Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

21/09/2011

Jesús Gamallo defende no Parlamento Europeo o mantemento de dous terzos das axudas de cohesión para Galicia no marco financeiro 2014-2020

  • Jesús Gamallo participou no encontro que reuniu a membros da comisión REGI do Parlamento europeo e da comisión COTER do Comité das Rexións pertencentes ao Grupo Popular Europeo
  • Durante a xuntanza debateuse sobre o futuro da política de cohesión e a importancia das sinerxías políticas como medio para reforzar a cooperación territorial

Bruxelas, 21 de setembro de 2011.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e membro suplente do Comité das Rexións, Jesús Gamallo, participou hoxe nun encontro de traballo que reuniu a membros do Grupo Popular Europeo na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas. Esta reunión, que ten lugar a escasas semanas da publicación das propostas relativas aos fondos estruturais, centrouse, principalmente, no debate sobre o futuro destes fondos no seguinte marco financeiro 2014-2020 e no futuro da política de cohesión europea.

En concreto, neste encontro participaron membros do Grupo Popular Europeo na comisión de Desenvolvemento Rexional (REGI) do Parlamento Europeo e da comisión de Cohesión Territorial (COTER) do Comité das Rexións e tivo como obxectivo principal reflexionar sobre a medida en que a política de cohesión reponde ás necesidades dos territorios da Unión Europea.

Título de la foto
Reunión do Grupo Popular Europeo no Europarlamento

Neste senso, a reunión estruturouse en torno a dous debates principais, centrándose o primeiro no futuro da política de cohesión. Este debate contou coa participación da ministra de Desenvolvemento Rexional de Polonia, Elżbieta Bieńkowska, e do relator no Parlamento Europeo sobre o futuro marco financeiro plurianual, Reimer Böge. No segundo debate participaron a presidenta da comisión REGI, Danuta Hübner, e o vicepresidente primeiro da comisión COTER, Marek Woźniak, e centrouse na importancia de establecer sinerxías políticas como xeito de responder ás necesidades dos distintos territorios da UE.

Durante a súa intervención, o director xeral de Relacións Exteriores destacou o traballo realizado por Galicia no debate sobre o futuro da política de cohesión e mostrouse satisfeito polo contido da proposta da Comisión Europea relativa ao próximo marco financeiro comunitario. Esta proposta, presentada o pasado día 29 de xuño, suxire crear unha rede de seguridade para as rexións que abandonen por primeira vez o obxectivo converxencia que constitúa dous terzos da axuda percibida no actual período financeiro.

Jesús Gamallo durante a reunión no Parlamento

“O texto da proposta permíteme concluír que a labor de coordinación e apoio ás rexións que abandonarán por primeira vez o obxectivo converxencia realizada por Galicia a través da iniciativa CROWC deu os seus froitos”, afirmou Gamallo, aínda que tamén insistiu na necesidade de seguir traballando nos próximos meses “para que esta proposta se consolide e que a rede de seguridade sexa plenamente incorporada na versión final adoptada polo Parlamento e o Consello”.

Cooperación territorial na Unión Europea

Na súa intervención, o director xeral de Relacións Exteriores tamén insistiu na importancia de reforzar a cooperación territorial e destacou, concretamente, o papel da cooperación transfronteiriza como “instrumento clave para fomentar a cohesión e o desenvolvemento en Europa”. Neste senso, Gamallo resaltou a importancia do incremento da dotación orzamentaria prevista pola Comisión Europea no capítulo relativo á cooperación territorial na Unión Europea para poder continuar “desenvolvendo iniciativas de éxito na UE”.

En concreto, a Comisión Europea suxeriu na súa proposta un aumento da dotación actual neste apartado, pasando dos 8.700 millóns de euros do actual período 2007-2013, aos 11.700 millóns de euros para o próximo período 2014-2020.

Iniciativa CROWC

A iniciativa CROWC ‘Convergence Regions on the Way to Cohesion’ agrupa ás dezaoito rexións europeas que superarán a condición de rexións obxectivo converxencia para o próximo período financeiro comunitario. O principal obxectivo desta iniciativa, impulsada por Galicia, é lograr que estas rexións perciban unha axuda transitoria a partir de 2013.


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legal Protección datos Perfil de contratante