Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/05/2019

A Xunta de Galicia defende no Comité Europeo das Rexións as súas achegas á futura estratexia forestal da Unión Europea

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, defendeu os intereses galegos na cume da Comisión NAT en Hungría.jpg Ver máis...
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, trasladou as preocupacións de Galicia no eido forestal á reunión dos líderes rexionais e locais do CdR. 
  • O representante galego explicou os avances do goberno autonómico en materia forestal e na loita contra o cambio climático durante o encontro da Comisión de Recursos Naturais da asemblea europea celebrado estes días en Szombathely (Hungría).
Bruxelas, 14 de maio de 2019. A comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) celebrou hoxe na localidade húngara de Szombathely un encontro clave no que se debateu a liña a seguir polos Estados membros respecto á aplicación da actual estratexia forestal da Unión Europea, e con vistas a unha nova estratexia a partir do ano 2021, esbozada no último ditame aprobado durante o 134º pleno da cámara o pasado 10 de abril. O debate contou coa participación do propio presidente da Comisión NAT, o finés Ossi Martikainen, como moderador e as intervencións de varios representantes dos departamentos de Agricultura e Desenvolvemento Rural e de Medio Ambiente da Comisión Europea, xunto ao director xeral de Asuntos Forestais na Presidencia romanesa do Consello, Ilie Mihalache, entre outros relatores.

A sala de conferencias do Centro de Enxeñería Forestal de Szombathely foi o lugar elixido para acoller estas sesións de debate da Comisión NAT. A primeira parte do encontro versou sobre a execución da estratexia forestal da UE revisada en decembro de 2018, na que destacan un amplo número de asuntos cruciais para as autoridades locais e rexionais representadas no Comité Europeo das Rexións. Entre estes aspectos sobresaen a xestión dos bosques, o desenvolvemento do rural, o asociacionismo forestal, a actividade empresarial, a enerxía, a conservación do medio ambiente ou a investigación e a innovación; demostrando que os terreos forestais teñen un impacto transversal en ámbitos moi diversos. A segunda parte da cita focalizouse nun tema político de primeira orde para a UE como é o cambio climático. En concreto, tratáronse os retos que se plantexan na actualidade e as posibles solucións coas que atallar de maneira efectiva este desafío europeo.  

Neste sentido, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, volveu defender as posicións galegas en materia de xestión forestal que xa reivindicara nas emendas ao último dítame do CdR. Gamallo puxo o acento na necesidade de involucrar máis ás poboacións rurais na administración do medio rural e na xeración de rendas económicas, como dúas posibles medidas para frear os procesos de despoboamento que está a experimentar a nosa comunidade autónoma. 

Así mesmo, o representante galego propugnou o fomento da xestión conxunta dos terreos de propiedade privada mediante asociacións forestais; xunto a aposta pola industria forestal como fórmula de xeración de novos empregos directos e indirectos e como panca de impulso da bioeconomía. Jesús Gamallo tamén destacou a importancia da promoción dunha maior cooperación interadministrativa entre entes locais e rexionais, a defensa das prácticas silvícolas como ferramentas de prevención e detección temperá de danos medioambientais, unidas á mitigación progresiva dos gases contaminantes. 

Estas últimas propostas entroncan con varias iniciativas en curso do Executivo galego: a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, estratexia que busca reducir en máis do 80% as emisións de gases de efecto invernadoiro para o ano 2050, e a revisión do Plan Forestal de Galicia, un documento de planificación estratéxica para o monte galego no período 2020-2040. O goberno autonómico adiantou así os prazos e ultimou os detalles destas dúas iniciativas co propósito de cumprir os obxectivos ecolóxicos impostos pola UE na loita contra o cambio climático; os cales serán tidos en conta no reparto dos fondos económicos comunitarios entre as diferentes rexións europeas.

A Comisión NAT do Comité Europeo das Rexións 
Neste mandato, Galicia participa tanto na Comisión de Recursos Naturais (NAT) coma na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións. A Comisión NAT do CdR ocúpase de temas como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural, a silvicultura, a produción alimenticia, a política pesqueira común ou a política de asuntos marítimos, entre outras atribucións. 

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante