Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

25/09/2019

Galicia acada a máxima cualificación europea como rexión de referencia na abordaxe integral do envellecemento activo e saudable

Galicia obtén a acreditación de catro estrelas no marco da EIP on AHA polos seus avances innovadores para facer fronte ao envellecemento da súa poboación. Fonte: © Xunta de Galicia.jpg
  • Este selo de sitio de referencia enmárcase dentro da iniciativa estratéxica European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA).
  • A Comisión Europea valorou que Galicia ten implementadas estratexias integrais para avanzar en innovación de cara a un envellecemento activo e saudable, baseado nun modelo que inclúe á industria, á sociedade, á universidade e á administración.
  • Con este recoñecemento, Galicia acada a acreditación de catro estrelas, dun máximo de catro posibles, ascendendo de nivel logo de conseguir tres estrelas na edición anterior.
Aarhaus (Dinamarca), 25 de setembro de 2019. A Comisión Europea outorgoulle a Galicia, grazas ao traballo do Sergas, a máxima cualificación como rexión de referencia no desenvolvemento e a adopción de prácticas innovadoras para o envellecemento activo e saudable. Este recoñecemento enmárcase dentro da 3ª convocatoria da iniciativa European Innovation Partnership on Active and Healthy Ageing (EIP on AHA), que podería traducirse como a Alianza de Innovación Europea para un Envellecemento Activo e Saudable, e na que Galicia conseguiu a acreditación de catro estrelas dun máximo de catro posibles. O recoñecemento de Galicia como rexión de referencia coa máxima acreditación entregouse este mércores 25 de setembro na localidade danesa de Aarhus, no marco da Conferencia da EIP on AHA. Con este último recoñecemento, a comunidade galega ascende de nivel tras conseguir tres estrelas na edición da iniciativa no ano 2016.

Para outorgarlle esta máxima acreditación, a Comisión tivo en conta a candidatura que presentou Galicia a cal inclúe numerosas iniciativas que demostran a excelencia no desenvolvemento de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable, baseándose nun modelo que inclúe á industria, a sociedade, a academia e as autoridades gobernamentais.

Deste xeito, como contribución á transformación dixital europea no ámbito da asistencia sanitaria presentouse a Historia Clínica Electrónica (HCEPRO) do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e a plataforma É-Saúde, que permite o acceso aos servizos e contidos de saúde personalizados aos cidadáns.

Outros proxectos do Servizo Galego de Saúde destacados na convocatoria foron HEXIN, a plataforma de explotación de información e xestión de datos clínicos e epidemiolóxicos; SAVAQ, o sistema avanzado de xestión cirúrxica; e SIGUR, o sistema de xestión intelixente dos servizos de urxencias hospitalarias e puntos de atención continuada.

A Comisión Europea valorou tamén as iniciativas que se están desenvolvendo de compra pública innovadora como Código100, centrado no envellecemento; e a participación en diversos proxectos europeos como o desenvolvemento dunha acción piloto para probar o modelo Living Lab de saúde en Galicia. Esta iniciativa trata de converter aos hospitais galegos e centros de saúde en contornas reais para probar solucións innovadoras. Así os pacientes e os usuarios, coas súas experiencias e opinións tras probar esas solucións innovadoras, poden influír no seu deseño e creación antes de que cheguen ao mercado. 

Contexto
A Alianza de Innovación Europea para un Envellecemento Activo e Saudable (EIP on  AHA) é unha iniciativa piloto cuxo obxectivo é aumentar a esperanza de vida saudable e mellorar a competitividade europea. Na súa primeira edición en 2013, Galicia foi recoñecida como sitio de referencia con dúas estrelas, ademais de recibir unha das cinco menciones de honra dadas pola Comisión para reflectir os logros conseguidos grazas á implantación da historia clínica electrónica, tanto en resultados como en integración. Estes sitios de referencia foron creados para distinguir aquelas rexións, cidades ou hospitais europeos que destacan por ofrecer exemplos concretos de servizos innovadores con valor engadido para os cidadáns e os sistemas de referencia nas rexións da UE. En 2016, Galicia revalidou este recoñecemento recibindo nesta ocasión tres estrelas das catro posibles. Finalmente neste 2019, Galicia é galardoada coa máxima puntuación de catro estrelas.

Fonte: A Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante