Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

13/10/2011

A Comisión Europea confirma á Xunta o seu apoio a que Galicia reciba fondos europeos ate o ano 2020

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas o seminario sobre as rexións do obxectivo intermedio
  • Na reunión participou o xefe de gabinete adxunto do comisario de Política Rexional da Comisión Europea, Nicola de Michelis
  • A rede de rexións liderada por Galicia seguirá a traballar cara a definir este novo obxectivo intermedio entre o ano 2014 e 2020

Bruxelas, 13 de outubro de 2011.- A oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas acolleu hoxe no marco da IX Semana das cidades e as rexións europeas (Open Days) un seminario sobre o futuro das rexións que saen por primeira vez do Obxectivo Converxencia, organizado polo consorcio de rexións CROWC, liderado por Galicia.

Neste encontro participou o xefe de gabinete adxunto do comisario de Política Rexional da Comisión Europea, Nicola de Michelis, quen reafirmou o apoio da Comisión ao establecemento dunha rede de seguridade para as rexións que saen do Obxectivo Converxencia, como é o caso de Galicia. Esta edición dos Open Days celébrase nun momento crucial do debate sobre o futuro dos fondos estruturais, un debate no que o novo Goberno da Xunta apostou desde o primeiro momento para defender unha axuda transitoria para Galicia a partir de 2014.

O director xeral de Relacións Exteriores durante a súa intervención

O seminario organizado pola FGE deu comezo coa intervención do director xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, quen destacou a persistencia de “importantes problemas estruturais” nas rexións que, como Galicia, saen do Obxectivo Converxencia, e insistiu na “perda da oportunidade de consolidar os investimentos necesarios para o desenvolvemento rexional” que suporía o recorte “drástico” da axuda comunitaria.

A continuación, Jesús Gamallo centrou o seu discurso na importancia de artellar unha axuda transitoria a partir de 2014 para consolidar a saída do obxectivo converxencia, facer fronte a importantes déficits estruturais, responder a certos desafíos intanxibles, como a globalización ou o cambio demográfico, e para alcanzar os obxectivos da estratexia Europa 2020.

Á intervención de Jesús Gamallo lle seguiu a intervención do xefe de gabinete adxunto do comisario de Política Rexional, Nicola de Michelis, quen destacou que a Política Rexional debe ser un instrumento comunitario permanente ao que convén dotar de máis claridade entre os seus obxectivos. Asegurou ademais que a rede de seguridade proposta pola Comisión Europea pretende asegurar que as rexións que saian por primeira vez do Obxectivo Converxencia, como é o caso de Galicia, sigan a recibir un apoio de polo menos dous terzos do que reciben no período financeiro actual.


Ademais, durante a sesión expuxéronse os diferentes casos das rexións que conforman o consorcio: Andalucía, Castela A-Mancha, Galicia, o lander alemán de Saxonia, a rexión checa de Bohemia Central, Eslovenia oeste e o condado inglés de Cornualles.

O obxectivo deste seminario, que se celebra despois da publicación da proposta da Comisión Europea sobre o futuro dos fondos estruturais, e onde se recollen as achegas deste grupo de rexións, é identificar estratexias de futuro cara á posición final do Parlamento e do Consello.

Rexións Converxencia camiño da Cohesión

CROWC fai referencia a Rexións Converxencia Camiño da Cohesión (Convergence Regions on the Way to Cohesion), e constitúese como unha estrutura común ou rede de rexións que teñen en común o feito de que todas superarán a condición de rexións obxectivo converxencia para o próximo período financeiro.

No ano 2009, Galicia tomou a iniciativa de reunir ás rexións que se atopan nesta situación para defender de xeito conxunto unha axuda transitoria no marco da Política Rexional da Unión Europea para o período 2014-2020.



Semana das Rexións e das Cidades

Baixo o lema “Investir no futuro de Europa: a achega das rexións e as cidades ao crecemento intelixente, sostible e integrador”, Bruxelas acolle entre os días 10 e 13 de outubro a novena edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades, tamén coñecida como Open Days.

Este evento congrega anualmente a 6.000 participantes arredor de 100 sesións de traballo co obxectivo de debater sobre o futuro da Política de Cohesión europea e intercambiar boas prácticas en materia de desenvolvemento rexional. Tres son os temas principais do debate: a relación entre a Estratexia Europa 2020 e a Política de Cohesión; cómo mellorar a eficacia e os resultados da execución destes fondos e a importancia da cooperación territorial.

Galicia ten unha participación destacada neste evento ao acoller e organizar na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas dous encontros e participar activamente noutros tres.

Máis información sobre a participación galega en Open Days



© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante