Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

11/10/2011

A Xunta ve unha incoherencia política e técnicamente inviable condicionar a percepción de axudas europeas as rexións ao cumprimento da estabilidade orzamentaria dos estados

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, participou hoxe en Bruxelas nunha reunión conxunta entre o Parlamento Europeo e o Comité das Rexións sobre o futuro dos fondos comunitarios
  • Gamallo afirma que o debate sobre a condicionalidade está aínda “ moi verde”, e que a palabra clave vai a ser a flexibilidade na súa aplicación.

Bruxelas, 11 de outubro de 2011.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa, Jesús Gamallo, defendeu hoxe en Bruxelas, na reunión conxunta da comisión de Política Rexional do Parlamento Europeo coa comisión COTER do Comité das Rexións (CdR) a necesidade de seguir traballando para que as rexións europeas que abandonan o obxectivo converxencia sigan a contar cun apoio adecuado no período 2014 – 2020.

Ademais, e en relación coas condicións de cumprimento dos obxectivos do Pacto de Estabilidade europeo para recibir os fondos comunitarios, o director xeral insistiu en que “este é aínda un debate que está moi verde e no que queda moito por dicir”. Gamallo valorou como “un guiño” da Comisión Europea aos contribuíntes netos que na súa proposta se inclúa o requisito da condicionalidade macroeconómica para que a súa opinión pública apoie o paquete completo da Política de Cohesión.

O director xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, coa presidenta de Aragón, Luisa Fernanda Rudi.

Ao seu xuízo “a proposta da condicionalidade non a apoia practicamente ninguén porque non se pode penalizar o esforzo das rexións a favor da converxencia polos posibles incumprimentos dos Estados. Existen outras formas de sanción”. “Isto atentaría ao concepto e aos obxectivos da cohesión económica, social e territorial. Estamos a falar dunha incoherencia política”, afirmou o director xeral.

En liña co exposto polos participantes neste encontro o director afirmou que “ non ten sentido que as rexións que fagan bos plans de desenvolvemento cumprindo todos os criterios de elexibilidade destinando recursos para cofinanciar os proxectos, teñan enriba esta espada de Damocles. Ningunha rexión estaría en condicións de asumir ese risco o que fai a proposta da Comisión absolutamente inviable.

Proxecto Eco-innova

Durante a mañá de hoxe tamén tivo lugar a presentación do proxecto Eco-innova. Este proxecto, no que participan como socios a Xunta de Galicia, a Fundación Galicia Europa, a rexión Norte de Portugal, a rexión de Aquitania (Francia) e a rexión de Gales (Reino Unido) e liderado polo Concello de Ourense, céntrase na cooperación, o investimento e a asistencia técnica das pemes situadas no Espazo Atlántico que desenvolven actividades ambiental e socialmente responsables. Este proxecto foi seleccionado para participar no Open Days pola Dirección Xeral de Política Rexional da UE, entre máis de 100 candidatos, como un dos mellores proxectos cofinanciados pola Política Rexional.

O proxecto, no que participan seis institución das catro rexións mencionadas, ten unha duración de 35 meses (entre 2010 e 2012) está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) ao 65%.

Sesión plenaria do Comité das Rexións

Pola tarde reanudouse a sesión plenaria do Comité das Rexións, na que se aprobaron un total de seis ditames, centrados na axenda europea de vivenda social, a cooperación territorial na conca do Mediterráneo a través da macrorrexión Adriático-Jónico, a normativa intelixente, a revisión da Lei da pequena empresa para Europa “Small Bussiness Act”, a política industrial e o uso eficiente dos recursos. Nesta reunión interveu o comisario europeo de Industria, Antonio Tajani.

O presidente de Extremadura, José Antonio Monago, co director xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo.

Semana das Rexións e das Cidades

Baixo o lema “Investir no futuro de Europa: a achega das rexións e as cidades ao crecemento intelixente, sostible e integrador”, Bruxelas celebra entre os días 10 e 13 de outubro a IX edición da Semana das Rexións e das Cidades ou Open Days.

Este evento congrega anualmente a 6.000 participantes arredor de 100 sesións de traballo co obxectivo de debater sobre o futuro da Política de Cohesión europea e intercambiar boas prácticas en materia de desenvolvemento rexional.

Neste sentido, tres son os temas principais do debate: a relación entre a Estratexia Europa 2020 e a Política de Cohesión; como mellorar a eficacia e os resultados da execución destes fondos e a importancia da cooperación territorial. A semana dos OPEN DAYS é a única do ano na que manteñen unha reunión conxunta membros do Comité das Rexións e do Parlamento Europeo.

Seminario na Fundación Galicia Europa

O xoves, 13 de outubro, a sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas acolle un seminario sobre a iniciativa CROWC (Convergence Regions on the Way to Cohesion) (13C15), organizado por un consorcio de sete rexións liderado pola propia FGE. Nel analizarase a proposta da Comisión Europea de conceder dous terzos das axudas actuais ás 20 rexións que saen por primeira vez do Obxectivo Converxencia. Tras as palabras de benvida do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, seguirán as intervencións do xefe de gabinete adxunto do comisario de Política Rexional, Nicola de Michelis e da conselleira de Orzamento da Representación Permanente de España ante a UE, Pilar Sáenz de Ormijana. Despois, diversos representantes das rexións europeas participantes exporán os logros e os retos aos que se enfrontan os territorios que superan por primeira vez o 75% da renda media comunitaria.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante