Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

08/08/2019

A Fundación Galicia Europa organiza a 9ª edición do programa TecEuropa de especialización en financiamento comunitario

9ª edición do programa TecEuropa.jpg
  • Nesta nova edición, se convocan en réxime de concorrencia competitiva un total de 20 prazas, destinadas á formación do persoal daquelas entidades galegas interesadas en participar en proxectos europeos.
  • Mañá arrinca o prazo de inscricións para esta edición de TecEuropa que, cun mes de duración, se prolongará ata o vindeiro 9 de setembro.
  • As solicitudes deberanse presentar de forma obrigatoria por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2019. A Fundación Galicia Europa (FGE) lanza a novena edición do seu programa TecEuropa de especialización en materia de financiamento comunitario; unha formación especialmente destinada ao persoal con relación laboral, estatutaria ou ben funcionarial de entidades galegas interesadas en participar en proxectos europeos.

A primeira parte desta nova edición do programa vaise desenvolver entre o 11 e o 15 de novembro en Bruxelas. Por outra banda, a segunda parte deste 9º TecEuropa terá lugar o día 26 de novembro en Santiago de Compostela. O prazo de presentación de solicitudes arrinca mañá, 9 de agosto, tras publicarse hoxe o anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, permanecendo así aberto durante un mes ata o próximo 9 de setembro.

Co fin de asegurar unha representación equilibrada do persoal das distintas entidades, reservarase o seguinte número de prazas para esta edición:
  • 10 prazas para persoal dalgunha das entidades membros do padroado da FGE: Xunta de Galicia, ABANCA, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación de A Coruña, Deputación de Lugo e Axencia Galega de Innovación (GAIN). 
  • 5 prazas para persoal dalgunha das entidades locais galegas (concellos e deputacións).
  • 5 prazas para persoal de entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro que deben ter o seu domicilio social e realizar as súas actividades maioritariamente en Galicia.
As solicitudes e a documentación complementaria deben ser presentadas obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado que se atopa na sede electrónica da Xunta de Galicia (código do procedemento: PR816A). 

Cabe destacar que, nesta edición, non poden presentarse as personas candidatas que participasen no programa de especialización en financiación comunitaria TecEuropa en edicións anteriores a 2019.

A solicitude consiste nun formulario con datos da persoa candidata, unha memoria explicativa do interese da entidade á que representa o candidato, unha breve explicación das propostas de proxectos europeos nas que a entidade estea a traballar e/ou dos proxectos nos que participou, e acreditación, de ser o caso, de formación específica en asuntos europeos e do nivel de coñecemento de idiomas.

Contido de TecEuropa
O programa TecEuropa da FGE, que celebrará xa a súa novena edición, está composto por unha parte teórica, que se desenvolverá na oficina da propia Fundación en Bruxelas, e unha parte práctica que se levará a cabo en Santiago de Compostela.

Os participantes recibirán formación especializada sobre o actual marco financeiro comunitario, os programas e iniciativas europeos e as vías de financiamento existentes, ademais dunha visita programada durante a estancia en Bruxelas ás sedes das institucións europeas, co obxectivo de coñecer de primeira man as súas competencias e funcionamento.

Pode obter a documentación necesaria e toda a información sobre esta convocatoria seguindo esta ligazón

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante