Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

24/04/2015

Galicia lidera o inicio do debate sobre o futuro da acuicultura en Europa

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas nun encontro coas partes interesadas do ditame sobre o futuro da acuicultura europea Ver máis...

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, reuníronse en Bruxelas con varios grupos de interese do ditame sobre o futuro da acuicultura
  • Tamén se mantiveron encontros no seo do Parlamento Europeo e da Comisión

 

Bruxelas, 23 de abril de 2015.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas nun encontro coas partes interesadas do ditame sobre o futuro da acuicultura europea do que é relator no seo do Comité das Rexións europeo (CdR). Gamallo estivo acompañado do experto designado para a elaboración deste ditame, o secretario xeral do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, Juan Maneiro.

As cuestións tratadas serán tidas en conta para enriquecer o documento que será sometido a un primeiro debate o próximo 5 de maio na Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité das Rexións (CdR) antes de someterse a aprobación na seguinte reunión NAT do mes de xuño e, finalmente, na sesión plenaria do mes de outubro.

No contexto destas consultas previas Gamallo e Maneiro tamén se reuniron con varios membros da comisión de Pesca do Parlamento Europeo e cun alto funcionario da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea.

Con este ditame, Galicia propón ao CdR identificar os obstáculos que dificultan o bo desenvolvemento da acuicultura europea e recomendar posibles solucións. O texto centrarase en aspectos de gran relevancia para a mellora deste sector como a competitividade, a sustentabilidade medioambiental ou a cadea de comercialización e distribución, entre outros.

O debate articulouse en torno a seis cuestións preliminares como as posibilidades de reducir a regulamentación sen poñer en xogo a sustentabilidade medioambiental, os retos que afronta o sector ou a percepción por parte dos consumidores dos produtos acuícolas, entre outros. No debate participaron unha decena de organizacións a nivel europeo, tanto de ámbito ambiental como Seas at Risk, como os representantes dos produtores, entre eles a Asociación Europea de Produtores de Moluscos (EMPA) e a European Aquaculture Society.

En anteriores ditames o CdR xa apoiara o desenvolvemento da acuicultura europea como un sector de especial relevancia para a industria. A acuicultura crea emprego en áreas estruturalmente débiles, polo que un impulso a este sector contribuiría a que a UE alcanzase os seus obxectivos en materia de cohesión territorial, desenvolvemento rural e crecemento económico.

A acuicultura na UE

Mentres que, a nivel mundial, nas últimas décadas a acuicultura ten crecido ao redor dun 8% por ano e representa en torno ao 40% da produción pesqueira total, en Europa a produción acuícola está a diminuír e non chega a representar un 20 % da produción mundial na última década. Na actualidade, só un 10% do pescado e marisco consumido dentro da UE procede da acuicultura.

Globalmente, existe un desequilibrio entre a produción acuícola asiática e a europea. Asia representa xa preto do 88% da produción acuícola mundial, sendo China o país que máis contribúe a esta cifra. Os produtos asiáticos formulan a miúdo interrogantes no relativo á sustentabilidade medioambiental, o cumprimento da normativa pesqueira e os dereitos dos traballadores. Estas importacións exercen unha presión cada vez maior aos produtores europeos no que se refire ao prezo e volume de produción.

A comisión NAT do Comité das Rexións
Galicia foi designada para facer o ditame sobre o futuro da acuicultura na comisión NAT do Comité das Rexións. O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e CIVEX do CdR. A comisión NAT encárgase de temas como a Política Agrícola Común (PAC) e desenvolvemento rural, a pesca, o turismo, a política marítima ou a silvicultura.

Novas relacionadas


Imaxes relacionadas


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante