Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

22/11/2019

A Xunta presentou as conclusións da 9ª Conferencia Europea sobre o principio de Subsidiariedade celebrada hoxe en Roma

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, clausurando a 9ª Conferencia Europea de Subsidiariedade.jpg Ver máis...
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na sede do senado italiano en Roma na 9ª Conferencia Europea sobre Subsidiariedade.
  • O representante galego fixo fincapé na necesidade de mellorar os mecanismos para a aplicación práctica deste principio recollido no Tratado da UE.
Roma, 22 de novembro de 2019. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, participou hoxe na sede do senado italiano en Roma na 9ª Conferencia europea sobre Subsidiariedade. Esta conferencia ten lugar cada dous anos co obxectivo de estreitar o diálogo interinstitucional para o seguimento da aplicación deste fundamento reitor da Unión. O principio de subsidiariedade indica que a Unión Europea só debe intervir en caso de que os obxectivos non poidan ser alcanzados pola actuación individual dos Estados membros, e poidan cumprirse mellor por parte da UE debido á escala ou para os efectos da acción proposta.

Na cita de Roma se puxo de manifesto a importancia de que os entes locais e rexionais desempeñen un papel cada vez máis importante no proceso de elaboración das políticas da UE, a raíz do traballo realizado en 2018 polo Grupo Operativo de Subsidiariedade e Proporcionalidade no cal participaron representantes da Comisión Europea e do Comité Europeo das Rexións.

A iniciativa de todos os grupos políticos do Comité, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE foi o encargado de presentar as conclusións finais desta reunión de análise. Para Jesús Gamallo, esta Conferencia de Roma reflicte o espírito da subsidiariedade ao reunir a diferentes actores de todos os niveis da gobernanza europea co fin de discutir como mellorar o proceso de elaboración de políticas na UE, como aportar un valor engadido real aos cidadáns europeos e como comunicar mellor este valor engadido. “Empreguemos todas as ferramentas de que dispoñemos para facer realidade a subsidiariedade activa, manteñamos vivo este espírito de cooperación e traballemos xuntos por un futuro mellor para os nosos cidadáns”, concluíu o representante galego.

A Conferencia de Roma adicouse á exposición do principio de subsidiariedade activa na gobernanza europea. A subsidiariedade activa consiste nunha nova forma de traballar para mellorar os actuais procesos de elaboración de políticas públicas na Unión, e permitiría contribuír ás autoridades rexionais e locais, xunto aos parlamentos nacionais, ao deseño da nova lexislación europea. De feito, este labor colaborativo posibilitaría traballar con antelación no proceso lexislativo europeo aos 41 parlamentos nacionais, 74 asembleas lexislativas rexionais e ás 280 rexións e 80.000 autoridades locais presentes na Unión Europea.

Contexto
Ao inicio do seu mandato en novembro de 2014, o presidente Jean Claude-Juncker marcou como unha das súas prioridades ao fronte da Comisión Europea o ‘cambio democrático’, entendendo este como unha mellora xeral da lexislación europea, da calidade das políticas e do respecto dos principios de subsidiariedade e proporcionalidade nas mesmas, á vez que se intentaba implicar máis aos entes rexionais e locais e á cidadanía de Europa no proceso lexislativo.

O Comité Europeo das Rexións tamén participou activamente neste obxectivo ao longo dos anos ao formar parte do grupo de traballo creado para seguir a aplicación destes dous principios, crear a súa propia rede de seguimento e recoller as opinións das rexións e cidades europeas ao respecto a través da súa Comisión CIVEX, as cales se traduciron en varios ditames do CdR que achegan a perspectiva dos entes subnacionais sobre a liña política da Comisión de lexislar mellor.

En España, seguindo o protocolo de actuación entre o Congreso dos Deputados e os parlamentos autonómicos para o control do cumprimento do principio de subsidiariedade, unha vez que se recibe unha proposta lexislativa por parte da Comisión Europea remítese de forma inmediata ás cámaras das comunidades autónomas para o seu informe nun prazo de catro semanas. Neste sentido, no intervalo temporal de 2010 a 2019, recibíronse en Galicia 886 propostas lexislativas por parte das institucións europeas, das cales o Parlamento de Galicia respondeu a 748.

Principios de subsidiariedade e proporcionalidade no Tratado da UE
A mellora xeral da lexislación europea articúlase en que toda proposta lexislativa respecte, dentro do posible, os principios de subsidiariedade e proporcionalidade. Estas dúas guías regulan o exercicio das competencias da Unión Europea e atópanse consagrados no artigo 5 do Tratado da UE.

Por un lado, o principio de subsidiariedade indica que a UE só debe intervir no caso de que os obxectivos non poidan ser alcanzados de maneira suficiente pola actuación individual dos Estados membros (a nivel central, rexional ou local), puidendo cumprirse mellor ao nivel da Unión debido á escala ou para os efectos da acción proposta. Pola súa parte, o principio de proporcionalidade implica que o contido e a forma da acción da Unión Europea non deben exceder do necesario para alcanzar os obxectivos recollidos nos Tratados.

O Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante