Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

17/04/2015

Galicia reclama no Comité das Rexións de Europa máis medidas de apoio ao sector lácteo

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, asistiu ao 111º pleno do sexto mandato da institución
  • A comunidade galega presentou once emendas a un ditame sobre o futuro do sector do leite
  •  No encontro tamén se debateu o impacto local e rexional do Plan Juncker

Bruxelas, 17 de abril 2015.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na xornada de onte e esta mañá no 111º pleno do Comité das Rexións (CdR) na capital comunitaria. Tras a aprobación da orde do día e o discurso do presidente do CdR, Markku Markkula, nesta sesión plenaria sometéronse a votación sete ditames referidos ao sector lácteo, o transporte, a estratexia de ampliación da UE ou o Plan de Investimento para Europa – tamén coñecido como Plan Juncker –, entre outros.

Con anterioridade ao pleno do CdR, os textos destes ditames foron analizados polos distintos departamentos da Xunta de Galicia dende a óptica dos intereses da comunidade, presentando, a petición da Consellería do Medio Rural e do Mar, 11 emendas referidas ao ditame sobre o futuro do sector lácteo.

Este ditame recolle as posibles repercusións da supresión das cotas lácteas como a concentración da produción en explotacións de maior tamaño e naquelas zonas más produtivas e a consecuente diminución da actividade nas zonas máis desfavorecidas como as periféricas ou as rexións de montaña. O relator insta a UE a que adopte medidas urxentes a fin de protexer os ingresos dos produtores lácteos e pide que se eleve o nivel da rede de seguridade da Comisión Europea para os produtores, á espera de que se introduza outro mecanismo.

Coa presentación das súas emendas, Galicia conseguiu que se incluíse un chamamento para eliminar situacións de abuso na posición negociadora dos compradores sobre os produtores. Así, o texto final solicita medidas de apoio ao sector lácteo como o fomento da participación e integración dos produtores en organizacións que sexan quen de transformar o leite reducindo o número de elos da cadea láctea, o fomento do consumo interno na UE e dun etiquetado que ofreza máis información sobre a orixe do produto e a súa produción.

Outra das emendas presentadas e aprobadas chama a atención sobre o feito de que o último elo da cadea alimentaria do leite – o sector da comercialización – emprega o leite e os produtos derivados como produto reclamo para o consumidor, ofrecéndoos a baixos prezos. Ese tipo de actuacións acaban repercutindo no sector produtor, quen soporta finalmente as consecuencias desas políticas comerciais, recibindo un importe que en ocasións non cubre os custes de produción.

Para a presentación destas emendas, Galicia contou co apoio doutras seis comunidades autónomas. Do mesmo xeito, Galicia apoiou neste pleno un total de 94 emendas propostas por outros membros do Comité das Rexións ao respecto dos ditames referidos ao Plan de Investimento para Europa ou ao transporte, entre outros.

Plan Juncker

Outro dos temas de debate más destacados desta sesión plenaria foi como garantir que as rexións e cidades da UE se beneficien do Plan de Investimento para Europa ou Plan Juncker – lanzado pola Comisión Europea o pasado novembro – e como poden contribuír a el os entes locais e rexionais. Os obxectivos do ditame presentado sobre este plan de investimento son aumentar a capacidade de mobilizar investidores privados a escala rexional e garantir que os territorios menos desenvolvidos e os proxectos a pequena escala poidan aproveitar os efectos deste plan.

O Comité das Rexións

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio Presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no Director Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Este é o segundo dos seis plenos que o CdR prevé celebrar durante 2015 para debater as prioridades políticas e aprobar ditames sobre a lexislación da UE.

 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante