Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/07/2015

Galicia aposta por afondar nas posibilidades do actual Tratado de Lisboa para afrontar os desafíos que encara a Unión Europea

O director xeral de Relacións exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na xornada de onte e esta mañá no 113º pleno do Comité das Rexións (CdR) na capital comunitaria. Ver máis...

  • O director xeral de Relacións exteriores e coa UE asistiu á 113º sesión plenaria desta asemblea consultiva

  • Os representantes rexionais e locais debateron sobre o funcionamento da UE e a posibilidade dunha futura reforma dos Tratados

  • O comisario da Unión da Enerxía, Maros Sefcovic, o comisario de Investigación, Ciencia e Innovación, Carlos Moedas e o ministro de Interior de Luxemburgo, Dan Kersch presentaron as súas respectivas prioridades de traballo

  • A comunidade galega únese ao novo grupo interrexional de cooperación transfronteiriza

Bruxelas, 9 de xullo de 2015.- O director xeral de Relacións exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na xornada de onte e esta mañá no 113º pleno do Comité das Rexións (CdR) na capital comunitaria. Neste encontro os representantes rexionais e locais adoptaron catro ditames, catro resolucións e o informe sobre o impacto dos ditames que emite o CdR no proceso de toma de decisións da UE.

O debate máis importante do encontro centrouno a resolución sobre a axenda de reforma do funcionamento da Unión Europea e o futuro do Tratado de Lisboa. O CdR considera que dentro do marco do actual Tratado, os instrumentos vixentes ofrecen aínda un gran potencial para facer fronte aos desafíos aos que se enfronta a UE e insta a que as funcións do CdR se fortalezan para mellorar a súa aportación ao ciclo lexislativo e garantir unha maior lexitimidade da UE.

Neste sentido e de cara a unha posible futura revisión dos Tratados da UE, o CdR propón que se reforce o seu papel participando dunha forma máis activa no proceso lexislativo, ben sexa como observador – con dereito a facer uso da palabra nas negociacións entre o Parlamento Europeo, a Comisión Europea e o Consello – ou ben ampliando os ámbitos nos que a consulta ao CdR é obrigatoria, incluíndo todos aqueles que afecten directamente aos entes rexionais e locais.

O director xeral sinalou que “estamos preparados tanto para explotar as previsións do actual Tratado non desenvolvidas aínda, como para participar nunha conferencia de mellora do Tratado de Lisboa. O noso obxectivo é claro: achegar o funcionamento da UE aos cidadáns e mellorar a súa eficacia. E unha maior implicación das rexións europeas do Comité das Rexións como órgano que as agrupa, é un dos instrumentos para poder acadar este obxectivo”.

Na sesión plenaria interviñeron varios representantes das institucións da UE. Na xornada de onte, os membros do CdR tiveron a oportunidade de debater co vicepresidente da Comisión Europea e comisario da Unión da Enerxía, Maros Sefcovic, quen presentou a recentemente anunciada Unión da Enerxía, e co Ministro de Interior de Luxemburgo, Dan Kersch, quen expuxo as prioridades da presidencia do Consello da UE que acaba de asumir o seu país. Esta mañá, o comisario de Investigación, Ciencia e Innovación, Carlos Moedas, debateu cos membros do CdR sobre o impacto rexional e local da innovación. Tras a súa intervención entregáronse os premios á Rexión Emprendedora Europea (EER polas súas siglas en inglés) ás rexións de Malopolska (Polonia), Lombardía (Italia) e Glasgow (Reino Unido). 

No encontro aprobouse a resolución en materia de migración que xa se debatera na sesión plenaria de xuño. O CdR expón neste documento a súa opinión sobre a mellor maneira de xestionar a acollida de inmigrantes e os procedementos de asilo e insiste en que o enfoque da UE debe ser sustentable a longo prazo, ademais de abordar todos os aspectos da migración. Os representantes rexionais e locais lembran a necesidade de reforzar a cooperación cos países de orixe dos migrantes para xestionar os fluxos migratorios e garantir a protección de vidas humanas.

Os representantes rexionais e locais debateron outras dúas resolucións, unha sobre alimentación sustentable, que pretende incidir na importancia de que a UE manteña a esixencia en canto á calidade e seguridade alimentaria, e outra sobre as prioridades para o programa de traballo da Comisión Europea para 2016. O CdR pide nesta resolución que a Comisión Europea centre o seu traballo no fomento do emprego, a realización do mercado interior e a busca de estabilidade e cooperación dentro e fóra da UE, entre outros.

Os membros do CdR tamén fixeron balance de 2014 a raíz da presentación do informe que recolle o impacto dos ditames do CdR. A emisión de ditames é o principal cometido asignado ao CdR no Tratado de funcionamento da UE. No informe menciónanse 53 ditames cuxo impacto resultou relevante en 2014, entre os que destacan os emitidos sobre o Marco Financeiro Plurianual, a Unión Económica e Monetaria ou a Política Rexional. Nesta sesión tamén se adoptou a opinión das rexións e cidades sobre a proposta de Unión dos Mercados de Capitais, a renovación da Política Europea de Veciñanza ou a programación e execución dos fondos estruturais.

Atendendo á actualidade e pese a non estar na orde do día, os membros do CdR mantiveron un debate sobre a situación en Grecia. Os representantes rexionais e locais, como autoridades máis próximas aos cidadáns, coincidiron en pedir ás institucións europeas facer todo o posible para evitar a saída de Grecia da zona euro – o chamado Grexit – . Os membros incidiron na necesidade dun acordo urxente para garantir a liquidez dos bancos e normalizar a vida no país heleno.

Grupo interrexional de cooperación transfronteiriza
Na reunión da mesa do CdR, celebrada o pasado martes, decidiuse a creación dun novo grupo interrexional de cooperación transfronteiriza no seno do Comité das Rexións, do que Galicia formará parte. O CdR quere que este grupo contribúa a alcanzar os obxectivos da UE no ámbito local e rexional, facilitando a cohesión económica, social e territorial e a solidariedade entre Estados membros, facendo posible a cooperación entre rexións transfronteirizas ante desafíos comúns. Jesús Gamallo e os membros portugueses do CdR mantiveron un encontro para respaldar a súa participación neste novo grupo interrexional e aproveitar ao máximo as oportunidades que presenta no contexto das relacións entre Galicia e Portugal.

O Comité das Rexións

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio Presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.Este é o cuarto dos seis plenos que o CdR prevé celebrar durante 2015 para debater as prioridades políticas e emitir ditames sobre as políticas comunitarias. 


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante