Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

10/10/2011

A Xunta de Galicia solicita á Comisión Europea un impulso á cooperación transfronteiriza no orzamento 2014-2020

  • O director xeral de Relacións Exteriores e da UE, Jesús Gamallo, participou na apertura dos Open Days, onde interveu sobre a importancia de impulsar a cooperación transfronteiriza en Europa
  • Este debate contou coa participación do presidente da Comisión Europea, Jose Manuel Durao Barroso, o comisario de Política Rexional, Johannes Hahn, a presidenta da Comisión de Política Rexional do Parlamento Europeo, Danuta Hubner, a presidenta do Comité das Rexións, Mercedes Bresso e o vicepresidente primero deste órgano, Ramón Luis Valcárcel
Jesús Gamallo, durante a súa intervención na sesión de apertura dos Open Days

Bruxelas, 10 de outubro de 2011.- A partir de hoxe e ata o vindeiro xoves celebrarase en Bruxelas a IX Edición da Semana Europea das Rexións e das Cidade (Open Days), na que Galicia, a través da Fundación Galicia Europa, participará de xeito moi activo. Durante esta semana Galicia organiza dous seminarios na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas: sobre o futuro das rexións que saen do obxectivo Converxencia e sobre o apoio da administración pública ao patrimonio cultural e histórico e do desenvolvemento sostible.

No día de hoxe, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE interveu na sesión de apertura deste evento no Parlamento Europeo onde defendeu a cooperación transfronteiriza como elemento clave para a cohesión territorial. Neste debate estiveron presentes o presidente da Comisión Europea, Jose Manuel Durao Barroso, o comisario de Política Rexional, Johannes Hahn, a presidenta da Comisión de Política Rexional do Parlamento Europeo, Danuta Hubner, e a presidenta do Comité das Rexións, Mercedes Bresso, así como o vicepresidente primeiro deste órgano e presidente da rexión de Murcia, Ramón Luis Valcárcel.

Logo da súa intervención, Jesús Gamallo destacou que no contexto actual de crise económica e financeira a planificación estratéxica sobre a xestión do territorio e a recuperación das economías periféricas ten centrado o debate europeo. Deste modo, para o director xeral, a importancia das rexións na posta en marcha da política Rexional europea debe ser cada vez máis relevante.

Así, a Estratexia Europa 2020 presenta a cooperación transfronteiriza como unha forma intelixente de promover o desenvolvemento cohesionado e sostible. Neste senso, o director xeral incidiu no relevante papel das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) de cara ao establecemento de redes de diálogo e cooperación entre actores da cooperación territorial para compartir experiencias e articular proxectos integrados de desenvolvemento.

Título de la foto
Johannes HAHN, Comisario de Política Rexional, Danuta HÜBNER, MEP, Presidenta do Comité REGI do Parlamento Europeo, Mercedes BRESSO, Presidenta do Comité das Rexións, Jerzy Buzek, Presidente do Parlamento Europeo, Elżbieta BIEŃKOWSKA, Ministra polaca de Desenvolvemento rexional, José Manuel BARROSO, Presidente da Comisión Europea.

Finalmente, o director xeral pediu á Comisión Europea que continúe coa súa aposta por esta forma xurídica na liña da proposta que lanzou a semana pasada para mellorar a regulamentación das AECT.


Semana das Rexións e das Cidades

Baixo o lema “Investir no futuro de Europa: a achega das rexións e as cidades ao crecemento intelixente, sostible e integrador”, Bruxelas acolle entre os días 10 e 13 de outubro a novena edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades, tamén coñecida como Open Days.

Este evento congrega anualmente a 6.000 participantes arredor de 100 sesións de traballo co obxectivo de debater sobre o futuro da Política de Cohesión europea e intercambiar boas prácticas en materia de desenvolvemento rexional. Tres son os temas principais do debate: a relación entre a Estratexia Europa 2020 e a Política de Cohesión; cómo mellorar a eficacia e os resultados da execución destes fondos e a importancia da cooperación territorial.

Galicia ten unha participación destacada neste evento ao acoller e organizar na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas dous encontros e participar activamente noutros tres.

Máis información sobre a participación galega en Open Days nesta ligazón: http://fundaciongaliciaeuropa.eu/noticias_ver.asp?idSeccion=6&idTema=56&idNoticia=2388


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante