Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/11/2014

Aberto o prazo de inscrición na xornada “Novo Período de Programación 2014-2020”, enmarcada dentro do proxecto Emprende

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2014.- A Fundación Galicia Europa, co apoio da D.X. de Xuventude e Voluntariado, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), o Instituto Português da Juventude e do Desporto (IPDJ) e a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles (FNAJ), socios do proxecto EMPRENDE e coa colaboración do Gabinete da Eurocidade Chaves – Verín, organiza esta xornada, financiada polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia – Norte de Portugal (POCTEP).

O acto terá lugar o xoves, 27 de novembro de 2014 na sede da Eurocidade Chaves - Verín, sita en Feces de Abaixo (Verín). Iniciarase ás 10.30 h e finalizará ás 16.00 h.

O programa xirará en torno ás seguintes cuestións: Cales son os seus obxectivos?; Cales son os seus eixes prioritarios?; Que actuacións promoven?; Quen se pode beneficiar?; A quen van dirixidos?

De tal xeito durante a xornada, enmarcada no grupo de accións do proxecto EMPRENDE centradas no “Apoio á internacionalización”, prestarase especial atención ao apoio previsto para a cooperación territorial na programación 2014-2020 dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (EIE) a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), unha oportunidade de financiamento que é de vital interese para aqueles actores económicos que desenvolven a súa actividade a ambas beiras do Miño.

A xornada achegará por tanto os programas de cooperación territorial a un sector da poboación habitalmente alleo á súa existencia, dando a oportunidade a aqueles mozos con ideas e proxectos a desenvolver na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para coñecer de primeira man cales son as novas liñas de financiamento europeo e entrar en contacto directo cos seus xestores.

Destinatarios e criterios de selección

A xornada, que é gratuíta, vai dirixida a novos empresarios, emprendedores, traballadores, estudantes e parados con espírito emprendedor, de entre 18 e 30 anos. Darase prioridade á orde de presentación da inscrición e preferencia aos mozos de zonas limítrofes. O número de prazas será duns 40 participantes, ata esgotar o aforamento da sala.

Inscrición

Os interesados en asistir deberán inscribirse e enviar a súa solicitude vía correo electrónico a sonia@resfaeventos.com . A data límite de recepción será o luns 24 de novembro de 2014. Comunicaráselles persoalmente a recepción da súa inscrición e a resolución definitiva.

Proxecto Emprende

“Mozos Emprendedores da Eurorregión”, nome completo desta iniciativa, busca facer deste territorio un espazo atractivo para o asentamento ou desenvolvemento de novas actividades económicas e empresariais por parte dos mozos.

Colaboran neste proxecto a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, o Instituto Português da Juventude, a Confederación de Empresarios de Galicia, a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles de Portugal e a Fundación Galicia Europa.

O proxecto EMPRENDE está adscrito ao Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, dentro da área de cooperación Galicia-Norte de Portugal, e conta cun presuposto total de 727.313,26 euros, cun 75% a cargo de FEDER no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. Os seus obxectivos son a creación de empresas e o fomento do emprego, especialmente para a xuventude, a través de actividades estratéxicas que dinamicen os servizos da Eurorregión e a convertan nun lugar atractivo para a actividade económica e os investimentos.

Para obter máis información sobre a xornada, poderán chamar aos teléfonos: 981 95 70 88 / 981 54 10 10, en horario de 9:00 h. a 14:00 h, ou no correo electrónico sonia@resfaeventos.com. Para realizar as inscricións poderán dirixirse á páxina web www.fundaciongaliciaeuropa.eu, e no correo electrónico sonia@resfaeventos.com


Documentos para descarga



© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante