Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

01/02/2018

A Xunta destaca ante o primeiro ministro portugués a cooperación transfronteiriza como peza clave da integración europea

Jesús Gamallo co primeiro ministro de Portugal, Antonio Costa Ver máis...
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo,  participou hoxe e onte en Bruxelas no primeiro pleno do ano do Comité Europeo das Rexións
  • O primeiro ministro de Portugal, o vicepresidente primero da Comisión Europea e o vice primer ministro de Bulgaria debateron sobre o futuro da UE cos representantes rexionais e locais
  • Aprobáronse un total de once ditames e trece resolucións dirixidos ás institucións europeas sobre a política de cohesión, o futuro orzamento da UE e a política de transportes, entre outros

Bruxelas, 1 de febreiro de 2018. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo,  participou en Bruxelas no 127º pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR), nunha sesión de marcado carácter político ao iniciarse o ano en que empezará a definirse o marco financeiro da UE a partir de 2020 e, por tanto, as prioridades da UE para o futuro. 

O primeiro ministro de Portugal e membro do CdR entre 2010 e 2015 como alcalde de Lisboa, António Costa, interveu nesta sesión para debater sobre as reformas que defenderá no Consello Europeo. Costa é un firme partidario de reformar a Unión Económica e Monetaria e impulsar a converxencia social e económica en Europa. Nos últimos meses, avogou por unha nova xeración de políticas comunitarias, nas que o investimento centrado nos grandes retos europeos e mundiais —transición enerxética, economía circular e sociedade dixital— vaia unido a reformas nacionais específicas orientadas a impulsar o crecemento, o emprego e a cohesión social.

Neste debate, Jesús Gamallo destacou como a cooperación entre ambos lados das fronteiras é unha peza clave para avanzar na Unión Económica, poñendo como exemplo a cooperación entre Galicia e Norte de Portugal que dende hai décadas contribúe ao desenvolvemento destes territorios. Cun intenso volume de intercambios comerciais e mobilidade laboral, esta zona da fronteira hispano-lusa constitúe unha boa mostra de como, a pesar das diverxencias dentro da Zona Euro, a eliminación das fronteiras físicas permite impulsar as economías locais. 

Pola súa parte, o vicepresidente primero da Comisión Europea, Frans Timmermans, presentou o programa de traballo anual desta institución. En 2018 a Comisión pretende acelerar a adopción de 66 propostas en curso e presentar 26 novas iniciativas para culminar o traballo nos 10 ámbitos prioritarios establecidos polo Presidente Juncker ao inicio do seu mandato. Estas novas iniciativas, que se presentarán en maio, pretenden establecer unha visión de futuro para a nova Unión de 27 Estados membros. Timmermans mantivo un amplo debate cos membros do CdR sobre a recente constitución dun grupo operativo que ten por obxectivo de aquí a xullo determinar cal é o mellor nivel de goberno (local, rexional, nacional ou europeo) para aportar solucións aos retos actuais como o cambio climático ou a inmigración. O vicepresidente da Comisión insistiu na necesidade de traballar coordinadamente entre todos os niveis de goberno. 

Por último, o vice primeiro ministro de Bulgaria, Tomislav Donchev, interveu hoxe no pleno para explicar as prioridades da Presidencia búlgara da UE neste primeiro semestre de 2018: o futuro de Europa e a xuventude, os Balcáns occidentais, a seguridade e estabilidade, e a economía dixital.

Orzamento da UE e investimento rexional despois de 2020
O CdR coordinou a posición dos gobernos locais e rexionais de Europa sobre o marco financeiro plurianual posterior a 2020 antes de que a Comisión presente a súa proposta en primavera. No ditame aprobado, constátase que o orzamento da UE se enfronta a importantes desafíos despois de 2020 malia que o seu nivel actual de financiamento é insuficiente, polo que insta aos Estados membros a aumentar as súas contribucións ao mesmo. Considera, ademais, que o futuro orzamento da UE debe ter en conta as especificidades de cada zona en canto as súas potencialidades e carencias de desenvolvemento, así como os desafíos xeográficos e demográficos aos que se enfrontan.

Outros tres ditames relacionados coa política de cohesión foron aprobados neste pleno en relación coas rexións ultraperiféricas (liderado polo presidente do Goberno de Canarias, Fernando Clavijo), cos chamados “investimentos territoriais integrados” e coa simplificación despois de 2020. Ademais, aprobouse unha resolución na que o CdR se opón firmemente á proposta da Comisión Europea de decembro de dedicar parte dos fondos estruturais a apoiar as reformas estruturais recomendadas dentro do proceso de coordinación das políticas económicas dos Estados membros, o Semestre Europeo.

Maior atención ao cambio demográfico no Semestre Europeo

En relación con este proceso, adoptouse tamén unha resolución sobre o Estudo Prospectivo Anual da Comisión Europea sobre o Crecemento para 2018, documento publicado en novembro que fixa as prioridades socioeconómicas para o presente ano. Na opinión do CdR, o crecemento económico na Unión está a verse obstaculizado pola infravaloración das rexións e as disparidades rexionais, polo que recomenda que este estudo anual inclúa un capítulo específico referido a elas. A resolución defende, ademais que as recomendacións específicas por país que a Unión Europea emite cada ano deberían conceder maior importancia ás cuestións relacionadas co cambio demográfico, que se está a converter nun parámetro cada vez máis importante da cohesión territorial e social. 

Modernización do transporte por estrada
«Europa en movemento» é un conxunto de iniciativas da Comisión Europea que ten por obxectivo contribuír a modernizar a mobilidade e o transporte na UE. Os membros do CDR debateron sobre as repercusións locais e rexionais da primeira serie de oito iniciativas lexislativas centradas especificamente no transporte por estrada. Neste eido, aprobaron dous ditames: un que examina a maneira en que os sistemas de peaxes poden reflectir mellor o custo real do transporte por estrada, e outro sobre os aspectos laborais deste tipo de transporte.

O Comité Europeo das Rexións
O CdR é a asemblea consultiva da Unión Europea na que están representados os entes locais e rexionais da UE. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Esta é a primeira das seis sesións plenarias que o CdR prevé celebrar durante 2018 para emitir ditames de opinión sobre as políticas comunitarias. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega neste órgano da UE.


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante