Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

04/06/2015

Galicia defende un maior papel do Comité das Rexións europeo no proceso de toma de decisións da UE

O director xeral de Relacións exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na xornada de onte e esta mañá no 112º pleno do Comité das Rexións Ver máis...

  • A comunidade galega asume a presidencia da delegación española deste órgano comunitario

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu ao 112º pleno desta asemblea consultiva

  • Na súa intervención nun debate sobre o funcionamento da UE, Gamallo subliñou a importancia desta asemblea como garante dunha maior lexitimidade da UE

  • O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, debateu cos representantes rexionais e locais sobre as prioridades para Europa

  • Galicia chamou a atención sobre a necesidade de que os desafíos demográficos sexan unha das prioridades deste mandato

Bruxelas, 4 de xuño de 2015.- O director xeral de Relacións exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na xornada de onte e esta mañá no 112º pleno do Comité das Rexións (CdR) na capital comunitaria. O encontro estivo marcado por un debate sobre a axenda de reforma do funcionamento da Unión Europea e o futuro do Tratado de Lisboa, propiciado principalmente polo anuncio do Reino Unido de celebrar un referendo sobre a súa permanencia na UE.

O Parlamento Europeo traballa en dous informes de iniciativa relacionados coa configuración institucional da Unión Europea e a posible reforma do Tratado de Lisboa e decidiu consultar ao CdR sobre esta cuestión, polo que este debate en sesión plenaria serviu para preparar a súa contribución formal como asemblea consultiva. No debate participaron os eurodeputados Mercedes Bresso, Elmar Brok e o tamén eurodeputado e ex primeiro ministro belga Guy Verhofstadt, que son relatores destes informes do Parlamento Europeo e un representante de cada grupo político do CdR, entre eles Jesús Gamallo, quen subliñou a necesidade de reforzar o papel do CdR no proceso lexislativo europeo e de apostar por máis transparencia, lexitimidade e achegamento aos cidadáns.

“Neste momento máis importante que proceder cunha reforma do Tratado a través dunha conferencia intergubernamental, é afondar nas posibilidades que ofrece o actual Tratado de Lisboa. Os representantes rexionais e locais estamos en mellores condicións para detectar as demandas dos cidadáns sobre a construción europea. A transparencia, a simplificación dos procedementos e unha maior presenza rexional na toma de decisións, sería determinante á hora de establecer un novo relato, unha nova narrativa sobre o proxecto europeo”, dixo o director xeral.

O CdR ten previsto adoptar unha resolución a este respecto no vindeiro pleno de xullo, tras sometela a discusión na próxima reunión da súa comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Entre as propostas dos informes do Parlamento Europeo, o CdR coincide na necesidade dunha maior consideración da dimensión territorial da Unión Económica e Monetaria, no establecemento de follas de ruta para a culminación da unión política ou na posta en marcha dun procedemento electoral uniforme para as eleccións ao Parlamento Europeo, entre outras.


Debate co presidente da Comisión Europea

O presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, asistiu á sesión plenaria do CdR onde debateu cos representantes rexionais e locais sobre as prioridades da UE e sobre a mellor maneira de que as rexións e cidades saquen o máximo partido ao Plan de Investimento para Europa, tamén coñecido como Plan Juncker, un paquete de investimento que pretende mobilizar ata 315.000 millóns de euros. Aproveitando o avance no regulamento do Fondo Europeo para Inversións estratéxicas (EFSI polas súas siglas en inglés) – o fondo que respaldará os proxectos nos que se centre o investimento – os membros do CdR debateron co presidente da Comisión Europea o papel que as rexións e cidades terán na execución deste Plan. Juncker insistiu en que as prioridades para a coordinación económica estarán centradas en tres pilares: a consolidación orzamentaria, as reformas estruturais e o investimento, e avogou por unha simplificación da lexislación comunitaria.

 

Un enfoque sustentable en materia de inmigración

Nesta sesión plenaria debateuse unha resolución en materia de migración na que o CdR expón a súa opinión sobre a mellor maneira de xestionar a acollida de inmigrantes e o procedemento de asilo, ao mesmo tempo que se garante a protección das vidas humanas. O CdR considera que o enfoque da UE nesta materia debe ser sustentable a longo prazo e abordar todos os aspectos da migración. Do mesmo xeito, reitera a necesidade da cooperación e de impulsar a democracia local e a economía dos países de orixe dos migrantes como un aspecto clave para garantir a estabilidade.

Os representantes rexionais e locais aprobaron tamén nesta sesión as prioridades do CdR para o período 2015-2020 mediante unha resolución centrada na creación de emprego, o crecemento sustentable e a loita contra o desemprego a nivel local. O sexto mandato do CdR centrarase en acadar unha dimensión territorial da lexislación da UE, no impulso a unha política que cree postos de traballo e crecemento sustentable nas cidades e rexións ou na cooperación dentro e fora da UE para garantir a estabilidade, entre outras prioridades.

Galicia presentou dúas emendas a esta resolución sobre as prioridades de traballo do CdR para reclamar máis atención aos desafíos demográficos aos que teñen que facer fronte algunhas rexións de Europa, entre elas a comunidade galega.

No pleno sometéronse a votación catro ditames sobre políticas de emprego, o papel da UE na axenda de Nacións Unidas posterior a 2015 ou a promoción do comercio xusto nos que Galicia apoiou 11 emendas propostas por outros membros españois do CdR.

Precisamente Galicia asume a partires deste momento a presidencia e coordinación da delegación española do Comité das Rexións ata que estean formados os novos gobernos autonómicos e locais tras a celebración das pasadas eleccións.

Como peche ao encontro, o pleno do CdR acolleu a intervención de Yang Yangi, embaixadora extraordinaria e xefa da Misión da República Popular de China ante a UE que con motivo do 40º aniversario da apertura das relacións diplomáticas entre a UE e China resaltou o papel dos entes rexionais e locais no fomento da cooperación e das inversións entre os vinte e oito e o país asiático.

O Comité das Rexións

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio Presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.


Este é o terceiro dos seis plenos que o CdR prevé celebrar durante 2015 para debater as prioridades políticas e aprobar ditames sobre a lexislación da UE.


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante