Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

06/09/2019

A Xunta participa nun encontro do Comité Europeo das Rexións que estuda vías para combater os discursos de odio e as noticias falsas

O director de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, co presidente de Pomerania Occidental, Olgierd Geblewicz, no encontro sobre fake news.jpg
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do CdR organizada na rexión polaca de Pomerania Occidental.
  • Os líderes rexionais e locais europeos debateron, en base a casos de estudio previos, as posibles formas de loitar contra estes dous retos que favorecen a proliferación de desinformación no eido dixital, en concreto nas redes sociais.
Świnoujście, 6 de setembro de 2019. A Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR) celebrou na cidade polaca de Świnoujście, na rexión de Pomerania Occidental, un encontro clave entre os líderes rexionais e locais europeos co fin de debater maneiras efectivas de combater desde a administración pública os discursos de odio e as noticias falsas que inundan hoxe en día a esfera dixital. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, acudiu á cita para representar ao Executivo galego e participar neste debate sobre a importancia da prevención e o control exhaustivo sobre a manipulación informativa.

O debate foi introducido polo presidente de Pomerania Occidental e membro do CdR, o popular Olgierd Geblewicz, contando despois coas intervencións da experta Martyna Bildziukiewicz, representante de East StratCom, o equipo que depende do Servicio Europeo de Acción Exterior (SEAE), xunto con outras dúas expertas independentes. As relatoras abordaron diversos casos de estudo en plataformas dixitais, tanto de discursos de odio coma de novas falsas ou fake news, que potencian o proceso actual de desinformación na rede.

A ‘desinformación’ pode ser entendida como o fenómeno malintencionado de deformar, terxiversar ou falsificar datos, novas, contidos multimedia e información en xeral, para logo difundilos a discreción dixitalmente a través das redes sociais ou os servizos de mensaxería instantánea. Os obxectivos principais deste proceso de corrupción da información dispoñible na rede son manipular á opinión pública sobre un tema específico de actualidade, a ocultación ou distorsión de datos ou a colocación de trabas á transmisión de coñecementos e información verídica e de calidade. O uso de algoritmos, automatización e intelixencia artificial son algunhas das ferramentas que están a propagar campañas de desinformación e outras actividades en liña relacionadas. Ante isto, a Unión Europea está sumando esforzos para evitar que se produzan este tipo de manipulacións.

De feito, actualmente, este é un dos grandes desafíos que buscan afrontar as institucións e órganos da Unión Europea coa axuda das administracións nacionais, rexionais e locais. Neste senso, o director xeral valorou a desinformación como unha problemática moi seria e un importante reto europeo e mundial que hai combater desde todos os niveis de goberno de forma conxunta. Garantir unha información seria e rigorosa tendo en conta a liberdade de expresión que está na base da democracia europea, da que algúns non dubidan en aproveitarse para influír en procesos políticos, é un desafío que temos que abordar.

As rexións, os municipios e as cidades europeas poden desempeñar un papel relevante á hora de aumentar a visibilidade destes contidos falsos, detectar e deter aos responsables da desinformación e incrementar a capacidade de resistencia da sociedade ante noticias e rumores falsos, medias verdades ou mentiras.

Así mesmo, os representantes locais e rexionais apuntaron tamén a necesidade de organizar diálogos e debates cidadáns que desmonten mitos e axuden á cidadanía a discernir a información correcta e verídica da desinformación. O fomento dun periodismo de calidade, a formación das persoas maiores -máis proclives a crer noticias falsas vistas e compartidas en redes- e a concienciación dos propios políticos locais e rexionais son outras das solucións que se plantexaron no diálogo final que pechou a reunión da Comisión CIVEX en Świnoujście.

A Comisión CIVEX do Comité Europeo das Rexións
No actual mandato 2015-2020, Galicia participa en dúas comisións do Comité Europeo das Rexións (CdR). Unha delas é a de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX), que aborda temas como a ampliación da UE, a axenda migratoria ou a relación cos países veciños da UE.

O CdR é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante