Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

07/05/2021

Galicia debate con outras rexións europeas sobre a recuperación do turismo, a hostalería e a restauración

5327F_1620398732_20210506_130409.jpg
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, vén de participar na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións
  • O pleno contou coa participación do presidente do Consello, António Costa, o presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli, e os comisarios responsables de Medioambiente, Igualdade e Mercado Interior
Bruxelas, 7 de maio de 2021. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana no terceiro pleno do ano do Comité Europeo das Rexións (CdR), celebrado de forma virtual dende o martes. 

Na sesión desta mañá, os membros do CdR abogaron por un novo Marco Europeo de Turismo Sustentable, aliñado co Pacto Verde e a Axenda 2030 das Nacións Unidas, que teña en conta as estratexias rexionais pertinentes e que inclúa un plan para a redución da burocracia na lexislación comunitaria que afecta a este sector. O CdR propón, ademais, impulsar a marca de turismo europeo para manter e seguir impulsando o liderado europeo no eido internacional, dado que a UE xa acapara o 40% das visitas turísticas. 

Resolución sobre o certificado verde dixital e o aumento da produción de vacinas 

Onte, o CdR adoptou unha resolución sobre a libre circulación durante a pandemia na que acolle favorablemente a proposta de certificados interoperables non só de vacinación, senón tamén de probas diagnósticas e de recuperación da COVID-19.  Na resolución queda constancia, no entanto, da preocupación pola interoperabilidad real desta tecnoloxía entre os Estados membros, dado que algúns deles xa teñen previsto integrar os certificados de vacinas nas súas aplicacións de rastrexo do coronavirus e moitas delas non son compatibles con outras aplicacións de rastrexo do coronavirus existentes na UE. 

O CdR suxire tamén que se modifique o artigo 1 da proposta de Regulamento para aclarar que o certificado verde dixital non afectaría ao dereito dos traballadores transfronteirizos a desprazarse libremente entre o seu fogar e o seu lugar de traballo durante a pandemia. 

En relación co necesario aumento de produción de vacinas, o CdR considera necesario explorar novas solucións, como a suspensión temporal das patentes de medicamentos e tecnoloxías médicas destinadas ao tratamento ou a prevención da COVID-19. 

Compromiso das rexións cos novos obxectivos europeos en materia de emprego e inclusión social

Neste pleno, o CdR aprobou 13 ditames de opinión sobre diferentes políticas da UE que están sobre a mesa. Entre eles, o relativo ao novo plan de acción do chamado “piar europeo de dereitos socias”, ao que Galicia propuxo dúas emendas. Precisamente hoxe, a Presidencia portuguesa da UE celebra un Cumio Social en Oporto no que os líderes europeos van subscribir este plan de acción que traslada a medidas concretas o compromiso adquirido en 2017 para mellorar os sistemas nacionais de protección social e os mercados laborais. O novo plan actualiza os obxectivos europeos en materia de emprego e inclusión de cara o ano 2030: un 78% de taxa de emprego, a participación do 60% dos adultos en actividades de formación e a diminución do número de persoas en risco de pobreza ou exclusión en polo menos 15 millóns. 

O primeiro ministro portugués, António Costa, e presidente de quenda da UE, participou no pleno do CdR o mércores e recoñeceu a importancia da implicación dos entes locais e rexionais para avanzar cara estes obxectivos. Así e todo, o CdR denunciou a ausencia de referencia a este extremo no borrador de declaración que os xefes de Estado e de Goberno van adoptar hoxe. Igualmente, o CdR instou a asegurar unha participación efectiva de todos os niveis de goberno na elaboración e execución dos plans nacionais de recuperación para poder asegurar “unha recuperación xusta que protexa aos máis vulnerables e vele pola igualdade de oportunidades para todos”. 

Inauguración da Conferencia sobre o futuro de Europa
Coincidindo co inicio oficial do proceso de reflexión sobre a construción europea o próximo domingo, 9 de maio, o CdR adoptou unha segunda resolución sobre este proceso na que se compremete a desempeñar un papel activo no exame das distintas vías políticas para mellorar a gobernanza multinivel e promover unha maior integración en Europa.

O CdR considera que a Conferencia constitúe unha oportunidade de achegar Europa aos seus cidadáns e reforzar o seu sentido de pertenza ao proxecto europeo a través da «Casa Europea da Democracia», cuxos cimentos son os entes locais e rexionais, cuxos muros son os Estados membros e cuxo tellado é a Unión Europea. 

O Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.



Sello AYS Innova entidad adaptada

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Política de privacidad Política de Cookies Perfil de contratante