feito”.

Na inauguración tamén participou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, que destacou que “Europa é máis necesaria que nunca. O reto é crear unha Unión Europea máis forte e que conte coa participación e o acordo dos cidadáns europeos para superar a crise actual”. Gamallo resaltou que este reto pasa por tres elementos fundamentais: “un maior equilibrio das institucións europeas, sen tanto peso no Consello Europeo, aspecto que provocou a actual crise dos refuxiados; a necesidade de crear unha Europa máis integrada, contando coa aceptación e a implicación da cidadanía; e a importancia de asentar unha Unión Europea baseada en valores e principios”. Ademais, considerou que é preciso que os poderes públicos “cambien o relato do que se lles explica aos cidadáns: é preciso defender unha Europa que aposta polos dereitos fundamentais e a solidariedade colectiva”.

 

Intervencións dos relatores

De seguido, o profesor da Universidade de León, Francisco Sosa Wagner, impartiu a conferencia inaugural titulada Europa: estado de saúde e enfermidades. Posteriormente, Xosé Carlos Arias Moreira, profesor da Universidade de Vigo, analizou a situación económica da Unión Europea e Mario Kölling, investigador da Fundación Manuel Giménez Abad, falou sobre a cohesión social dentro da Unión.

Xa pola tarde, tivo lugar a conferencia a cargo de Xosé Antón Sarmiento Méndez, letrado maior do Parlamento de Galicia, sobre a participación dos parlamentos autonómicos na construción da Unión Europea. A continuación, organizouse unha mesa redonda sobre o devir da Unión Europea e das políticas comunitarias na que participaron os xornalistas de El País, a Axencia EFE e a CRTVG, -Javier Ayuso Canals, Ana Martínez Pedrosa e Fernando Rodríguez Ojea, respectivamente- e o presidente da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, Paco Sánchez, que fará de moderador.

O curso continua este venres coas intervencións dos profesores Claudia Tubertini, da Universidade de Bolonia, que falará sobre A Europa das rexións, e de Giuseppe Pipperata, da Universidade Luav de Venecia, cun relatorio titulado Europa, simplificacións, liberalizacións. De seguido, participarán Xosé Luís Barreiro Rivas e Roberto Blanco Valdés, da Universidade de Santiago de Compostela. Nas súas intervencións profundarán na Europa das rexións, nas liberalizacións ou nos triunfos e desfeitas destes 60 anos de existencia da Unión.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante