Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/05/2014

A xornada sobre Formación Profesional organizada pola FGE reinvindica o papel da mesma como ferramenta para loitar contra o desemprego xuvenil

Inauguración da xornada sobre FP organizada pola FGE

  • Na inauguración da xornada participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo e o corresponsal da Comisión Europea en España, Jochen Müller
  • Déronse a coñecer as iniciativas existentes para apoiar o emprendemento e as oportunidades de mobilidade coas que contan os estudantes e titulados de FP no marco europeo

Santiago de Compostela, 14 de maio do 2014.- A Xunta, a través da Fundación Galicia Europa, e co apoio da Representación da Comisión Europea en España, celebrou hoxe, unha xornada informativa sobre a “Dimensión europea da Formación Profesional: formación, mobilidade e emprendemento”. A inauguración da xornada correu a cargo do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo e do corresponsal da Comisión Europea en España, Jochen Müller.

Na súa intervención inaugural, Gamallo destacou a relevancia e oportunidade para a celebración da xornada nun momento como o actual, no que se inicia un novo marco orzamentario na Unión Europea cun punto de partida vantaxoso para Galicia, posto que acadou ata un 83 por cento dos fondos europeos percibidos no anterior período, malia o aumento do nivel de renda da nosa Comunidade. Ademais, Gamallo lembrou unha das sete iniciativas emblemáticas que conforma a Estratexia Europa 2020, a iniciativa Xuventude en Movemento, que fai fincapé na importancia da Formación Profesional como acicate para loitar contra o desemprego xuvenil. Esta estratexia, adoptada a nivel europeo, vese complementada polas políticas nacionais e autonómicas de promoción de emprego, como, no caso de Galicia, o ”Plan de Emprego Xuvenil 2014-2015”, que tratará de paliar o desemprego entre os máis novos mediante a posta en marcha dunha serie de medidas entre as que destacan a regulación de prácticas laborais, o fomento do emprendemento con axudas para a creación de pemes ou o apoio á Formación Profesional Dual.

A primeira sesión da xornada, na que participaron Manuel Corredoira López, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Odilo Martiñá Rodríguez, director xeral de Traballo e Economía Social, da consellería de Traballo e Benestar, centrouse na importancia da “Formación e o Emprego dentro da Estratexia Europa 2020”, a axenda de crecemento adoptada en 2010 para promover un crecemento económico intelixente, sostible e integrador no seo da UE. Na mesa redonda que abriu este bloque temático abordáronse as medidas tomadas para contribuír a tales obxectivos dende as autoridades comunitarias e dende a Xunta de Galicia.

Manuel Corredoira, salientou as vías máis novidosas no eido da formación que se enmarcan no Plan de Emprego Xuvenil, en concreto a FP Dual e a FP Básica. Respecto da formación dual, explicou que a Consellería xa ten asinado convenios con empresas para o desenvolvemento de sete proxectos nesta modalidade da FP, na que se combina actividade profesional na empresa coa actividade formativa no centro educativo. No que atinxe á FP Básica, que entra en funcionamento no curso 2014/15 ao abeiro da implantación da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, o director xeral salientou que esta nova modalidade vai permitir ao alumnado obter un título de formación profesional, ao mesmo tempo que lle permite o acceso aos ciclos formativos de grao medio e a posibilidade de acadar o título de graduado na ESO. ”Desta forma, estas ensinanzas facilitan a permanencia do alumnado no sistema educativo, ofrecendo ao alumnado maiores posibilidades para o seu desenvolvemento persoal e profesional e facilitándolle a transición cara á vida activa”, dixo.

O segundo eixo temático da xornada foi o do emprendemento, fundamental para o crecemento económico e a creación de emprego, que se está a fomentar a través de iniciativas de eido nacional e comunitario orientadas a facer que a posibilidade de montar unha empresa se converta nunha opción atractiva e factible para os cidadáns. Neste mesmo foro de debate explicouse o Programa Erasmus para Novos Emprendedores, con exemplos de boas prácticas en materia de promoción do emprendemento implantadas en centros educativos.

Seguindo coa promoción do autoemprego, tamén se presentaron algunhas das iniciativas de apoio á creación de empresas en Galicia, entre as que se inclúen o programa EduEmprende, da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, as tomadas dende as Cámaras de Comercio de Galicia e dende o Consorcio da Zona Franca de Vigo, ou o novo portal Eugo.es nova xanela única para a posta en marcha dun negocio.

Pola tarde expuxéronse as posibilidades de mobilidade existentes na UE para os estudantes e titulados de Formación Profesional dentro do novo programa Erasmus +, que vén a substituír o antigo Leonardo Da Vinci. Tamén se presentaron outras ferramentas imprescindibles para a mobilidade dentro da Unión Europea como o CV Europass ou a rede EURES de colaboración entre oficinas de emprego público e a súa iniciativa “O teu primeiro emprego EURES”.

O seminario clausurouse logo dunha mesa redonda onde persoal docente, empresas de acollida e antigos alumnos participantes en programas de mobilidade compartiron as súas experiencias.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante