Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Transparencia

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

08/04/2019

A Xunta poderá participar no grupo de traballo da Comisión Europea para o impulso do Corredor Atlántico

A Xunta poderá participar no grupo de traballo da Comisión Europea para o impulso do Corredor Atlántico. Fonte: Xunta de Galicia. Ver máis...
  • A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo hoxe tres reunións con representantes da Comisión Europea nunha visita oficial organizada pola Fundación Galicia Europa.
  • A Dirección Xeral de Mobilidade e Transportes da Comisión Europea confirma que as conexións ferroviarias dos portos de Vigo e A Coruña son infraestruturas estratéxicas para financiarse cos fondos do Mecanismo Conectar Europa.
Bruxelas, 8 de abril de 2019. A Comisión Europea convidará á Xunta de Galicia a participar no grupo de traballo sobre o Corredor Atlántico a partir do 2021, cando o ramal que conecta con Galicia estea oficialmente dentro deste corredor. Así o avanzaron hoxe os representantes da Dirección Xeral de Mobilidade e Transportes da UE na xuntanza que mantiveron coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

Na reunión, na que tamén participaron o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, ademais da directora da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, o goberno galego defendeu o carácter estratéxico que ten para a nosa Comunidade a incorporación ao Corredor Atlántico de Mercadorías.

Os representantes do goberno galego expuxeron o especial interese que ten a comunidade autónoma por lograr que a incorporación ao Corredor Atlántico se traduza nunha modernización real da nosa rede ferroviaria, especialmente para dotar aos principais portos galegos de óptimas conexións.

Na xuntanza, a Comisión Europea confirmou que as conexións ferroviarias dos portos de Vigo e da Coruña son infraestruturas estratéxicas. Trátase, segundo manifestaron, de actuacións óptimas para desenvolver a través dos fondos europeos do Mecanismo Conectar Europa.

Os responsables comunitarios confirmaron que para acceder a eses fondos, cómpre dotarse dunha planificación completa de actuacións e desenvolver proxectos concretos, de calidade e competitivos. 

A Xunta e os membros da Comisión Europea coincidiron na necesidade de aproveitar a oportunidade que representa a aposta comunitaria polos corredores ferroviarios de mercadorías para incrementar a competitividade loxística e comercial de Galicia. Ademais, compartiron que é necesario incrementar a cota modal de transporte de mercadorías por ferrocarril fronte ao transporte por estrada, para avanzar así nos obxectivos de crecemento sostible.

Avances en saneamento
Na viaxe a Bruxelas, coordinada pola Fundación Galicia Europa, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, reuniuse tamén coa directora de Calidade de Vida da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, Verónica Manfredi. Nese encontro, o goberno galego expuxo o traballo que vén realizando nos últimos anos para acadar o saneamento das rías e ríos de Galicia, un esforzo e un avance que foron recoñecidos de forma expresa pola Comisión Europa. Ese esforzo en saneamento e depuración permitiu que a calidade das augas mellorase e se incrementase, en consecuencia, a capacidade pesqueira e marisqueira nas nosas rías.

A Xunta e a Comisión Europea declaráronse “aliados” para avanzar no saneamento das augas galegas e avogaron por impulsar a coordinación das diferentes administracións con competencia na materia para continuar a progresar nesta dirección.

A conselleira informou do especial esforzo que está a realizar a Xunta para acadar o saneamento da ría de Pontevedra, reportando información puntual cada tres meses á Unión Europea, que hoxe confirmou que se avanza na dirección correcta.

Os representantes da Xunta e do ente europeo se manifestaron a favor de traballar para que os fondos comunitarios consignados a proxectos de saneamento e depuración de augas se destinen finalmente a eses fins.

Nese sentido, Ethel Vázquez solicitou que desde as institucións comunitarias se dean facilidades para que os fondos destinados ao Goberno de España para saneamento se poidan destinar tamén á dragaxe da ría do Burgo, como actuación de mellora da calidade das augas, e non se desvíen a outros fins.

Xa pola tarde, a conselleira mantivo un encontro con membros da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea, na que participaron, entre outros, Rudolf Niessler, director de Crecemento Sostible e Intelixente.

Os membros do goberno galego e os responsables comunitarios abordaron as prioridades de traballo para o vindeiro período operativo de FEDER 2021-2027, no que se promoverán as infraestruturas sostibles para o uso eficiente da auga e de adaptación ao cambio climático.

Compartiron a necesidade de priorizar os investimentos na adaptación ao cambio climático e para asegurar as reservas de auga, o que abre a posibilidade de optar a financiamento para sufragar con fondos comunitarios as obras destinadas a garantir o abastecemento a Vigo e a zona sur da provincia de Pontevedra.

Organización de visitas institucionais a Bruxelas
Co fin de lograr unha sólida defensa dos intereses galegos perante as institucións europeas, a oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa realiza diversas actividades. Entre elas destaca a organización de visitas de responsables políticos e técnicos á capital belga, deseñando, organizando e acompañándoos nas súas axendas de forma que a súa estancia resulte o máis proveitosa posible.


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante