Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/04/2015

A Xunta de Galicia apoia unha política europea de migración que evite máis mortes no Mediterráneo

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, en Bruxelas Ver máis...

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión CIVEX do Comité das Rexións europeo

  • Os representantes dos entes locais e rexionais debateron a situación da inmigración cara Europa

Bruxelas, 24 de abril de 2015.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta mañá en Bruxelas na terceira reunión do ano da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité das Rexións (CdR).

O encontro comezou cos membros desta comisión mantendo dous minutos de silencio, un pola recente traxedia no Mediterráneo e outro con motivo do centenario do xenocidio armenio. Despois da atribución dun ditame sobre a Iniciativa Cidadá e da presentación do informe anual sobre o respecto ao principio de subsidiariedade en 2014, os representantes dos entes locais e rexionais debateron a situación da política de veciñanza da UE, que tivo que afrontar un ano de grandes desafíos e inestabilidade, con conflitos ao este e sur de Europa.

Ademais destes asuntos, e malia non estar incluído na orde do día, o encontro estivo fortemente marcado por un debate sobre a migración a raíz da última traxedia acontecida no Mediterráneo. Os membros dos entes locais e rexionais acordaron levar á sesión plenaria de xuño unha resolución na que demandan unha nova política de inmigración integradora e sólida. Esta resolución defende a necesidade de tomar todas as medidas necesarias para evitar máis mortes no Mediterráneo, como un reforzo das operacións Tritón e Poseidón con tarefas non só de vixilancia senón tamén de salvamento, a loita contra as mafias de tráfico de persoas nos países de orixe -sempre respectando o Dereito internacional-, un reforzamento da cooperación con estes países e unha maior solidariedade entre os Estados membros para a recepción e integración dos inmigrantes.

Os representantes dos entes locais e rexionais apoiaron as conclusións do cumio de xefes de Estado celebrado onte en Bruxelas en materia de inmigración e destacaron a presión que sofren as rexións e as cidades, que son as afectadas máis de preto polo custe tanto social como político deste fluxo migratorio sen precedentes. Nesta liña, discutiuse a elaboración dun ditame que expoña a postura do CdR en cuestións migratorias en liña coa nova Axenda Europea de Migración que a Comisión Europea dará a coñecer en maio e que a comisión CIVEX espera que sexa ambiciosa e eficaz.

Gamallo apuntou que “nesta dramática crise humanitaria, Europa ten a obriga de ser eficaz. Iso implica coordinar un conxunto de medidas que van dende a mellora das operacións Tritón e Poseidón - incluíndo apoio ás actividades encargadas, non só de vixilancia senón tamén de salvamento -; actuar con firmeza contra as mafias que trafican con persoas incluso nos países de saída das embarcacións de acordo co Dereito internacional e a vontade política plena de todos os Estados membros para poñer en marcha unha política de inmigración integrada que dea resposta á presión migratoria e que evite a perda de vidas humanas”.

Os representantes locais e rexionais insistiron na importancia de fortalecer o labor da Axencia europea para a xestión das fronteiras exteriores (FRONTEX) para garantir unha protección reforzada dos inmigrantes e unha loita máis eficiente contra o tráfico de persoas. Nesta liña, a comisión CIVEX defendeu a importancia de asegurar que os principios de solidariedade e responsabilidade compartida sexan aplicados en todos os niveis de goberno e que as entidades locais e rexionais reciban o apoio axeitado para facer fronte á recepción e integración dos inmigrantes.

Os membros da comisión CIVEX incidiron na idea de que son as cidades e rexións as afectadas máis de preto por estas traxedias, polo que a súa implicación no proceso de toma de decisións en asuntos migratorios é indispensable.

A comisión CIVEX do Comité das Rexións

O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión CIVEX encárgase de temas como o espazo de liberdade e xustiza, cidadanía activa, asuntos constitucionais ou a política de inmigración e relacións exteriores. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi reelixido como portavoz na comisión CIVEX para este novo mandato do CdR , que rematará en 2020.

 


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante