Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

30/06/2015

O conselleiro de Economía e Industria asina en Bruxelas unha alianza con outras rexións punteiras para impulsar a reinvención da industria galega

Conde asina en Bruxelas unha alianza con outras rexións punteiras para impulsar a reinvención da industria galega Ver máis...

  • Galicia entra a formar parte do proxecto europeo ”Vanguard Initiative”

  • Conde asinou co Ministro de Traballo, Economía, Innovación e Deportes de Flandes, Philippe Muyters, a entrada de Galicia na Vanguard Initiative, da que forman parte varias das rexións máis industrializadas de Europa 

  • O grupo de 25 rexións ao que agora se suma Galicia busca impulsar proxectos de innovación industrial conxuntos, promovendo tecnoloxías clave relacionadas coa fábrica intelixente

  • A sinatura permitirá a Galicia aproveitar sinerxías e poñer en marcha iniciativas conxuntas con rexións como Flandes, Lombardía, Baden-Württemberg, Nordrhein-Westfalen ou Cataluña 

  •  Galicia adaptará a súa planificación industrial para aliñar os seus investimentos estratéxicos cos dos seus socios, de cara á posta en marcha de programas de gran calado, como proxectos piloto vinculados coa Industria 4.0

Bruxelas, 30 de xuño de 2015.- O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, asinou hoxe co Ministro de Traballo, Economía, Innovación e Deportes do goberno de Flandes, Philippe Muyters, a adhesión de Galicia á alianza Vanguard Initiative, que reúne a outras 25 rexións europeas líderes, volcadas na cooperación en proxectos de innovación industrial. Conde, que estivo acompañado polos directores do Igape e da Axencia Galega de Innovación, Javier Aguilera e Manuel Varela, así como polo presidente de Atiga, Juan Vieites, e pola directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, subliñou que este paso permite á comunidade recabar o apoio doutras rexións punteiras para impulsar a reinvención da industria galega, un esforzo canalizado na nosa comunidade a través da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. 

“Hai unha visión compartida” co Goberno de Flandes e co resto de rexións, dixo Conde, para “competir nos mercados internacionais a través da tecnoloxía e a innovación na industria” e como primeiro paso, sinalou, a Vanguard Inititiative ten “unha idea moi clara de desenvolver proxectos piloto conxuntos” que poñan a traballar xuntos a clústers e centros tecnolóxicos de varias rexións. “Galicia vai participar fundamentalmente nun proxecto piloto vinculado coa industrialización sostible e eficiente, coa industria 4.0”, adiantou o conselleiro.

Neste senso, salientou que precisamente unha das liñas de traballo claves desta alianza, da que forman parte rexións punteiras estranxeiras como Flandes, Lombardía, Nordrhein-Westfalen ou Baden-Württemberg, ademais de comunidades autónomas españolas como Cataluña, País Vasco, Navarra e Asturias, é a aposta pola fábrica intelixente, “clave na reinvención da industria europea”. 

Unha aposta impulsada por varias “rexións europeas chamadas a liderar a política industrial do continente”, comprometidas coa creación e desenvolvemento de Estratexias de Especialización Intelixente (RIS3) que poñan o foco na renovación da súa industria. “Para acadar esta reindustrialización é indispensable estar en contacto coas rexións máis avanzadas de Europa”, dixo Conde, que resaltou que coa adhesión galega a este grupo Galicia poderá “aproveitar sinerxías con outras rexións” e sumar a masa crítica necesaria para acadar os seus obxectivos. 

Conde agradeceu ao presidente da Alianza Tecnolóxica de Galicia, Juan Vieites, o seu “papel clave para que Galicia accedese a este equipo de innovación de vangarda”. Atiga, da que forman parte os principais centros tecnolóxicos galegos, seguirá a desenvolver no futuro un rol clave na participación galega nesta iniciativa, toda vez que a representación da comunidade na Vanguard Initiative se levará a acabo a través da Xunta e da propia Atiga, en representación de todos os centros tecnolóxicos da comunidade galega.

O conselleiro resaltou que a sinatura de hoxe “amosa a capacidade e potencial da industria galega, e a firme aposta pola reindustrialización de Galicia a través da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 e os retos que nos temos marcado na RIS3”. Conde lembrou que a axenda busca incrementar peso da industria galega ata o 20% do PIB, creando 50.000 novos empregos ata 2020.

Precisamente, o conselleiro tivo a oportunidade de presentarlle ao Ministro de Flandes a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, da que o Ministro destacou que o camiño a seguir por Galicia está perfectamente aliñado cos obxectivos da Vanguard, e recoñeceu que a ecuación formada pola excelencia, a innovación, o talento e a internacionalización, é a clave para a industria do 2020.

Con esa meta, a Xunta destinará no marco da axenda, durante o período 15-16, 120 millóns de euros para xerar investimentos de 500 millóns, e o 33% deste orzamento estará dirixido a actuacións directamente vinculadas á fábrica intelixente. Coa entrada de Galicia na Vanguard Initiative, eses investimentos estarán aliñados cos dos novos socios galegos.

“É unha alianza baseada nos beneficios de cooperar para innovar”, defendeu o conselleiro, fomentando o intercambio de experiencias e coñecemento entre rexións; o desenvolvemento conxunto de ferramentas para a introdución de novas tecnoloxías, sistemas e métodos de alta eficiencia na industria; e un traballo compartido entre os actores públicos e privados, no que a administración colabora con centros tecnolóxicos, clústers e empresas.

Aportacións galegas

Conde defendeu que Galicia ten “moito que aportar” a esta alianza, e destacou a experiencia galega na creación dunha Estratexia de Especialización Intelixente Interrexional xunto co Norte de Portugal, como mostra da capacidade da comunidade á hora de aliñar prioridades en innovación.

“Temos ademais, pola nosa dobre condición de rexión transfronteiriza e membro da Eurorregión Galicia-Norte de Portugal, a nosa experiencia á hora de compartir infraestruturas industriais con outras rexións; poñer en marcha programas conxuntos de formación do talento; e activar proxectos de investigación interrexional punteiros, como o Laboratorio de Nanotecnoloxía de Braga”, indicou o conselleiro.

Conde salientou ademais a ampla experiencia de Galicia en programas de innovación aberta, que son parte do núcleo das políticas de innovación da Vanguard Initiative, e que suman máis do 80% do investimento galego en innovación. E, na liña de traballo desta iniciativa europea, destacou que Galicia fixo unha importante aposta pola excelencia dos clusters no ámbito industrial, intensificando a súa colaboración a nivel internacional de cara á “conformación de cadeas de valor europeas nas que Galicia teña un papel destacado”.

Fonte


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante