Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

14/10/2011

Galicia participa na Semana Europea das Rexións e das Cidades - Open Days 2011

Bruxelas, 14 de outubro de 2011.- Galicia participou na novena edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades (Open Days 2011) entre os días 10 e 13 de outubro en Bruxelas. Este evento congrega anualmente a 5.700 participantes arredor de 110 sesións de traballo nas que o debate se centrou no futuro da Política de Cohesión europea e no intercambio de boas prácticas en materia de desenvolvemento rexional. Galicia tivo unha participación destacada neste evento ao acoller e organizar na sede da Fundación Galicia Europa dous encontros e participar activamente noutros catro.

Durante a primeira xornada o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, interveu na sesión de apertura dos Open Days celebrada no Parlamento Europeo, para defender a axuda transitoria para as rexións que, como Galicia, abandonarán por primeira vez o Obxectivo Converxencia.

Neste debate estiveron presentes o comisario de Política Rexional, Johannes Hahn, a presidenta da Comisión de Política Rexional do Parlamento Europeo, Danuta Hubner, a presidenta do Comité das Rexións, Mercedes Bresso, o presidente do Parlamento Europeo, Jerzey Buzek, a Ministra polaca de Desenvolvemento rexional, Elżbieta Bieńkowska, e o presidente da Comisión Europea, Jose Manuel Durao Barroso.

Na segunda xornada presentouse o proxecto Eco-Innova, liderado polo Concello de Ourense e participado pola FGE. En total presentáronse 16 proxectos desenvolvidos en toda Europa como exemplo de boas prácticas cofinanciadas pola Política Rexional. Neste día o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas na reunión conxunta entre o Parlamento Europeo e o Comité das Rexións sobre o futuro dos fondos comunitarios.

O mércores 12 Jesús Gamallo participou no Comité das Rexións na presentación do portal de cooperación descentralizada en tanto que relator do ditame do CdR sobre o futuro da cooperación ao desenvolvemento. Ademais, durante esta xornada a Fundación Galicia Europa acolleu un seminario ‘A Administración Pública a prol do patrimonio cultural e histórico e do desenvolvemento sostible’, no que participou a Deputación de Ourense xunto con outras 9 rexións europeas para abordar o cooperación interrexional no eido cultural.

Presentación de Eco-Innova nos Open Days

Finalmente, na última xornada de Open Days a Fundación Galicia Europa celebrou un seminario sobre o futuro das rexións que saen por primeira vez do Obxectivo Converxencia (rexións CROWC), organizado por un consorcio de rexións liderado por Galicia.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, foi o encargado de abrir o acto, seguido da intervención do xefe de gabinete adxunto do comisario de Política Rexional, Nicola de Michelis. Así mesmo, expuxéronse os diferentes casos das rexións que conforman o consorcio: Andalucía, Castilla La-Mancha, Galicia, o lander alemán de Saxonia, a rexión checa de Bohemia Central, Eslovenia oeste e o condado inglés de Cornualles.

Neste día Galicia tamén estivo presente reunión organizada pola Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas de Europa sobre o futuro do sector naval europeo que tivo lugar na capital comunitaria a través da directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos.

O director xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, durante a súa intervención no seminario CROWC

Open Days 2011

Fóra de Bruxelas celebráronse 220 actos locais en toda Europa baixo o lema “Europa na miña rexión/cidade”. O primeiro deles tivo lugar na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a principios de xullo, coa celebración de tres seminarios sobre cooperación transfronteiriza en Vigo, Braga e Porto.

Na organización dos Open Days colaboraron o Comité das Rexións, a Dirección Xeral de Política Rexional (DG REGIO) da Comisión Europea, o Parlamento Europeo, empresas, institucións financeiras, asociacións europeas e 206 rexións e cidades, entre as que se atopa Galicia, a través da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.

Baixo o lema ‘Investir no futuro de Europa: a achega das rexións e as cidades ao crecemento intelixente, sostible e integrador’, os principais temas de debate centraronse, en primeiro lugar, na relación entre a Estratexia Europa 2020 e a Política de Cohesión, en segundo lugar en cómo mellorar a eficacia e os resultados da execución destes fondos e, por último, na importancia da cooperación territorial.

 


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante