Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/10/2014

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro ”A importancia do portafolio web como ferramenta de autopromoción”, organizado pola FGE

A importancia do portafolio web como ferramenta de autopromoción

Santiago, 6 de outubro de 2014.- A Fundación Galicia Europa organiza o 23 de outubro en Tui, en colaboración co Concello da vila, un obradoiro sobre “A importancia do portafolio web como ferramenta de autopromoción”, co obxectivo de mostrar as opcións que ofrece a rede para que os usuarios poidan presentar o seu currículo e traballos dun xeito dinámico e atractivo a través da rede e así darse a coñecer ante potenciais clientes ou colaboradores.

Posta en marcha ao abeiro do proxecto EMPRENDE, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP), esta iniciativa atópase enmarcada no mesmo dentro das actividades centradas na formación para emprendedores xuvenís de Galicia e do Norte de Portugal, que teñen como fin último fomentar o espírito emprendedor entre a mocidade da eurorrexión.

Metodoloxía

A didáctica das sesións basearase na presentación das ferramentas dispoñibles, aportándose consellos adaptados ao perfil dos asistentes e presentando así mesmo casos prácticos de portafolios xa elaborados. Pola tarde, nunha sesión práctica, os asistentes crearán o seu “portafolio beta”.

Perfil dos destinatarios e inscrición

O curso vai dirixido a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, con espírito emprendedor e desempregados. Os interesados poderán atopar a instancia a cubrir nesta mesma páxina, e deberán remitila á dirección de correo electrónico santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu antes do 20 de outubro indicando, a ser posible, a que sector profesional pertencen.

Criterios de selección e número de prazas

Co fin de que a xornada sexa o máis áxil e proveitosa posible, limitarase o número de prazas a 20. De tal xeito, unha vez pechado o prazo de recepción de inscricións, darase prioridade ás candidaturas recibidas segundo a súa orde de presentación, e preferencia aos mozos das áreas da bisbarra tudense. Comunicaráselles persoalmente aos seleccionados a resolución definitiva.

A asistencia será obrigatoria a toda a xornada, entregándose un certificado de asistencia ao termo da mesma.

Proxecto EMPRENDE

“Mozos Emprendedores da Eurorrexión”, nome completo desta iniciativa, busca facer deste territorio un espazo atractivo para o asentamento o desenvolvemento de nova actividade económica e empresarial por parte do novos.

Colaboran neste proxecto a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, o Instituto Português da Juventude, a Confederación Empresarios de Galicia, a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles de Portugal e a Fundación Galicia Europa.

O proxecto EMPRENDE adscríbese ao Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, dentro da área de cooperación Galicia-Norte de Portugal, e conta cun orzamento total de 727.313,26 euros, cun 75% a cargo de FEDER no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013. Os seus obxectivos son a creación de empresas e o fomento do emprego, especialmente para a xuventude, a través de actividades estratéxicas que dinamicen os servizos da Eurorrexión e a convertan nun lugar atractivo para a actividade económica e os investimentos.


Documentos para descarga



© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante