25/11/2009

A Fundación Galicia Europa lanza a convocatoria de bolsas para 2010

  •  O prazo para a presentación da solicitude das bolsas para licenciados remata o vindeiro día 9 de decembro
  • Como novidade, nesta edición, lánzase unha praza específica para titulados en Ciencias da Comunicación
  • A FGE financiará a realización de períodos de prácticas en institucións comunitarias
  • A oficina de Bruxelas acollerá a traballadores das entidades membro ou asociadas da FGE durante estadías curtas de achegamento aos asuntos comunitarios 

Bruxelas, 25 de novembro de 2009.- De acordo co seu labor de formación en temas comunitarios, a Fundación Galicia Europa (FGE) convoca tres modalidades de bolsas para 2010 que teñen por obxectivo contribuír ao achegamento entre Galicia e Europa. Desde 1988, son xa máis de 400 os mozos galegos que, grazas ás bolsas da FGE, deron os seus primeiros pasos como expertos en políticas comunitarias, contribuíndo así á participación de Galicia na construción do espazo europeo.

Na convocatoria 2010, inclúense 8 bolsas de formación destinadas ao seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e as súas políticas e á captación e xestión de proxectos europeos. Para esta modalidade, valoraranse especialmente as candidaturas de licenciados en Dereito, Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Políticas. Destas oito bolsas, catro desenvolveranse na oficina de Bruxelas e as outras catro na de Santiago de Compostela.

Entre as novidades desta edición, destaca o lanzamento dunha novena bolsa específica para un licenciado en Ciencias da Comunicación (cunha titulación de Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade) na oficina de Bruxelas, que terá como principal tarefa contribuír á información e difusión das actividades da Fundación Galicia Europa, da Xunta de Galicia e das empresas do sector público no ámbito europeo.

O prazo de solicitude para as bolsas de asuntos comunitarios e de comunicación remata o 9 de decembro e os exames de selección celebraranse o 17 de decembro. Entre os requisitos para a concesión da bolsa, está ter obtido o título de licenciado nos últimos 5 anos, dominar inglés e/ou francés e ter algunha vinculación con Galicia (ser nado na comunidade, ser fillo de galegos ou acreditar ser residente en Galicia desde antes do 31 de decembro de 2007).

Bolsas para prácticas nas institucións comunitarias

Por outra banda, a Fundación Galicia Europa financiará ata 18 mensualidades de 900 euros para a realización de prácticas non remuneradas nas institucións comunitarias durante 2010. Concederase ata un máximo de 5 meses de bolsa a cada beneficiario. As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de outubro de 2010.

Bolsas para traballadores das entidades do Padroado

Os profesionais que desenvolven a súa actividade nalgunha das entidades membro e asociadas da Fundación Galicia Europa poderán beneficiarse de 5 bolsas para a realización de estadías de curta duración na oficina de Bruxelas. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 31 de xaneiro de 2010.

A finalidade que se persegue é que, contando coa colaboración do persoal da Fundación destinado en Bruxelas e dos contactos que a través deste se poidan establecer coas institucións comunitarias, as persoas seleccionadas afonden no coñecemento dos temas comunitarios que sexan de interese para as entidades das que dependan.

Forman parte do Padroado da Fundación Galicia Europa a Xunta de Galicia, o Banco Pastor, Caixa Galicia, Caixanova, o Consorcio Zona Franca de Vigo e as Cámaras galegas de Comercio, Industria e Navegación. Ademais, colaboran como entidades asociadas as catro Deputacións provinciais galegas.

 

Consulte as convocatorias oficiais

Convocatoria no Diario Oficial de Galicia

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Compatibilidade da web