Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

12/10/2011

A Xunta avoga pola especialización e a complementariedade entre as administracións na loita contra a pobreza no mundo

  • O director xeral de Relacións Exteriores e da UE, Jesús Gamallo, participou nun debate sobre o futuro da cooperación ao desenvolvemento en Europa en canto que relator do ditame sobre a materia aprobado polo CdR en maio
  • Gamallo lembrou que a Xunta acaba de obter financiamento europeo para un proxecto de augas en Mozambique
  • Neste encontro no que participaron representantes da Comisión Europea, do Parlamento Europeo, do Comité das Rexións e representantes de países socios, Gamallo insistiu nas propostas do seu ditame sobre a futura política de cooperación da Unión Europea

Bruxelas, 12 de outubro de 2011.- O director xeral de Relacións Exteriores participou como relator, no marco da IX Semana europea das Rexións e das Cidades (Open days), na reunión de presentación do Portal de Cooperación descentraliza en Bruxelas. Este Portal ten por obxectivo servir como plataforma de intercambio de información das iniciativas de cooperación que se levan a cabo por parte de diferentes actores da UE. A posta en marcha desta ferramenta foi unha iniciativa da Comisión Europea e do Comité das Rexións.

Na súa intervención, Jesús Gamallo destacou varias das propostas contidas no seu ditame sobre o futuro da política de cooperación ao desenvolvemento descentralizada, que foi adoptado por unanimidade no Comité das Rexións o pasado mes de maio.

Deste modo, o director xeral puxo de relevo o valor engadido que achega a cooperación descentralizada na UE á cooperación que se realiza desde os propios Estados. As rexións e os municipios europeos dispoñen dunha gran experiencia na xestión de moitos ámbitos públicos (educación, sanidade, augas e tratamento de residuos, etc) que están en disposición de poñer ao servizo da cooperación para o desenvolvemento. No caso da cooperación galega, pódense destacar sectores estratéxicos como a pesca e a acuicultura, que resultan de importancia á hora de abordar as iniciativas que a UE quere apoiar no tocante á soberanía alimentaria.

“A política de Cooperación ao Desenvolvemento non se pode abordar cos mesmos parámetros que en 2007. Non é razoable. É preciso un enfoque integrador, centrado no valor engadido que poden aportar as rexións naqueles ámbitos nos que teñan máis experiencia e naqueles países beneficiarios onde teñen máis implantación. O obxectivo deber ser evitar duplicidades e solapamentos nas intervencións, porque isto agora non é asumible”, afirmou o director xeral.

Gamallo recordou que o obxectivo do ditame foi enriquecer o documento que está a piques de publicar a Comisión Europea, coa vontade de que a Comunicación incorpore unha mellor análise multinivel e prevexa unha maior aposta por un modelo de cooperación descentralizada, baseado nos principios de división e especialización no traballo, e de eficiencia na relación entre custos e resultados.

Un dos puntos principais no que incide o ditame é o relativo aos acordos de asociación da UE con terceiros países e a necesidade de respectar as regras básicas dos acordos comerciais da Unión no sentido de non derogar os requirimentos referidos ás regras de orixe dos produtos provenientes de países socios. Pídese polo tanto á Comisión europea que se estuden os potenciais danos que estas regras poden facer no correcto funcionamento do mercado interior, como é o caso das conservas de atún procedentes de Papúa Nova Guinea, e as posibles vantaxes de cara ao desenvolvemento sostible destes países co impulso dunha produción con orixe exclusivamente local.


Jesús Gamallo sinalou que “a Política de Cooperación para o Desenvolvemento non pode servir para amparar prácticas que causen un grave prexuízo a sectores produtivos esenciais dentro da propia UE. Quen se beneficia realmente desa derrogación de normas de orixe, non son os cidadáns de Papúa Nova Guinea, senón as multinacionais tailandesas, filipinas ou mesmo americanas, que conseguen colocar no mercado europeo as súas latas de atún cun arancel cero, o que supón un claro exemplo de dumping laboral, económico e ambiental. Iso hai que revisalo”, concluíu o director xeral.

Exemplo de cooperación galega

O director xeral presentou neste foro o proxecto no que está traballando como socio a Xunta de Galicia e que financiará parcialmente a Unión Europea. Trátase dun proxecto de consolidación da administración rexional de augas en Mozambique que se desenvolverá entre 2011 e 2014 e conta cun financiamento comunitario de 390 000 €.

Jesús Gamallo quixo poñer este proxecto como exemplo da cooperación das autoridades locais e rexionais na que se poden aportar resultados de maior peso grazas á suma dos recursos destinados á cooperación ao desenvolvemento.

Semana das Rexións e das Cidades

Baixo o lema “Investir no futuro de Europa: a achega das rexións e as cidades ao crecemento intelixente, sostible e integrador”, Bruxelas celebra entre os días 10 e 13 de outubro a IX edición da Semana das Rexións e das Cidades ou Open Days, co obxectivo de debater sobre o futuro da Política de Cohesión europea e intercambiar boas prácticas en materia de desenvolvemento rexional.

No marco desta semana, a sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas  acolleu e colaborou co seminario ‘A Administración Pública a prol do patrimonio cultural e histórico e do desenvolvemento sostible’. Esta conferencia era o resultado final do consorcio ‘Europe of Traditions’ formado por 10 socios rexionais europeos, entre as cales se atopaba a Deputación de Ourense.


Así mesmo, acollerá mañá un seminario sobre a iniciativa CROWC (Convergence Regions on the Way to Cohesion), organizado por un consorcio de sete rexións liderado pola propia FGE. Nel analizarase a proposta da Comisión Europea de conceder dous terzos das axudas actuais ás 20 rexións que saen por primeira vez do Obxectivo Converxencia.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante