Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

05/07/2019

A falta de traballadores cualificados preséntase coma o principal escollo para o desenvolvemento do sector automobilístico europeo

O CoRAI reuniuse no CdR para abordar o futuro da industria do automóbil desde a perspectiva das rexións e localidades europeas.jpg Ver máis...
  • A reunión mantida polo grupo interrexional do CdR focalizado no automóbil serviu tamén para discutir as transformacións recentes do sector a nivel de dixitalización, robótica e automatización, e o rol das rexións europeas na atracción de talento novo a esta industria.
Bruxelas, 5 de xullo de 2019. O Grupo Interrexional do Automóbil do CdR (Future of the Automotive Industry-CoRAI) celebrou no propio Comité Europeo das Rexións (CdR) a primeira das dúas reunións políticas que manterá o grupo de traballo durante este ano 2019. A sesión, baixo o título “A inminente crise de talento: como poden as rexións automobilísticas tomar a iniciativa?”, serviu para discutir as transformacións recentes do sector a nivel de dixitalización, robótica e automatización, así como a súa vinculación coa necesidade de requisitos profesionais específicos e o papel que as rexións e localidades europeas desempeñan na atracción de talento novo a este sector industrial.

A Fundación Galicia Europea participou no encontro en representación de Galicia, dada a especial relevancia e interese económico que ten a actualidade europea sobre o deseño e fabricación de automóbiles e de compoñentes mecánicos para as compañías localizadas na nosa comunidade autónoma.   

A reunión entre aquelas rexións europeas, que como Galicia, teñen intereses económicos claves no sector automobilístico, permitiu extraer as seguintes conclusións:
  • Actualmente, o sector automobilístico representa o 7% do PIB da Unión Europea e proporciona emprego a cerca de 12 millóns de traballadores (un 5,6% do emprego total da UE).
  • A mobilidade en Europa está cambiando de maneira drástica (novos conceptos de mobilidade, uso crecente de tecnoloxías dixitais na fabricación dos vehículos). Pese a estas novas necesidades que presentan as empresas automobilísticas, no momento da contratación prodúcese unha escaseza de traballadores cualificados.
Tendo en conta ambos feitos, o CoRAI estima que se han crear no sector do automóbil preto de 900.000 novos postos de traballo entre o ano 2019 e o 2025. Destes postos, a metade precisará cualificacións superiores.

Para poder abordar con perspectiva a situación futura do automóbil na UE, o Grupo Interrexional do Automóbil do CdR diagnosticou as principais causas do problema da falta de traballadores con cualificación de alto nivel:

Esta escaseza de traballadores cualificados leva primeiramente ás empresas a buscar persoal cualificado en outros Estados membros da UE. Non obstante, a día de hoxe a mobilidade laboral europea aínda é complicada, a causa dos problemas que ten que asumir o traballador desprazado (por exemplo, ter un sistema sanitario distinto ao do país de orixe).

Esta mesma falta de cualificación fai que os salarios ofrecidos teñan que ser moi elevados para atraer traballadores aos empregos que ofrecen as empresas do sector do automóbil. As compañías que máis sofren esta circunstancia son as pemes, xa que non poden facer fronte a este tipo de custos.

Por último, a falta de cualificación xustifica a prolongación da vida laboral dos traballadores no tramo de idade da xubilación. 

Ante estas negativas circunstancias, o CoRAI enfatizou a necesidade urxente de explorar novas vías de atraer talento xove a este sector estratéxico para o conxunto da economía europea. Así mesmo, esta rede interrexional informal do CdR considera que debería existir unha estreita relación entre os sistemas de formación superior e o propio mercado laboral.

Antecedentes
O Grupo Interrexional do Automóbil (Future of the Automotive Industry-CoRAI) do Comité Europeo das Rexións, creado no ano 2009 e formado por aquelas rexións que contan con intereses específicos no sector automobilístico, ten como finalidade establecer unha rede informal de rexións que permita a conexión coa industria e outras partes interesadas; así como actuar de enlace coas institucións europeas.

O CoRAI está presidido pola rexión austríaca de Styria da man da súa conselleira de Economía, Turismo, Europa, Ciencia e Investigación, Barbara Eibinger-Miedl (EPP). Galicia ostentou unha das vicepresidencias deste Grupo Interrexional nos seus inicios. 

Cada ano, o Grupo Interrexional do Automóbil organiza dúas reunións políticas coincidindo cunha Sesión Plenaria do Comité Europeo das Rexións.

Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante