Subscríbete!

Se queres recibir a actualidade da UE no teu correo: noticias, convocatorias, procura de socios...

Preme Aquí


Axenda FGE

Aluguer de sala

Traballo e prácticas na UE

Convocatorias UE



Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en linkedin

05/08/2011

A Xunta de Galicia contribuíu a que a Comisión Europea considere a axuda transitoria que recibirían rexións coma Galicia

  • Segundo a proposta da Comisión Europea, á comunidade galega corresponderíalle a partir de 2014 dous terzos da axuda que recibe na actualidade

Santiago, 5 de agosto de 2011. A Xunta de Galicia apostou con diversas accións desde maio de 2009 pola defensa dunha axuda transitoria para Galicia a partir de 2014 que asegurase a consolidación de iniciativas e investimentos a medio e longo prazo unha vez que a nosa comunidade abandone o obxectivo “Converxencia”. A súa demanda dunha axuda estrutural máis equilibrada que os actuais sistemas “phasing-out” e “phasing-in” foi escoitada pola Comisión Europea, pois na súa proposta lexislativa “Un orzamento para Europa 2020” do pasado 29 de xuño, foi incluída unha nova categoría de rexións en transición onde se situarían as rexións que, como Galicia, abandonarán este obxectivo converxencia a partir de 2014. A proposta da Comisión Europea prevé a creación dunha rede de seguridade que outorgaría unha dotación financeira equivalente a dous terzos da axuda que perciben actualmente esas rexións.

Cara a unha axuda transitoria

Os principais argumentos a favor da devandita axuda comunicáronse ás institucións comunitarias a través da rede de rexións europeas CROWC (Convergence Regions On The Way To Cohesion), liderada por Galicia e que agrupa a 18 rexións que se atopan na mesma situación que a nosa comunidade. A configuración desta plataforma, presentada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, en outubro de 2009 en Bruxelas, amosou aos presidentes da Comisión Europea e do Parlamento Europeo a necesidade de apoio financeiro para facer fronte a importantes déficits estruturais así como para acadar as metas da estratexia “Europa 2020”.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia integrou os obxectivos da devandita estratexia europea na súa nova estratexia política (Plan estratéxico 2010-2014: Horizonte 2020), tras conseguir o acordo con todas as forzas políticas e interlocutores sociais galegos. Ademais, xunto coa Fundación Galicia Europa, presentou as súas propostas na consulta pública aberta sobre o “Quinto informe da cohesión económica, social e territorial da UE”.

Nas súas reunións na capital belga, os políticos galegos teñen solicitado este apoio ás rexións “intermedias” a dirixentes comunitarios coma Johannes Hahn, comisario de Política Rexional, e a Joaquín Almunia, vicepresidente e comisario responsable de Competencia. Ademais téñense organizado encontros coma o seminario de alto nivel “Unha política de cohesión para todos”, onde Danuta Hübner, presidenta da comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, mostrou o seu apoio á demanda galega. Para defender igualmente os fondos transitorios, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, acudiu ao V Foro da Cohesión, dedicado ao debate sobre o futuro desta política, e, pola súa parte, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, defendeu os intereses galegos a partir de 2014 nun recente seminario organizado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia - Norte de Portugal.

Por outra banda, co fin de coordinar unha posición común a nivel nacional, os representantes galegos mantiveron diferentes contactos coas outras comunidades autónomas afectadas pola saída do obxectivo “Converxencia”: Andalucía e Castela-A Mancha. Ante a ausencia dunha postura oficial do goberno do Estado ao respecto, o Parlamento de Galicia, a iniciativa do grupo popular, aprobou unha Proposición Non de Lei o pasado 24 de maio para demandar ao goberno central o impulso “dunha estratexia definida dirixida a garantir unha axuda transitoria” para as devanditas rexións.

Inclusión definitiva

A introdución do concepto da rede de seguridade para estas rexións en transición foi recibida con satisfacción polo Comité das Rexións e apoiado pola maioría do Parlamento Europeo no pleno do pasado 5 de xullo. No vindeiro mes de setembro, a Comisión Europea complementará a parte do orzamento xa publicada coas propostas concretas e detalladas sobre os fondos estruturais para o próximo período financeiro.

O texto final da reforma será adoptado antes de que remate o 2012, polo que a Xunta de Galicia seguirá a traballar para lograr a inclusión definitiva desta nova categoría proposta pola Comisión Europea.

Fonte: Xunta de Galicia


© Fundación Galicia Europa

Inicio Contacto Mapa Web Aviso legalPerfil de contratante